luns, 30 de xuño de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA (30 XUÑO-4XULLO)

UN LIBRO CADA SEMANA


Ola, son Carolina Ojea e acabo de ler para a materia de lingua galega o libro titulado Chamando ás portas do ceo, de Jordi Sierra i Fabra. O que máis me gustou da súa lectura é o feito de que haxa persoas solidarias, persoas que realmente queren axudar aos máis necesitados. Ese é o caso da protagonista, Silvia, que vai á India como cooperante. Coopera curando os enfermos porque ela estudaba a carreira de medicina.
O que menos é a historia do triángulo amoroso: en España deixara un noivo e na India Silvia coñece ao príncipe de Mahedra, e tamén ten unha relación así especial con Leo, outro cooperante. Ao final con quen continúa a relación amorosa é co español, e co príncipe quedan como amigos.
Abúrrenme mortalmente os triángulos amorosos.

[Neste punto dille Julia Pedrido: Xa verás máis adiante… E todas sorrimos. Hoxe venres 14 só había mulleres na reunión do club de lectura. Julia engade: … deixas fóra “La Regenta”, “Madame Bovary”… Entón fala Carmen: Vai por épocas... Carolina cala, pero escoita].

domingo, 22 de xuño de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA (23-27 XUÑO)



UN LIBRO CADA SEMANA


Ola! Son Felipe Taibo, profesor de Ciclos no IES Eusebio da Guarda e acabo de ler "Almas grises", de Philippe Claudel. Un home polifacético: foi tamén docente,  gústalle o cine (dirixe películas e mais escribe guións), e xa levou varios premios polo seu labor literario (entre eles o prestixioso  Goncourt de novela no 2003, por "Petites mécaniques").

 Deste autor xa tiña previamente lido outro. "Almas grises" non é que me apaixonara, polas expectativas creadas polo primeiro que lle lin, "La nieta del señor Lihn", máis curto pero brillante.

Esta última novela que cito si que vola recomendó. En dúas horas tela lido, devórala. Está moi ben escrita. Claudel é  un escritor que narra divinamente;  domina a técnica, coñece ben os recursos narrativos, os suficientes como para que non sobre absolutamente nada.

luns, 16 de xuño de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA (16-20 XUÑO)


(Pablo con colegas no corredor do instituto, el é o que leva camiseta verde)

Ola, son Pablo Martínez Iglesias, de 4º A. Estou lendo a última entrega de Xogo de tronos, titúlase Danza de dragóns. Gústame, si, aínda que cambia bastante a historia, introduce novos personaxes. Non sei se ten sentido preguntarse aquí cales son os bos e cales son os malos. Cadaquén actúa segundo os propios intereses. Teño personaxes favoritos, naturalmente. O que podíamos chamar así o máis protagonista é John Neve, quizais porque actúa como o clásico héroe: é leal, valente, parece que se move por principios…, e é intelixente. Tamén soubo serlle fiel ao que foi o seu único amor.
O contexto no que se desenvolve esta historia non é exactamente a Idade Media, pero aproxímaselle bastante. Máis ben temos un universo fantasiado. 

venres, 13 de xuño de 2014

CRÓNICAS VIAXEIRAS (II)


Viaxe por Terras de Soneira (31-Maio-2014).
Algúns fitos no camiño:
 
SAN FINS DO CASTRO (Cesullas-CABANA, 1 de agosto), campo de bidueiras no que medra o azafrán, castro, fonte miragreira.
HIMNO
“Meu santo, san Fins do Castro
que lle dás ós teus romeiros.
Auga que sale da fonte,
sombra dos teus bidueiros”.
         -Saturnino Cuiñas, “o cura gaiteiro”, gaita, pandereta, zanfona, (Cantigas da Terra, Cantigas e Agarimos). Facía uso do galego nas cerimonias relixiosas,  47 anos de actividade pastoral en Cesullas, procedía de Pontevedra (practicamente ata os 80). BERRO SECO, entre aturuxo e berro que facían os canteiros para mover as pedras, a man ou a palicuerda.
LAGOA DE TRABA, de deflación, eólica ou litoral. Personifica o mito do Xudío Errante, pero coa variante de Santiago apóstolo. Explícase un accidente xeográfico ou xeolóxico cun mito nunha chaira aluvial e de limos.TRABA e NANDE, duas parroquias nun val aberto ao mar (productos primicia de temporada-patacas, cebolas, chícharos, allos…, duas colleitas dalgúns, boa froita –peras, mazáns, figos: Figueiral de Mórdomo xa referido por Pondal, froita de pedra-). Esta realidade refléxase nos alcumes:  María das peras ou a Sancha. Productos destinados á Feira e ao Feirón de Baio e ao Mercado semanal de Vimianzo. Explotacións agrícolas e productos similares  aos de Barizo (Malpica), Merexo (Muxía), Razo e Baldaio (Carballo). Aquí no val de Traba resáltamos a problemática de campos pechados (enclosures), parcelamento ata o extremo, minifundismo ata a chegada da Concentración Parcelaria (proceso paralizado 3 ou 4 veces, ao longo de 20-25 anos), cambio estrutural, de lameiros e camiños fondos a pistas e leiras sen balados. As cainzas do carro, as engarellas e as padiolas para carregar os enfermos ao médico deixaron paso a flamantes vehículos que circulan por toda a rede viaria do val. ATAÍN, illa percebeira que toma o nome dun barco embarrancado, a ela iban na percura de percebes e de cunchas para abonar as fincas.
SANTIAGO DE TRABA, de feitura románica con nave abovedada cuadrangular. Conserva contrafortes e canzorros no lado sur. (séculos XIII-XVIII, e outra reforma a med. S.XX). Altar rococó. Portada principal (1716), ao xeito do Hospital Real (Hostal RRCC), fálase de Barroco Mariñeiro? ou tardío (columnas salomónicas, tetralización do programa da Salvación: Deus Pai, nun paso inferior María e os anxos, nun paso inferior Santiago Matamoros, nun inferior á esquerda san Pedro, á dereita san Francisco, e debaixo á esquerda Eva, á dereita Adán). Sentido ascensional do terreo ao espiritual.
PENEDOS DE TRABA E PASARELA (Concellos de Laxe, Vimianzo e Camariñas, Serra da Pena Forcada) Paisaxe autonómica protexida desde o 2008. Conxunto de bloques graníticos de case 300 millóns de anos. Nomes elocuentes: a Cachucha, a Moa, o Castelo, a Gándara da Barca. Fálase das Aras Sixtinas, piletas de sacrificios e de ritos, vestixios castrexos,  mouros e trabes de ouro e de alcatrán (o imaxinario popular, chega a conectar cos Contos da Alhambra de Washington Irving).
CEREIXO, vila nobre. Alfonso IX de León no 1228, despois dun incendio dalle carta de Vila. Boa canteiría. IGREXA de Santiago, med. S.XII, de feitura románica en planta e muros, ábsida rectangular con bóveda de canón, nave única e cuberta de Madeira. Tímpano sur co motivo da Translatio do apóstolo Santiago, a máis antiga de España.MUIÑO DAS MAREAS (1679). Hoxe propiedade da familia do rei de Viana, situado na desembocadura do regato Riotorto no Grande ou do Porto. Antes pertenceu aos Moscoso de Altamira e a outros nobres. Ao subir a marea retén e almacena a auga para baixar bruscamente ao  inferniño no baixamar moendo. TORRES (s.XVII), tiñan fin defensivo. Líganse a elas diferentes linaxes, desde os Maceda e os Taboada ata os Novoa, Vilamarín, Soutomaior, Castro, Bermúdez, Mendoza, Calo ou Carantoña.
LEIS, s.Pedro. (Med. S.XII) Planta basilical. Arquivoltas sostidas por columnas adosadas rematadas en chapiteis. Línea de imposta corrida con pequenas arquerías. Tímpano semicircular con catro arcos de influencia califal. Espadana de dous vanos coroada por acróteros piramidais.
TRASUFRE, a Santiña (Nª Sª de Aranzazú-“nos espiños”), parroquia de s. Pedro de Coucieiro). Fundada polo párroco no 1785, para evitarlle aos veciños cruzar o río Castro para asistir a misa en temporada de enchentes. No 1875 é ampliada, dada a importancia da romería do Espiño. Auga miragreira para as verrugas e outras afecións da pel. O enfermo ha de ser ofrecido por alguén, co que acudirá a misa no día da Santiña, e ha de dar unha esmola en grao ou un exvoto en cera. Lávanse as verrugas na fonte e deisanxe a secar os panos na silveira, tan pronto sequen os panos secan as verrugas.
“Verrugas traio,
verrugas teño.
Aquí colgo o pano
e marcho correndo”
CALDEIRAS DO CASTRO, topónimo. Froito da erosión, recreación dun queixo Gruiere. Un alí muda de estado físico; convén levar os sentidos en alerta, expectante por todas as sensacións que descobrimos.
CASTRO DAS BARREIRAS, (s.V a.C.-II d.C.), no medio do val de Vimianzo, non romanizado, foxo que por veces supera os 8 m de altura. Non é un castro aillado (Sansobre…). No imaxinario popular estaría conectado por un túnel co Castelo.
MUIÑO DA AGRA, posta en valor e recuperación dun espazo que recorda a nosa intrahistoria. Destacamos a aposta do concello e a colaboración da veciñanza. 
(Antonio Fondo, profesor e mais organizador da viaxe de profesores, “contento de que viñerades”)

luns, 9 de xuño de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA (4)


Chámome Fidelina Seco e teño 62 anos. Fun profesora de inglés no Instituto Eusebio Da Guarda até hai 2 anos, cando me retirei. Sempre me gustou moito ler e agora teño moito tempo pra facelo. Así que leo varias horas cada día.
Hai unhas dúas semanas rematei (por terceira vez en trinta anos) a serie da Fundación, de Isaac Asimov, que é unha das miñas obras favoritas. E pensaba escribir sobre iso. Pero no tempo que pasou empecei outra serie, nova pra min: a de Maximum Ride, de James Patterson.
Maximum Ride é a protagonista dunha serie de 8 libros que narran as aventuras dun grupo de rapaces entre 6 e 14 anos. Estes rapaces non son xente corrente; son producto de experimentos xenéticos que, no seu caso, deu lugar a 6 nenos e nenas capaces de voar porque teñen alas.
Max é a xefa do grupo e ten 14 anos, o mesmo que dous rapaces, Fang e Iggy (que é cego). Despois está Nudge, una nena de 11, Gazzy, que ten 8 e a súa irmá Angel que ten 6. Os rapaces chámanlle ao seu grupo "A Bandada" e considéranse unha familia, aínda que lles gustaría moito atopar aos seus pais.
Despois de vivir en xaulas para animais dentro dun laboratorio que os "batas brancas" (nome que a Bandada lles da aos científicos que experimentaron con eles) chamaban a Escola, un dos "batas brancas" sacounos de alí e levounos a vivir nunha casa illada nos montes de Colorado onde coidaba deles e lles ensinaba cousas diversas. Pero desapareceu ao cabo de dous anos e os rapaces pensaron que morrera.
Agora, dous anos despois de que marchara o científico que os coidaba, a Bandada vese atacada repentinamente polos "Borradores", outros seres híbridos de laboratorio, rapaces que se converten en lobos para atacar aos membros da Bandada, sendo esa a súa única misión.
Así comeza a fuxida da Bandada e as súas aventuras.
O peor defecto que teñen estes libros é que están escritos en inglés e non están traducidos nin ao galego nin ao español.
Pero descubrín onde se pode descargar o primeiro libro en español:

http://mimundodepapelcr.blogspot.com.es/2013/06/maximum-ride-01-angel-experiment-pdf.html


http://es.paperblog.com/maximum-ride-01-the-angel-experiment-pdf-2015903/


E como vos sodes moito máis expertos que eu nesto da internet, estou segura de que atoparedes moita máis información sobre isto. Está tamén en facebook e supoño que en twitter.

Eu xa vou no cuarto libro. Espero que vos guste tanto como a min.

luns, 2 de xuño de 2014

Un libro cada semana (3)

Baixando en coche pola autovía Santiago-Ourense, ás costas o país de Deza, á fronte o triángulo case equilátero perfecto do Pico Sacro, as nubes tras da montaña sagrada –e iso que eran as dez e vinte da noite de maio- debuxaban paisaxes marítimas, coma quen ve claramente unha ría, para min era Punta Lagosteira e a entrada de Ferrol, coma un espellismo, un trasunto novo e puro da realidade, unha vía libre para a imaxinación. Logo, xa saíndo do túnel da praza de Pontevedra, vimos unha especie de crocodilo sobre o Vixía (monte de san Pedro) que abría a boca para devorar un parrulo xigantesco que voaba cara a el no ceo da baía do Orzán.
            Cando as nubes de verán presaxiaban tormenta a avoa dezá dos meus fillos relembraba a infancia: Chamabámoslles ‘castillos’, e deitabámonos na herba a xogar imaxinando cousas, movíanse e cambiaban, eramos nenas…

            Todo isto veume á cabeza ao fío da lectura do libro de don Ramón Otero Pedrayo, O mesón dos ermos. Un texto ricaz en léxico, con listados de palabras que non figuran nos dicionarios académicos. Un luxo galaico e prerromano. Non é un libro para rapaces aínda. Pero si para un amante fiel da nosa lingua. O caso é que hai unha pasaxe en que o vello frade bernardo –xa sabedes os lectores pedraianos como destilan as súas páxinas saudade dos mundos idos, saudade do vello pazo, saudade do mosteiro con cantos gregorianos…- recorda a infancia. Camiña polo herbal da man do pedreiro e ten medo de que lle saian cobras. Entón o canteiro dille: ¡A señora cobra vai en demanda ao Imperador San Carlomagno porque un feo becho, o sapo, lle vai lixar a cova!
            E engade o narrador, cuxa voz aquí coincide coa do personaxe-neno-frade:
            E eu gozoso coidaba mirar no ceo por riba das altas nogueiras a barba branca de nubes do Imperante xusticieiro, e xa non tiña medo…

Precioso xogo, mirar as nubes rolar polo ceo. Xogaría coas nubes o neno Ramón? Quixera que me permitirades dúas verbas aínda sobre ese imperante citado polo autor ourensán: fixástevos que aparece co título de santo? Iso estanos indicando a prédica que tivo Carlomagno entre nós, os galegos. A sona dos seus feitos e mais a dos seus pares vén e froitifica polo Camiño Francés, o segundo nome en importancia do Camiño de Santiago. Froito desa popularidade é a atribución ao franco de poderes propios dos santos, asolagar vilas, facer que as lanzas florezan marabillosamente… Así consta no libro que coñecemos como o Pseudo Turpin.

(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da Biblioteca do Instituto Eusebio da Guarda)