luns, 10 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A historia interminable"



A historia comeza coa vida solitaria dun neno tímido, Bastian, que le con paixón un libro máxico coa capacidade de levalo ao fantástico mundo de Fantasía. Pero Fantasía  encóntrase maldita: A Emperatriz Infantil está mortalmente enferma e o seu reino corre un grave perigo. A salvación dependerá dun humano, Bastian, co obxectivo de darlle á Emperatriz un novo nome. Pero a viaxe ata o seu castelo encóntrase chea de temibles dragóns, xigantes, monstruos e maxia. Para salvar Fantasía, Bastian deberá encontrar a coraxe para combater as tebras e resolver os misterios do seu propio corazón.
A Historia Interminable é probablemente o meu libro favorito. Con frecuencia lin e escoitei que se trata simplemente dun libro para nenos e non podería encontrarme en maior desacordo. A imaxinación, a filosofía e a moral  de Michael Ende contribuiron á realización da obra maestra que a Historia Interminable é. De maneira imposible poderá alguén non empatizar con Bastian e a súa avidez por ler, a soidade da que sofre e os seus inocentes desexos dunha unha vida mellor. Pero este libro vai un paso máis aló. E é que Michael Ende, aínda sen recorrer ao uso de termos complicados, consegue crear un estilo de escrita abundante de carisma e, sobretodo, maxia. En máis dunha ocasión cheguei a  pensar que Fantasía, o mundo imaxinario, realmente existía, e a miña concentración durante a lectura desta novela foi tan profunda que nen sequera conseguín percatarme das case 500 páxinas que abarca. O libro cumpre coas promesas que explica na contraportada: Bastian  encóntrase con dragóns, descomunais arañas venenosas, persoas de pel de prata e leóns falantes. Pero, segundo a miña opinión, o verdadeiro logro desta historia é a sutileza do desenvolvemento psicolóxico do protagonista: Bastian, comezando como un neno tímido, experimentará o temor, a alegría, a realización dos seus máis profundos desexos, a envexa, o odio e a estrañeza dun pasado perdido que, en conxunto, o convertirán non só a el, tamén ao lector, nunha mellor persoa.
                                                                  
                                             Cristian Paredes Franco, 1º Bacharelato Adultos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario