martes, 30 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 29, SAN MIGUEL, AO 3 DE OUTONO

Este verán lin dous libros con certas semellanzas que vos recomendo. Un é Astrid y Verónika, de Linda Olsson. Verónica vai vivir a unha casa de campo, en Suecia, tras sufrir unha perda importante. Alí coñecerá a Astrid, unha anciá a quen a xente alcuma “a bruxa” pola súa frialdade e falta de contacto humano. Parece ao primeiro que non teñen nada en común, pero acabarán unidas pola amizade e será así como logren superar as súas carencias e os seus tormentos interiores.

O outro libro é Juntos, nada más, de Anna Gavalda. Encontrámonos novamente con varias persoas que inicialmente non teñen gran cousa en común, e que, non obstante e sempre grazas á amizade, vencen atrancos e resolven situacións que vivían como as peores da súa vida.

Ademais de seren estas dúas obras semellantes canto ao tema (a relación de amigos como boa maneira de superar momentos difíciles na vida), tamén teñen en común unha forma lenta e pausada de narrar. E eu aínda diría que en ambas as dúas hai como un toque delicioso que fai que queiras relelas.
Ana Fernández Cedeira, 3ª A.
                                                                            

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS


“LEMOS PARA RECUPERAR AQUEL TEMPO EN QUE OS ANIMAIS E AS FRAGAS FALABAN”


SEMANA TERCEIRA.


No libro que temos nas mans, dille o Bibliotecario a Antía e mais a Roi: No principio todas as árbores falaban, pero logo, aterradas polas accións do home que nunha tolemia de avaricia tronzaba ou queimaba toda fraga que atopaba, calaron.


PREGUNTA: A que libro nos referimos? (1 punto).

martes, 23 de setembro de 2014

CONCURSO GAÑAPUNTOS


CONCURSO GAÑAPUNTOS.
SEMANA SEGUNDA.
“SOMOS SERES LÚDICOS: XOGAMOS AO TULÉ ENTRE AS PÁXINAS DUN BO LIBRO”.
CUESTIÓN:
Chámalle a atención a J. Filgueira Valverde (que daquela, cando escribe o prólogo ao libro que teño nas mans, era Presidente do Consello da Cultura Galega) a curiosidade inxente que o noso autor tiña por todo en xeral, pola haxiografía en particular: así, nun comentario radiofónico do Día de Reis, este autor polo que preguntamos, cuestionaba se un dos Reis Magos era neno e se non sería vítima el tamén da degolación dos inocentes. A verdade é que este autor era inabarcable: sabía de cociña, de teatro, da Italia do Renacemento, de Oriente e de Occidente, e traballou moitísimo na radio. A quen nos referimos? (2 puntos)
::::::::




A resposta da segunda semana é: Álvaro Cunqueiro. Os gañadores son: Alicia Cabana, Laura Pico, Francisco Javier Verdote e José Ramón Viñas, de 3º e 4º da ESO.

luns, 22 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 22 AO 26 DE SETEMBRO)


Kokoro, palabra que se pode traducir aproximadamente como "corazón", "interior", "espírito", "alma"... é o título dunha das novelas do escritor xaponés Natsume Soseki, un dos  máis clásicos entre os  autores do Xapón moderno.


   A novela narra a relación entre un xoven estudante e un enigmático home ao que o xoven considera o seu "sensei" (mestre). Malia ter pouca acción, é unha obra apaixonante; eu definiríaa como thriller psicolóxico, pois, desde o principio, a historia do misterioso "sensei "  nos atrapa, até un desenlace dramático que explica todos os porqués que van xurdindo ao longo da lectura.
   É una obra moi sobria, tanto no estilo, sinxelo e claro, como no que conta, a historia emocional dos protagonistas, especialmente a de "sensei", e isto, a pesar do transcendental dos sentimentos narrados. Preséntanos unha sociedade  moi diferente da nosa e á vez manifesta a universalidade das paixóns humanas.
   Unha boa maneira de achegarse a unha literatura non demasiado coñecida aquí. Encantoume.
(Susana Piensos Linares, profesora de Lingua Galega e Literatura do IES 'Eusebio da Guarda')