luns, 12 de decembro de 2016

Un filme para Nadal... "Paterson"




   Acabo de ver unha desas películas que, cando saes do cine, seguen dentro de ti, da mesma maneira que ti quedaches engaiolada nela durante as súas dúas horas de duración.
  Paterson mostra a vida, ao longo dunha semana, do condutor de autobús e poeta así chamado, que vive na cidade do mesmo nome, onde viviu tamén unha das glorias da poesía norteamericana, William Carlos Williams. No filme non ocorre nada especial, como na vida habitualmente, no seu rutineiro día a día, excepto ao final, onde unha pequena traxedia,  en realidade unha grande perda, é compensada, xustiza poética, por un encontro reparador...
  O ritmo é moroso, salpicado con momentos de humor (ese can, ese bar...). Ao finalizar, unhas espectadoras que estaban detrás miña dixeron : "Que tostón!"...para min, ao contrario, é unha desas películas sinxelas pero que, como as cebolas, teñen moitas capas: é a historia dun home bon, unha historia de amor feliz, a  crónica do que é en realidade a vida, sucesión de pequenos momentos case sempre intranscendentes, o retrato dunha pequena comunidade de xente bondadosa na súa normalidade...e unha reflexión sinxela, sen rebuscamento, sobre a creatividade, que pode brotar até nas situacións máis prosaicas transformándoas en arte...Paterson é,  tamén, para min, arte.
 
                                                                                                  Susana Piensos.

sábado, 10 de decembro de 2016

Outra muller co Nobel da Paz: Rigoberta Menchú

Seguindo a estela da entrada anterior, as alumnas María Castro e María Costa fixeron este traballo dentro da materia de Oratoria.

https://drive.google.com/open?id=0B3mkIjPM-Sr3MmJsWnZtVS1UOTA

Para vela terás que escoller a visualización de Google Presentacións.

mércores, 7 de decembro de 2016

A Premio Nobel da Paz Wangari Muta

Enlace á presentación 


María Castro e María Costa, dúas alumnas da profesora Beatriz Moreno, fixeron esta presentación sobre a Premio Nobel da Paz Wangari Muta Maathai. A súa labor é digna de recoñecemento. Fai clic no enlace para vela e abrea coa ferramenta de presentacións de Google. Parabéns!

xoves, 1 de decembro de 2016

Un filme documental cada semana...ou cada mes..."Home" de Yann Arthus Bertrand




  Este documental conta, con imaxes desde  o aire, a mala evolución da Terra a causa da  contaminación ambiental, da explotación das enerxías non renovables...tamén nos fala de moitos países produtores de petróleo onde a xente vive en casoupas e sen ningunha axuda, do perigo de que se derrita o xeo do Ártico e de que se inunden as cidades...
   É un documental moi interesante  xa que nos alerta dos perigos que sofre a Terra en case todos os países, cunhas imaxes impresionantes, algunhas moi impactantes. O narrador conta cousas moi interesantes sobre os perigos da contaminación e da falta do respecto á nosa casa, a Terra.
  A mensaxe que pretende dar é un pouco pesimista, non me gustou nada ver tanta xente malvivindo en países con petróleo e diñeiro; pese a isto, o documental é moi recomendable e moi didáctico.
                                                                                  
                                                                               Alfonso Soilán Sánchez, 3º ESO.
                                                                             

mércores, 30 de novembro de 2016

30 de novembro, o día máis cuántico do ano

A física cuántica necesita da túa axuda. Hoxe é o gran día, o día do experimento chamado "The Big Bell Test". Centos de sitios web, coma o MUNCYT de A Coruña, fanse eco e poñen aos seus visitantes a participar cun xogo no experimento. Queres colaborar coa Ciencia? Ben doado vai ser. Fai clic aquí e deixate levar.... Só terás que meter varias cadeas de ceros e uns ao chou, tan ao chou como podas...

sábado, 26 de novembro de 2016

Visitamos....Galicia Cen






  O día 16 de novembro  acudimos á exposición "Galicia Cen", en Afundación. Trátase dunha mostra de 100 obxectos representativos de Galicia; obxectos en xeral bastante curiosos, desde uns coitelos de pedra afiada de hai, segundo nos dixeron, 400000 anos (pareceunos moitísimo tempo...) a outros de hoxe. Nalgúns casos trátase de obxectos únicos e orixinais, o que lle dá un valor especial á exposición, que estaba dividida en bloques temáticos para dar unha visión máis completa e global da nosa historia.
   Entre o que máis nos chamou a atención está a bandeira de Galicia que cubriu o féretro de Castelao (dixéronnos que era a terceira vez que se mostraba en público), algúns manuscritos medievais (entre eles, unha reprodución do famoso Códice Calixtino)  e ficamos unanimemente impresionados pola historia do futbolín...da que non vos contamos nada para non estragarvos a sorpresa cando vaiades...só imos dicir que se trata dunha historia emocionante, aínda que bastante triste.
   Resultounos unha visita moi interesante, ademais de polo seu contido, grazas á guía, Ruth, quen nos explicou moi ben, de xeito moi didáctico, facéndonos participar, e sempre cun sorriso...
   En definitiva, valeu a pena.
                                                                                                     3º ESO V.

mércores, 9 de novembro de 2016

Proxecto da biblioteca 2016-2017: "Os ríos, fonte de inspiración, fonte de vida"



Outono no Courel da man dos ríos- 22 de Outubro (2016)

Con motivo do proxecto da nosa Biblioteca para o curso 2016-17, os profesores organizamos una saída cultural ao Courel.


-Percorrido polo Courel (Concellos de Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Quiroga e Samos): O Cebreiro, Liñares do Rei, Veiga de Forcas, Pacios, Seoane, Esperante, Carbedo, Visuña, Ferramulín, Vieiros, A Seara, Parada, Moreda, Meiraos, Paderne, Praducelo, Ponte Loúzara, Airapadrón, Samos…
-Paisaxe:
        Xeoloxía: Plegamento de Campodola-Leixazós (300-350 millóns de anos.
        Clima: (Confluencia e rasgos dos climas: Mediterráneo, Atlántico e Continental)
Ríos: Lor, Pequeno, Visuña, Selmo, Loúzara, Oribio


Devesas: A Rogueira, A de Paderne (castiñeiros, setas, landras, prados)
Fervenza: Vieiros, o Fócaro
        Explotacións mineiras: A Toca e Túnel de Romeor (ouro, mundo romano), Ferramulín, Ferrería Nova, Ferreiros deArriba e da Abaixo, As Cruces (ferro, vínculo coa “Rodieira” ou Camiño da Vea, ref. Busmayor-Barjas).
-Cultura:
        Música: Orquestras “Eiriz” e “os Paderne”. Músicos da igrexa de Meiraos.
        Historia: Códice Calixtino, Camiño Francés, Alfonso IX. Cambio da capitalidade de Seoane por Folgoso (1940).
Literatura: Uxío Novoneira (“Os Eidos”)

 
Se queres ler máis da viaxe e ver máis fotos da excursión, fai clic aquí.

martes, 1 de novembro de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "El conde Lucanor", de Don Juan Manuel





   Acabamos de ler unha escolma de contos de El conde Lucanor. Todos eles teñen a mesma estrutura: o xoven Conde Lucanor ten un problema e pide consello a Patronio; este cóntalle unha historia relacionada coa súa consulta e finalmente hai unha moralexa en verso.
  O libro é interesante porque, aínda que escrito hai moitos séculos, as cousas que preocupan a Lucanor poden ocorrernos a nós hoxe; a estratexia de Patronio de contar unha historia ao conde é axeitada para que lle resulte máis divertido e saiba mellor cómo ten que actuar...Aínda que pode resultar un pouco repetititvo e a linguaxe é ás veces difícil, en xeral é entretido e podes obter ensinanzas.  
                                                                                                                            3º ESO V.
 
 
      

sábado, 1 de outubro de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."Un año en los bosques" de Sue Hubbell

 
 
   A autora e protagonista desta obra difícil de clasificar (mestura entre memorias, novela e autobiografía) invítanos a visitala, ao longo dun ano, marcado polo transcorrer das estacións, na súa granxa de abellas, en medio do bosque, nas montañas Ozarks en Missouri, USA, onde vive soa.  O máis fermoso é que todos os elementos da exuberante natureza que a rodea, fauna e flora, se transforman nos seus compañeiros, ou mellor, ela pasa a ser un elemento máis desa natureza, en absoluta harmonía co entorno.
   O libro está escrito con sinxeleza, con descricións moi expresivas que nos fan coñecer a perfección coa que se complementan os seres vivos que conviven nun ecosistema; a medida que lemos, imos sentindo que somos unha especie máis, non o centro do mundo. Unha lección de humildade.
                                                                                              Susana Piensos.

xoves, 1 de setembro de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."Pippi Langstrump", de Astrid Lindgren.






   Relemos,  neste verán  que remata,  un clásico da nosa infancia: as historias da estrambótica nena  de pelo roxo, forza sobrehumana, maneiras incorrectas e enorme corazón, Pippi Langstrump. Leo a reedición da obra completa co pracer que produce comprobar  que os clásicos non envellecen, senón que poden lerse a calquera idade sen perder a súa calidade e capacidade de suxestión.
   As historias de Pippi son un moderno conto de fadas, cheo de prodixios que acontecen na vida cotiá de dous nenos, Tommy e Annika, aos que a aparición desta fada atípica lles cambia a vida. Son historias cheas de humor, absurdas, marabillosas, cheas de luz e alegría de vivir, que ocorren nunha pequeña vila atemporal na que un desexaría quedar a vivir para sempre...
  Se xa a coñecedes, relédea.Se non, achegádevos a ela; vale a pena.
 
                                                                                                                        Susana Piensos.

luns, 22 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."As lágrimas de Shiva" de César Mallorquí



   A novela trata du neno chamado  Xabier, o cal tivo  que ir á casa dos seus tíos no verán a causa de que seu pai estaba moi enfermo; ao chegar non lle gustou nada o ambiente, moi tranquilo e silencioso, pero enseguida levouse coa súa curmá, Violeta, xa que unha pantasma familiar os uniu para que averiguasen o que lle ocorrera...
   O libro gustoume moito porque ten un pouco de todo o que me gusta: misterio e amor; misterio de investigar a desaparición da antepasada e o amor que vai xurdindo entre Violeta e Xabier. Pareceume un libro moi bon e recoméndoo.
                                                                                         Ainara Santiago.
  

luns, 15 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O ciclo da lúa vermella" de José Antonio Cotrina.



 
   Esta historia trata duns mozos que  son  levados a  Rocavarancolia, un mundo totalmente descoñecido para eles.  Grazas á maxia logra sobrevivir a maior parte dos nenos, aínda que un morre e dous están feridos...mentres os nenos intentan sobrevivir, o consello real intenta descubrir a causa da norte dun dos membros. Que pasará cando chegue a Lúa Vermella?...e cantos sobrevivirán?
   Este libro pareceume que está moi ben escrito; enténdese todo moi ben e non é difícil de ler. O tema é dos que me gustan, que son os de fantasía e acción. O título pareceume moi orixinal.
   A historia mostra que é difícil que os adolescentes vivan ben sós, pero con esforzo o poden lograr.

                                                                                       Alejandro Cabana Noguera.

luns, 8 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Nunca serei o teu heroe", de María Menéndez Ponte.



 
   Andrés é un rapaz que vai ao instituto onde ten o seu grupo de amigos, grazas aos cales acabará sacando o curso con moi boas cualificacións. A Andrés encántalle facer cómics e a súa profesora de Literatura fíxase nel e acabará conseguindo que o contraten nunha editorial para poder sacalos á luz.
   Creo que é un dos mellores libros para adolescentes que coñezo. Faise moi ameno e apetece lelo, ademais de que reflicte os problemas que teñen algúns mozos na actualidade;  tamén transmite valores, coma o non ao racismo, ser bo amigo, no bo e no malo, non xulgar á xente a primeira vista  e superar as túas propias metas.
                                     
                                                                                    Javier Verdote.

luns, 1 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O código Da Vinci", de Dan Brown.




   Ao morrer, Jacques Saunière deixou unha mensaxe oculta á súa neta, Sophie. Coa axuda de Robert Langdon logran resolver un misterio no que estaban involucrados os sucesores dos templarios e o buscadísimo Santo Grial. Segundo este libro, o Santo Grial non é o que pensamos....
   O libro encantoume,  simplemente, xa que a min me encantan las polémicas e iso é o que máis creou este libro, polémica. Tamén me encanta porque sempre me atraeron as historias de misterio e suspense.
  Outro día falarei da versión cinematográfica protagonizada por Tom Hanks,  que me pareceu tamén moi boa.
                                                                                            Alicia Cabana.
 

martes, 26 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Morte desde seis vinte e cinco", de Jordi Cervera





  A novela trata dun xogador de baloncesto ao que lle asasinan a muller e o fillo mentres xogaba un partido moi importante; ademais, o sarxento Pons e a súa tropa atopan unha vinganza moi elaborada. Os axentes da lei terán que descubrir o dobre crime e demostralo pouco a pouco.
   Na miña opinión, a novela é moi boa, gústame a maneira de relatar a historia,  a descrición dos personaxes (o protagonista cáeme moi ben), e o tema (o baloncesto é o meu deporte); ademais, gústanme as novelas de asasinatos, outro punto ao seu favor. Só me falla unha cousa: os afeccionados do clube de Ray, o protagonista,  son un pouco aloucados...o resto, na miña opinión, perfecto.
 
                                                                          Bruno Fernández Villar. 

luns, 18 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O gardián entre o centeo" de J.D.Salinger



   Un adolescente de 17 anos acaba expulsado do colexio onde estuda. Vai a New York, alóxase nun hotel e vai de bar en bar, até que ao final acaba indo á casa dos seus pais, ás agachadas, para que non soubesen nada da expulsión. Vai falar coa súa irmá para contarlle que se vai ir da casa pero ao final non o fai e fica cos pais.
   A novela está narrada en primeira persoa polo protagonista, adolescente que se converteu nun exemplo da rebeldía desta idade; desenvólvese en diversos lugares de New York e presenta algúns saltos temporais. Parece que se converteu nun best seller desde o momento da súa aparición e é unha das obras máis lidas nos institutos de USA. A min pareceume un libro moi bo, seguramente dos meus favoritos; resultoume moi entretido e léndoo pasoume o tempo moi rápido.
                                                                                
                                                                                                         ManuelViñas Silva. 
 


luns, 11 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Segundas oportunidades" de Rainbow Rowell



   Esta novela trata dun matrimonio con problemas pero que non lles dan importancia, até que ela ten que quedar por traballo e el vaise coa súa familia; pero cando ela o chama  polo teléfono  da casa da súa nai, nota que o seu marido non é o mesmo...
   O libro gustoume moito xa que non é a historia de amor típica de adolescentes, senón de persoas bastante maiores, e a verdade é que ao principio asustoume un pouco iso, o feito de que os protagonistas fosen moito maiores ca min, pensaba que non ía empatizar moito con eles pero a verdade é que si. Pareceume moi orixinal o do teléfono da casa da nai que chama ao pasado, dálle un punto moi interesante. Tamén me gustaron os saltos no tempo que dá, lembrando tanto os momentos bonitos coma outros que non o eran tanto, con Neal.
   É unha  historia realista porque fala dos problemas cotiáns que temos todos, pero tamén ten un punto de fantasía co do teléfono. Metinme moito na historia e non podía parar de ler.

                                                                            Pilar López de la Osa.
  

luns, 4 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O neno co pixama de raias" de John Boyne



  O libro fala de Bruno e a súa familia, que vivían en Berlín e tiveron que irse a Auschwitz polo traballo do pai; Bruno alí non tiña amigos até que, detrás dunha reixa, estaba un neno cun pixama de raias...era un campo de concentración. Fóronse facendo amigos, e cando tiña que volver a Berlín, antes de marchar, buscando a Shmuel ocorre algo terrible...
   Gustounos moito este libro, porque é unha historia real; emociona a inocencia de Bruno e entristece a crueldade dos campos de concentración. Ademais, o libro é fácil de ler, entretido, especialmente o comezo e o final; este último encantounos, aínda que é moi triste.  A valoración do libro é moi boa.  

                                                                Nicolás Bodelón, Zeltia Mantecón e Marta Pérez Pose.

luns, 27 de xuño de 2016

Un filme cada semana...ou cada mes..."Good bye Lenin! "



   A película trata da historia dunha familia que vive baixo o réxime comunista na Alemaña Oriental; estamos nos anos 80 do pasado século. Había moitas manifestacións e nunha delas estaba Alex, o protagonista, que foi collido pola policía; a nai viuno e esvaeceu ao sufrir un infarto. Pasa un tempo en coma, durante o cal cae o muro de Berlín...prodúcese un cambio social, coa unificación alemá e a chegada do capitalismo e Alex e a súa irmá deciden non contarlle nada á nai e recrear a vida na antiga Alemaña comunista...
  Gustoume moito coñecer como era a vida no comunismo, como era antes a antiga Alemaña e gustoume o que fixo Alex para que a súa nai non se enteirara de nada...a película déixate intrigada sobre como vai enteirarse a nai da realidade do que ocorría no seu país...mestura o drama (a situación da familia e, sobre todo, da nai)e o humor (a maneira que ten de contar todas as astucias de Alex para impedir que a súa nai coñeza a verdade). En realidade gustoume todo, volveríaa a ver.
                                                                                                                      Nicole Monar.


luns, 20 de xuño de 2016

Unha novela gráfica cada semana...ou cada mes... "Papel estrujado", de Pep Domingo (Nadar)




 
  O libro ten dous personaxes principais: Javi e Jorge. As historias comezan a ser narradas  por separado, Javi, con 16 anos, Jorge, duns 50 aproximadamente. Javi "lata" a clase e é un sicario; Jorge é un solteiro que traballa nunha empresa madeireira; vive nun hostal con cuxa recepcionista mantén un  lixeiro e á vez apaixonado romance...
   Este libro gústame moito, encántame como está contada a historia: dúas historias totalmente opostas é o que máis me chamou a atención. Os protagonistas son excelentes, o meu favorito é o adolescente porque logro empatizar con el. Aínda que o libro non sexa unha comedia, a min si mo resulta nalgunhas partes.
  O final resúltame sorprendente, pois as dúas historias finalmente se unen  de xeito inesperado.
                                                                                                                Julio Casal, 4º V.

luns, 13 de xuño de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."Eleanor & Park" de Rainbow Rowell









   A novela trata de dous xovens: Eleanor é a moza nova que fai amigos, no autobús coñece a Park, un rapaz asiático; entre eles coñecerán o verdadeiro amor, aínda que non será para sempre...estamos en agosto de 1986...
   Gustoume moito a historia, sobretodo   porque trata de xente xoven e de amor, una historia romántica e bonita...ao final non acaban xuntos, pero ela dille  a el que o quere en só dúas palabras; esa é a miña parte favorita.
   A novela está narrada de xeito clásico, cun narrador externo, sen saltos temporais, con claras descricións dos protagonistas. Impresionoume tanto esta historia, en comparación con outras que lera anteriormente, é tan diferente, que a vou reler.
 
                                                                            Nicole Monar. 4º ESO.  

luns, 6 de xuño de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Unha historia familiar", de Christine Nöstlinger




   O libro trata dunha rapaza de 14 anos, cuxa familia é coñecida  como "os sacos", pola súa obesidade. Un día, a nai decide adelgazar e poñerse a traballar...isto fará que comecen una serie de cambios na familia.
  A historia gustoume, por ver como Gretchen e a súa nai superan moitos obstáculos; polo contrario, non me gustou a actitude do pai, machista, e  da avoa , que trataba mal á muller de seu fillo.
  Deste libro pódese sacar a conclusión de que nesta sociedade, que evolúe día a día,  hai que loitar, aínda que se che poñan obstáculos, e superar tamén os temores que un ten. Tamén me gustou porque ten partes serias, conta cousas que ás veces pasan nas nosas vidas, como o conflito dos pais, paréceme algo que vemos cada día na sociedade.
 
                                                                                      Jaqueline Micaela Calle, 4º ESO.


luns, 30 de maio de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "A clave secreta do universo", de Stephen & Lucy Hawking




   Esta historia trata dun neno, George, ao que o que máis lle gusta é mirar as estrelas e poder ter un ordenador. Ten a mala sorte de que os seus pais son ecoloxistas, ou sexa, todo o contrario ao seu fillo. Ao vecindario chega un novo viciño que é un eminente científico, polo que aos pais de George non lles gusta nada...na novela xúntase o asombro dun neno coa agudeza intelectual dun xenio.
   En xeral, o libro gustoume moito, é uha historia moi entretida. O comezo é moi divertido, polo que o libro engancha a seguir lendo; acontecen ademais unha serie de aventuras e experiencias tamén moi divertidas. Canto aos personaxes, paréceme que están moi ben feitos, o neno apaixonado e os seus pais, todo o contrario a el, e que haxa esa conexión entre os novos viciños e o protagonista.
   En resumo, paréceme un moi bon libro, a miña opinión é positiva.
                                                                                                    Miguel Ocampo, 4º ESO.
  
  

Picasso, poeta

"Soy un pintor viejo y un poeta recién nacido"

"Soy más que eso, lo que pasa es que nadie me toma en serio. La gente me toma en serio en mi faceta como pintor. Peor para ellos".

Retrato de Picasso, realizado por Candela Avendaño Liste 4º A
 

martes, 24 de maio de 2016

Unha miniserie baseada nun libro cada semana...ou cada mes..."Crónicas marcianas", de Ray Bradbury.




  Hoxe vou comentar a miniserie de 1979  Crónicas marcianas, baseada na novela do mesmo título de Ray Bradbury. A historia trata das expedicións que fai a NASA a Marte; as tres primeiras expedicións son destruídas polos marcianos, quen morren á súa vez contaxiados por enfermidades traídas da terra; máis tarde, colonos terrícolas irán vivir a Marte....
  A historia gustoume polo seu contido, pero tamén valoro o ben feita que está, xa que naquela época os efectos especiais non eran fáciles de facer e están bastante logrados. Por outra banda, hai un paralelismo entre o comportamento dos terrícolas e o dos colonos que chegaron, por exemplo, a América, destruíndo o que encontraban para impoñer a súa "cultura"...así que creo que é moi recomendable; ademais, podedes vela gratis en internet.
                                                                                          Alejandro Cabana, 3º ESO.

venres, 20 de maio de 2016

Visita á casa de Manuel María



Comprometido con Galiza:
"o meu sangue é un regueiro, un río,
un océano que canta e se enfurece"

A ollada de Manuel María nunca escapou da realidade que viviu o pobo galego. El foi o que nos puxo en contacto co maxisterio de Otero Pedrayo e co pensamento nacionalista de Castelao; participou na reorganización do nacionalismo na posguerra e, xa desde 1964, militou activamente no nacionalismo galego. Malia as represalias sufridas, nunca deixou de ser unha voz insubornábel en defensa do seu pobo.

Galiza

Galicia docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!

(Foto e texto: Lucía Iglesias G. y María Iglesias I.)

xoves, 19 de maio de 2016

Flora y fauna características de Galicia

Enlace a la foto

Los alumnos de 4º V construyeron este mural en el que se representa parte de la flora y fauna característica de Galicia. También se recogen algunas especies que amenazan la biodiversidad gallega, como la tortuga de Florida o la hierba de la Pampa.

Con este trabajo hemos acercado un trocito de nuestro entorno al aula, recordando que:
"No se puede defender lo que no se ama
y no se puede amar lo que no se conoce"
(Texto: Prof. Cristina Viqueira, Foto: Mario S. García)

luns, 16 de maio de 2016

Un filme cada semana...ou cada mes..." Wallace & Gromit, a maldición do home coello"




 Wallace e e seu canciño Gromit traballan cazando coellos nas hortas da xente  para que non coman as verduras, xa que fan falta para o concurso que se fai todos os anos. Wallace inventou unha máquina para cazar máis rápido os coellos; pero algo saiu mal xa que a máquina creou un coello que, cando sae a lúa chea, convírtese nun coello xigante que come toda a verdura . Gromit dáse conta de algo terrible....
  A película, con personaxes e escenarios feitos  de plastilina, de xeito artesanal, conta unha historia de humor e intriga, que rende homenaxe a clásicos do terror como King Kong, Frankenstein ou o Home Lobo. Ademais, amosa a vida nunha viliña inglesa, onde aparecen personaxes característicos como lady Tottington, a rica propietaria dunha mansión típica dese país; ademais, os dous protagonistas, Wallace, o inventor chiflado amante do queixo  e o seu fiel can Gromit, o heroi da historia ... A película gustoume porque describe unha vida que me recordou á miña infancia. 
                                               
                                                                                       Manuel Viñas Silva, 3º ESO.

luns, 9 de maio de 2016

Celebramos o Día das Letras Galegas




   O venres 6 de maio asistimos, no salón de actos do instituto, a unha pequena homenaxe a Manuel María, ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Proxectouse un breve documental onde persoas que o coñeceron falaban da súa vida e da súa obra.
   Falouse de que a súa obra é tan e abundante que nin el mesmo se lembraba de todos os títulos; nós quedamos con "Os soños na gaiola" e "Terra Chá", que trata da súa terra natal á cal se sentía moi unido; tamén se falou da importancia, na súa vida, de Saleta, a súa muller; explicouse o significado do termo "señardade",  presente nos seus poemas...no documental o cantante Roi Casal  interpretou una canción con texto do poeta....
  E completando a proxección, o profesor Xulio Cuba recitou poemas, algún inédito, dos que destacou un fermoso verso:" o idioma é a chave coa que abrimos o mundo". A intervención do profesor aportou amenidade a un acto que tiña, quizais, demasiado nivel para nós. 
 
                                                                                                     Marta Pérez Pose  e o resto de 3º V.

Un filme cada semana...ou cada mes..."Citizen Kane"



  A película trata dun periodista que despois da morte do magnate da prensa, Charles Foster Kane, investiga sobre a súa vida preguntándolles ás persoas que formaron parte dela e así coñecémola desde diferentes perspectivas...o que intenta é descubrir o significado da última palabra de Kane ao morrer: Rosebud...
    Moitos críticos din que é a mellor película da historia do cine, pero na miña opinión esaxeran...gustoume bastante, pero non é para tanto.
   Gustoume pola intriga, até o final, de que é Rosebud (e que non vos vou contar, claro), pero resultoume un fnal escaso. Tamén me gustou que o personaxe se presente desde diferentes puntos de vista . Por último, destaco tamén a fotografía, nun branco e negro moi expresivo.
                                                                               
                                                                                         Pilar López de la Osa, 4º ESO. 

mércores, 27 de abril de 2016

Un filme cada semana...ou cada mes... "Central do Brasil"





    A película trata dunha mestra xubilada que escribe cartas para a xente analfabeta na Estación Central de Río de Janeiro. Tense que facer cargo dun neno que queda orfo ao ser atropelada a nai alí mesmo, e percorren Brasil na busca do pai...
  A película, unha "road movie" (moi típico, este xénero, do cine norteamericano, por iso o anglicismo), así chamada por narrar unha viaxe, gustoume porque pasan moitas cousas, aínda que o final...resúltame demasiado aberto; estaría ben una segunda parte....
  A película ensinoume cousas duras,  como por exemplo que en Brasil hai moito analfabetismo ou tráfico de nenos, pero tamén xente valente e honesta, como Dora, a protagonista, que se fai cargo de Josué sen ter por que. Os actores son moi bons, especialmente o neno, que o fai de marabilla.
  Por último, debo dicir que vimos a película en versión orixinal, en portugués,  con subtítulos en castelán, o cal daba un pouco de medo ao principio, pero habitúaste rápido.
                                                                                                             Nicolás Bodelón, 3º ESO.

domingo, 24 de abril de 2016

Unha paxariña para Picasso

(Foto: Mario S. García)
Para honrar a Picasso,
fago esta paxariña,
da miña man,
con material escaso
Alejandro Cabana e o resto de 3º ESO V

sábado, 23 de abril de 2016

Día do Libro 2016







                         Día do Libro 2016

Adicamos este día aos autores e as obras que estamos a conmemorar ao longo do 2016, un ano moi literario: 

IV Centenario da morte de  Cervantes e Shakespeare
II Centenario do nacemento de Charlotte Brönte
I Centenario da morte de Rubén Darío e Henry James
150 Aniversario do nacemento de Valle-Inclán
I Centenario do nacemento de Roald Dahl, Camilo José Cela e Antonio Buero Vallejo

Estes son algúns dos traballos e presentacións dos alumnos e alumnas da ESO: