sábado, 24 de decembro de 2022

venres, 28 de outubro de 2022

Un libro cada semana...ou cada mes..."Antoloxía de Spoon River"


 Publicado hai máis de cen anos, este clásico da literatura estadounidense consérvase moderno e fresco. Trátase dun libro de poemas que son, en realidade, capítulos dunha novela coral protagonizada polos habitantes do cemiterio da imaxinaria localidade Spoon River;  os personaxes que nos contan, en primeira persoa, as súas historias, fano liberados xa (ou non, porque a maioría amosan os mesmos sentimentos que tiñan en vida) das súas paixóns. 

Máis de douscentos  seres, de toda condición social e moral, revelan segredos cos que marcharon á tumba, emocións agachadas, relacións prohibidas, miserias, grandezas...En definitiva, ofrecen, post- mortem, un retrato da condición humana no que nos podemos ver reflectidos todos.

Escrita cun ton grave, como corresponde ao contido do libro, pero non exenta ás  veces dun certo humor amargo, con referencias históricas e culturais que a fan unha lectura en ocasións difícil, é, en todo caso, unha obra profunda, orixinal e moi interesante.

                                                                                                                         S.P.


xoves, 22 de setembro de 2022

Un filme clásico cada semana...ou cada mes..."The party".


   "A xogo" cos últimos días do verán, cheos aínda de luz e sons, emitiuse recentemente na televisíón un clásico do humor que eu gardaba na memoria desde os xa afastados días da adolescencia: "The party", un luminoso e colorido filme  que quizais non envelleceu de todo ben ( o humorístico é, creo, un dos xéneros máis difíciles; en todo caso, no filme respíranse aires de mestres coma Chaplin, Laurel e Hardy ou Jacques Tati)) pero que conserva valores que o fan interesante de revisar. Ás novas xeracións, se o visen, habería que preguntarlles se lles resulta tan divertido como ás que o desfrutamos no seu día.

O filme ten un escasísimo argumento: un torpe actor, invitado por erro a unha festa nunha mansión de Hollywood,  acaba provocando situacións desastrosas que transforman a inicialmente aburrida festa nunha loucura.

   Ademais da comicidade das situacións, a película ten outros alicientes, como a atmosfera pop deses anos 60, cheos de optimismo e color, e resulta  visualmente moi atraente, unido isto á música de Henry Mancini, moi ben conxuntada coa acción; tamén se pode percibir a  sátira social : os invitados ao party  son, na súa maioría, xente superficial e baleira e, no fondo, máis extravagantes que o tenro e desastroso protagonista, un home cheo de valores que, despois de todo, é máis normal que o resto dos personaxes.

   Para finalizar o verán cun sorriso, "The party" é un filme estupendo.

                                                                                                                       S.P.

   

domingo, 28 de agosto de 2022

Un libro cada semana...ou cada mes..."As dozuras do fogar"




         Os personaxes que nos presenta Flannery O´Connor estremécennos pola crueldade coa que se relacionan entre si; a visión da sociedade sureña dos Estados Unidos que nos transmite é terrible: familias onde os sentimentos mesturados acaban provocando dramas,  racismo  e clasismo, certa relixiosidade ambigua aboiando sobre seres que humanamente deixan moito que desexar...
       Os contos, aínda que realistas, son estraños, transmiten unha sensación de irrealidade, desacougante, de desesperanza na condición humana e no sentido da existencia. Aínda así, ou por iso mesmo, resultan hipnóticos, están moi ben narrados, manteñen a tensión emocional até os finais, que soen ser, algúns sorprendentes, outros terribles, todos impresionantes. Sen dúbida, Flannery O'Connor é una narradora excepcional.
                                                                             S. P.
          
     


mércores, 27 de xullo de 2022

Un libro cada semana...ou cada mes..."Contos imprescindibles"




   Releo, unha vez máis, ao Mestre do relato. Conmóveme novamente o coñecemento da alma humana por un home que morreu tan novo.
   Os contos de Chejov móstrannos todos os matices da condición humana, ás veces a través de historias terribles, pero a maioría en pequenas historias, de xente común, moitas veces aparentemente, só aparentemente,  intranscendentes, que soen deixar   unha sensación de fracaso (con frecuencia  o personaxe, que parece vivir  nunha harmoniosa normalidade,  descobre, de súpeto, como nunha revelación, unha insatisfacción profunda que cambia a súa vida)  e que   encerran sempre unha fonda penetración na psique de personaxes diversos, que aparecen ante nós tan reais nas súas emocións que parece que os coñezamos en persoa. E iso, a pesar de tratarse de contos escritos no século XIX en Rusia. Pero esa é a grandeza dos clásicos, e Chejov éo: transcender o espazo e o tempo para facerse eternos e universais.
                                                                                         S. P.
                                                               

domingo, 29 de maio de 2022

Un filme cada semana...ou cada mes..."Greenland"


 Trata dunha familia que emprende unha viaxe perigosa cando un cometa se achega á Terra. Cando se achega a apocalipse, a viaxe culmina nun voo desesperado cara a un posible refuxio...

É unha película de desastres, cunha boa historia; está ben rodada, con bos efectos especiais. O actor que fai o papel protagonista é bo. A película non nos deixa aburrir até o final.

                                                 Carlos Lemus Holguín.