luns, 12 de decembro de 2016

Un filme para Nadal... "Paterson"




   Acabo de ver unha desas películas que, cando saes do cine, seguen dentro de ti, da mesma maneira que ti quedaches engaiolada nela durante as súas dúas horas de duración.
  Paterson mostra a vida, ao longo dunha semana, do condutor de autobús e poeta así chamado, que vive na cidade do mesmo nome, onde viviu tamén unha das glorias da poesía norteamericana, William Carlos Williams. No filme non ocorre nada especial, como na vida habitualmente, no seu rutineiro día a día, excepto ao final, onde unha pequena traxedia,  en realidade unha grande perda, é compensada, xustiza poética, por un encontro reparador...
  O ritmo é moroso, salpicado con momentos de humor (ese can, ese bar...). Ao finalizar, unhas espectadoras que estaban detrás miña dixeron : "Que tostón!"...para min, ao contrario, é unha desas películas sinxelas pero que, como as cebolas, teñen moitas capas: é a historia dun home bon, unha historia de amor feliz, a  crónica do que é en realidade a vida, sucesión de pequenos momentos case sempre intranscendentes, o retrato dunha pequena comunidade de xente bondadosa na súa normalidade...e unha reflexión sinxela, sen rebuscamento, sobre a creatividade, que pode brotar até nas situacións máis prosaicas transformándoas en arte...Paterson é,  tamén, para min, arte.
 
                                                                                                  Susana Piensos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario