domingo, 16 de xullo de 2017

Un libro cada semana...ou cada mes..."Manolito Gafotas"

   


   Manolito  García Moreno, máis coñecido como Manolito Gafotas, estuda no colexio "Diego Velázquez". Manolito é un rapaz tranquilo, vive en Carabanchel co seu avó Nicolás, seu irmán, O Imbécil, a súa mamá Catalina e o seu papá Manolo. Pásao moi ben cos seus amigos, encántalle pasar o tempo co seu avó, pero a súa nai zóscalle por facer o que non debe....
  A novela está narrada en primera persoa, o propio Manolito conta a súa vida. O libro gustoume, é moi divertido, fácil de entender e cómodo de ler...Gustáronme especialmente algunhas das historias, como a da Paz Mundial, protagonizada pola señorita Asunción e a festa de carnaval ou a do Aniversario Feliz , na que o protagonista, xunto con Manolito é o avó....Recomendo que o leades, é moi divertido.
                                                                          Alisson Girón Parrales. 

domingo, 9 de xullo de 2017

Un libro cada semana...ou cada mes..."A metamorfose"




   Unha mañá, Gregorio Samsa desperta transformado nun monstruoso insecto...Este é o principio desta obra que se interpretou de diversas maneiras, para min a máis interesante sería que é   unha reflexión sobre o rexeitamento e a incomprensión social. O seu autor, Franz Kafka, xudeu que escribía en alemán, está considerado como un dos autores máis importantes da literatura universal. 
   O libro gustoume, aínda que me impresionou o maltrato da familia a Gregorio; por outra banda,  fáltalle algo de suspense. A mensaxe que a min me transmite é que debes aprender a amarte como es.
 
                                                                         Freyder Zambrano Salinas.
 
 
                                               

domingo, 2 de xullo de 2017

Unha novela gráfica cada semana...ou cada mes..."Maus"

 
 
 
    O libro conta a historia dunha familia xudía vista por un dos superviventes, o pai do escritor. Sucede en Alemaña, na época nazi; por culpa do nazismo morre toda a familia excepto os pais do escritor, que marchan aos Estados Unidos despois da guerra. A historia cóntalla o pai ao fillo cando a nai xa morrera, catorce anos atrás. Os personaxes son animais antropomórficos, utilizándose os ratos para representar aos xudeus e os gatos para os alemáns.
   O libro é moi interesante, dá que pensar sobre o calvario que pasaron os xudeus na época nazi. Graficamente é moi efectivo que estea en branco e negro, porque representa moi ben o drama dos xudeus naquela época; tamén nos gusta que os protagonistas aparezan representados por ratos e gatos. Os debuxos están moi ben feitos. Quizais a utilización de flash-backs resulte por veces confusa, e a tradución non está demasiado coidada (confúndese constantemente os verbos "ser" e "estar").
   En resumo, o libro non nos disgustou, é fácil de ler e ao ser cómic resulta  ameno .
                                          
                               Ismael Ramírez, Alfonso Soilán e Álvaro Suárez, 3º ESO.