martes, 30 de xullo de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."Denial"





   Esta película é moi interesante porque nela  se desenvolve unha loita entre un negacionista, antisemita, pro-hitleriano e historiador, e unha xudía historiadora. Todo comeza cunha charla da historiadora, falando do seu libro sobre o Holocausto, cando,  de súpeto,  o historiador interrompe, disente e tenta apoderarse da charla porque ela fala del no seu libro.
   Creo que a película é moi interesante para a xente a quen lle gusta a historia; é moi fácil "traspasar" a película e poñerse no lugar da protagonista, sentir a frustración, a súa loita...Vívese a tensión e tristeza en primeira persoa. E o mellor é que está baseada en feitos reais.
                                                              Juan Pardo Lage, 1º Bacharelato Adultos.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

martes, 23 de xullo de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."Un monstruo viene a verme"

 


   A película conta a historia dun neno de doce anos, Connor, que, tras a separación dos seus pais e a enfermidade da súa nai, ten que coller as rendas da casa. Para superar as fobias e medos que padece e o acoso escolar que sofre, recorre a un mundo de fantasía e crea un monstro, que é unha vella árbore que observa a través da xanela. E é este monstro, que non espanta senón que desborda sabedoría e reflexión, quen o axudará a enfrontarse á dor, á verdade, e todo iso vaino facer madurar...
  Na película retrátase a evolución do protagonista; aparecen grandes vínculos entre as persoas, como a preocupación dun fillo pola súa nai, aínda que non llo mostre, ademais do terror e a incerteza ante a súa perda . Tamén se mostran a soidade e a indiferenza que mostran os seus profesores e compañeiros de clase. A posta en escena consegue que sintamos como propia a vivencia do personaxe.
  En resumo, o director consegue emocionarnos situando a historia desde os ollos dun neno de doce anos, sensible, cos problemas que pode ter calquera neno da súa idade, especialmente na contorna escolar, e que debe enfrontarse demasiado cedo a situacións dolorosas. En realidade, aínda que o título e as imaxes fan pensar nunha película de terror, non é así e a película mostra temas moi actuais.
                                   Aarón Lorenzo Fraga, 1º Bacharelato Adultos.

domingo, 14 de xullo de 2019

Un libro cada semana...ou cada mes..."A biblia negra"


   É un libro moi longo que presenta diferentes épocas en que o libro cambia de mans, levando consigo sempre a morte ou a desgraza. Ttátase dunha obra moi antiga, de alquimia, ciencia que trata de transformar os metais viles en ouro...Conta, por exemplo,  como un  cóengo é condenado pola Inquisición por demostrar, ante o rei Fernando e a raíña Isabel, a súa utilidade e eficacia.
   O libro chega até o século XIX, mediados, anos 60 ou 70, en que se perderá a propósito para non provocar máis sufrimentos e danos. É interesante xa que atravesa distintas épocas, presenta misterios, mortes, tramas... Aínda que é extenso, tes ganas de lelo rapidamente, paréceme "aditivo", e iso que non son un gran lector...
   Finalizo lembrando que o autor , ademais deste, ten libros históricos moi interesantes.
                                                               Juan Pardo Lage, 1º Bacharelato Adultos.


domingo, 7 de xullo de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."V de vendetta, a película"



  É unha adaptación ao cinema   da novela gráfica de Alan Moore e David Lloyd, na que se dá vida aos personaxes de V, interpretado  este por Hugo Weaving e Evey, interpretada por Natalie Portman.
   Plantéxanos a historia dun futuro ficticio, onde Inglaterra é un estado fascista e totalitario. Evey, unha moza de clase obreira, é rescatada por V, un misterioso home con máscara que busca a destrución do goberno cruel e corrupto e a liberdade do pobo, condenado á corrupción e crueldade dos seus  líderes. Ademais, V busca vinganza e contará coa axuda de Evey e ambos levarán a cabo un plan para iluminar a chama dunha revolución.
   A obre ten un claro carácter social, e reflicte o que podería pasar calquera día no mundo, cun toque serio e dramático, nunha imaxinaria  Gran Bretaña de clases altas e barrios marxinais.  Isto, sumado á magnífica banda sonora e o misterio do personaxe principal, fai desta película unha verdadeira obra mestra para aqueles aos que lles guste que o cine os faga reflexionar e que trate temas serios ou políticos cun desenvolvemento máis áxil que no cine histórico.
                                            Maite García Boga. 1º Bacharelato Adultos.