domingo, 30 de xuño de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."Nannerl, a irmá de Mozart"




   É unha película baseada en feitos reais, e conta a vida da irmá de Mozart, Nannerl, quen non tivo tanto protagonismo como seu irmán, aínda sendo tan virtuosa coma el, e todo, por ser muller.
   Nannerl non tivo unha vida fácil, nin un pai fácil, e aínda por riba tivo encontros con Luís XV, quen  acabou rexeitándoa por levalo ao pecado e á luxuria. Acabou pobre, cega e recompilando as obras do seu irmán.
   É interesante porque, ao ser unha película histórica, entreteste mentres aprendes;  presenta o machismo da época, e as virtuosas perdidas por ser mulleres.
   Gustoume moito a música,  o vestiario e a ambientación.
É moi fácil poñerse na pel da protagonista, embárgate a súa inocencia, o seu pudor, a dozura e as ganas de vivir, de crecer... Tanto a película como a época que presenta son fascinantes.
                                                         Juan Pardo Lage, 1º Bacharelato Adultos.


domingo, 23 de xuño de 2019

Un libro cada semana...ou cada mes..."Alas de fuego".



   A historia xira en torno a Ahriel, un anxo que foi enviado para coidar, protexer e guiar a Marla, a xoven raíña dunha gran nación. Pero Ahriel é traizoada ao descubrir unha conspiración e é enviada coas ás inutilizadas a Gorlian, unha espantosa prisión da que ninguén logrou saír xamais.
   No libro dise...Ahriel deberá aprender non só a sobrevivir, senón tamén a ver as cousas desde o punto de vista humano...pegada ao chan.
   O libro encantoume.É unha historia de superación e cambio, posto que Ahriel sofre un gran cambio na súa maneira de ser polas cousas que lle pasan. Recoméndovos que o leades, pois, ademais de estar ben a historia, é un libro moi curto que non obriga a ler a seguinte parte, algo máis extensa.
                                                        Débora Ferro   Bello, 1º Bacharelato Adultos.


domingo, 16 de xuño de 2019

Un libro cada semana...ou cada mes..."Entrevista co vampiro"


   -Pero canta cinta ten?- o vampiro preguntou e virou para que o rapaz puidese verlle o perfil.- Suficiente para a historia dunha vida?
    -Por suposto, se é unha boa vida. Ás veces entrevisto até tres ou catro persoas nunha noite se teño sorte. Pero ten que ser unha boa historia. Iso é xusto, non cre?  
    - Moi xusto.- dixo o vampiro.-Gustaríame contarlle a historia da miña vida. Gustaríame moito.
 
   Así comeza este libro, no que se xoga con temas profundos; plantéxase a idea da inmortalidade, soño de moitos, coa contraposición de don divino e castigo maldito. Tamén se xoga co significado do amor, a moralidade e o binomio vida/morte. Sen embargo,  no que máis profundiza é no existencialismo e na condición humana desde o punto de vista decadente do gótico e do romanticismo, creando un ambiente envolvente e ás veces agobiante.
   Entrevista co vampiro céntrase en Louis de Pointe du Lac, un vampiro de Nova Orleans que a través dunha longa entrevista cun reporteiro sen nome, conta a historia da súa vida, desde como se converteu en vampiro até como cambiou, a causa de vivir co seu "creador" e coller cariño a unha  das súas vítimas, unha rapaza de tan só cinco anos. 
   É un libro ben estruturado, cunha boa ambientación, descricións detalladas para facerche ver e sentir o que aos personaxes lles acontece, reflexións morais desde a controversia e a depravación que representa a figura do vampiro, e personaxes complexos cunha gran  evolución psicolóxica.
   En definitiva, un gran libro sobre o ocultismo e a filosofía moral.
 
                                                       Maite García Boga. 1º Bacharelato Adultos.

domingo, 9 de xuño de 2019

Rita Levi Montalcini. Investigación (Lengua castellana).

 


Un filme cada semana...ou cada mes... "Estraños nun tren".

 
 
     Un famoso tenista montou nun tren, camiño a pedirlle o divorcio á súa muller, cando un estraño (Bruno, alcohólico e con problemas psicolóxicos) lle fixo unha proposición que lle ía dar moitos problemas, un crime case perfecto...
     A película resultou  moi entretida  e intrigante para unha de nós, , un pouco parada para a outra. Gustounos vela, aínda que é de 1951  e en branco e negro. O guión está moi ben, o final foi inesperado e os actores eran moi bos. É interesante ver como as mentes criminais existiron sempre, ao igual que o alcoholismo, problemas que temos tamén hoxe.
 
                                                         Juliana Hussein e Estela García. 2º ESA.

domingo, 2 de xuño de 2019

Ada Lovelace. Investigación (Lengua castellana)

 

Tu Youyou. Investigación (Lengua castellana)


Un filme cada semana...ou cada mes..."Os odiosos oito"



   Nesta película do gran cineasta Quentin Tarantino, nárranse unha serie de sucesos entre varios cazarrecompensas que están a levar un asasino á vila de Red Rock. Durante as primeiras escenas pódese ver o interese persoal por conseguir, vivo ou morto, o individuo. Debido a unha grande nevada, deciden acudir ao refuxio dunha vella amiga; alí atopan outros tipos, que parecen estar máis interesados pola recompensa, pero non se presentan como tales...
   Penso que a trama do filme é impecábel;  a produción, o coidado do son, o vestiario e os actores son asombrosos. A moralexa final é que non te podes fiar de ninguén, xa que os intereses humanos fan todo o posible por conseguir algo.
                                                             Alexander Dörr Caballero, 3º ESA.