luns, 27 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Homínidos"




A vida de Arthur Banks, un home normal e corrente de San Francisco, sofre un xiro inesperado cando un antopólogo, amigo seu, aparece morto. A familia deste desaparece, así como a muller e o fillo de Arthur. Onde se encontra a familia de Arthur? Quen matou ao antropólogo? Arthur comezará a buscar respostas e descubrirá a existencia  doutra especie de homínidos que evolucionara de forma distinta da dos Homo sapiens e que está decidida a terminar, finalmente, coa supremacía do home actual. Arthur podería estar loitando contra a supervivencia de toda a humanidade.

 Aínda que falar mal dun libro non é a actividade que á maior alegría me induza, debo dicir que esta foi unha das miñas peores lecturas do 2019 e que non recomendaría este libro a ninguén. Se cabe, a única moralexa que puiden sacar deste libro é que non todo aquilo moi vendido (a portada do libro indica que se trata dun bestseller) é tamén bo. Nun principio, a historia arranca con forza e misterio: quérese descubrir, xunto con Arthur, a existencia da outra especie humana que está a vivir entre nós. Mais para min un dos grandes problemas deste libro é o estilo de escrita: o libro semella redactado con présas, carecendo a ratos de descricións, esenciais para crear ambientes intrigantes e tridimensionalidade nos personaxes, con quen non conseguín empatizar. A historia é, asimesmo, moi predicible: a min, que pouca maña teño na resolución dos misterios nas novelas, custoume moi pouco relacionar os "misterios" que emerxen ao longo da historia coas cuestións que se nos plantexan na contraportada do libro. Por se isto fose pouco, levei tamén una gran decepción co contido instrutivo que esperaba do libro. Quizais o meu xuicio non foi acertado, pero esperei toparme con aportacións de datos instrutivos referentes aos homínidos e a bioloxía, pero o único dato resaltado é a aparición do xénero homo sapiens hai 35000 anos (dato que calquera afeccionado á evolución humana de seguro coñece). En conclusión, "Homínidos" é, máis ben, unha novela que, nun intento por ser misteriosa, consegue inducir aburrimento e quitar tempo aos lectores.
                                                         Cristian Paredes Franco. 1º Bacharelato Adultos.

martes, 21 de xullo de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."The girl on the train"


   Rachel Watson (Emily Blunt) é unha muller recentemente divorciada e con problemas de bebida. Todos os días toma o tren para traballar en Nova York e todos os días o tren pasa pola súa antiga casa; nesa casa vive agora o seu ex -marido coa súa nova muller e o seu fillo. Para non afogar nas súas penas, Rachel decide concentrarse en mirar unha parella que vive unhas casas por debaixo da súa, e comeza a crear na súa cabeza unha marabillosa vida para esta familia aparentemente perfecta...Todo cambia unha mañá, desde a xanela do tren:  Rachel é testemuña dun suceso impactante e desconcertante que a enche de rabia e vese involucrada nun   misterioso caso...
   A película é a adaptación cinematográfica do libro do mesmo nome (podedes ver a miña recensión do libro, publicada neste blogue o pasado 23 de febreiro).  Esta foi una das mellores adaptacións que vin:  con excepción de dous detalles, na película ocorre o mesmo que no libro, sen saltar nada que puidese  facerche perder o fío...Pese a ter lido o libro, ademais, a película mantívome tan inmersa e alerta coma aquel, impaciente por saber como remata.
    Non a recomendo coma unha gran película, pero si como unha boa adaptación do libro.
                                                 Laura Lombardero Gestal, 1º Bacharelato Adultos.
 
 

luns, 13 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Fallen"


    "Helstone, Inglaterra, 1854. É unha noite escura e dous mozos conversan nunha casa de campo remota. Son irresistiblemente atraídos un polo outro, pero  el insiste en que non poden estar xuntos. Ela ignora os seus avisos e bótase  aos seus brazos. Cando se bican, un lume ardente inunda todo..."
      Así comeza o libro, pero a orixe desta historia remóntase, de feito, a hai miles de anos. Conta a lenda que Lucifer se rebelou contra Deus, dando paso a unha cruenta guerra no ceo; dous anxos negáronse a situarse, chámanse Daniel e Lucinda, e, no canto de escoller entre o ben e o mal, escolleron o amor, ou o que é o mesmo: escolléronse un ao outro. Polo tanto, foron dobremente castigados...A súa historia de amor estaba condenada a acabar en traxedia, porque, co paso do tempo, cada vez que Daniel revela a Luce (en calquera das súas diferentes vidas)a súa verdadeira identidade, morre no acto.
       Levaba xa uns anos querendo ler este libro, tanto por ter lido a súa trama, como polas críticas que recibiu. Debo dicir que non o desfrutei de todo, non sei se é porque esperaba algo máis da historia ou non era un bo momento para lelo e estar máis centrada na historia, pero creo que foi un pouco de todo.
       O argumento da novela é bo, foi o que me chamou para lela, pero como comezo dunha saga pareceume algo insatisfactorio, non me deixou esa necesidade de coller a continuación para saber o que pasa. Espero que o resto dos libros sexan mellores, tanto no desenvolvemento da historia como nun final adecuado para una historia que pode dar moito.
                                             Laura Lombardero Gestal, 1ºBacharelato Adultos. 

luns, 6 de xullo de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."Snatch, porcos e diamantes"

 
   A película é moi entretida porque non deixan de pasar cousas: ten chantaxes, enganos, pelexas e humor, un cóctel que me encanta.
    Todo empeza polo roubo dun diamante e todo o mundo comeza a unirse para quedar con el; ninguén dos que se unen se coñece e é moi  gracioso, porque ao final queda co diamante un grupo de xitanos que se unen porque os protagonistas van mercar una caravana e os estafan,  porque a venda da caravana remeta en pelexa e un dos protagonistas queda envolto nunha lea xa que queda sen o seu boxeador, que é "noqueado" e enviado ao hospital.
    Nesta película ninguén ten que ver con ninguén, e é o gracioso da película, moitas leas de mafia e de xente que ten os seus amaños e todos terminan envoltos entre sí por un diamante.
    A película é difícil de seguir, pero segundo avanza decátaste de quen é cada personaxe e como van envolvéndose entre sí e buscando o diamante... 
     Unha película entretida e con moita acción, que fai que teñas que estar moi atento a todo o que ocorre.
                                                Juan José Marco Chavarria, 2º ESA Adultos.


xoves, 2 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A ratoeira"



   Cando Gilles e Mollie Ralston, unha parella nova, abren a súa nova casa de hóspedes nos arredores de Londres, dificilmente poden sospeitar que o recén aberto negocio converterase durante uns días no epicentro dun macabro xogo criminal cun asasino entre os seus clientes. Illados por unha tormenta de neve, e sabendo que calquera deles pode ser a seguinte vítima, os oito ocupantes da casa, un dos cales é sarxento de policía, deben descubrir quen é o asasino e quen está chamado a ser o seguinte cadáver, antes de que sexa demasiado tarde.
    Este libro foi o primeiro de xénero policial, que lin, e o que me fixo engancharme a este xénero. Téñolle especial agarimo por iso, e porque, cada vez que o leo, non podo deixar de ler até o final, o que me fai rematalo nun día.
   Recomendo o libro tanto aos amantes do xénero policial como a aqueles que queiran comezar neste xénero, ou aqueles que queiran ler algo diferente.
                                                                  Laura Lombardero Gestal, 1º Bacharelato A, Adultos.