domingo, 22 de marzo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Percival e outras historias".



    É unha colección de contos escritos por Xosé Luís Méndez Ferrín en 1958, e considerada por moitos coma unha das obras máis importantes da Nova Narrativa Galega.
  Estes contos transportarán ao lector a mundos semirreais  e orixinais, como no conto "Percival", até melancólicas realidades  que evocan os tempos da guerra civil, coma  "O asasino"...Ao principio, temía non comprender os contos, pero unha breve busca sobre as características da Nova Narrativa Galega, previa á lectura do libro, foi de gran axuda para poder descifrar con seguridade a cantidade de metáforas e simbolismos que Ferrín utiliza na súa escrita.
   Un estilo narrativo melódico, directo  e, ás veces, mesmo aterradoramente certeiro e realista, mesturado coa presentación de mundos imaxinarios á vez que reais, así como a presenza de personaxes que, aínda que quizais algúns os  consideren loucos, moito teñen que revelar sobre a mente humana, fixeron deste libro unha das miñas lecturas máis exquisitas e prezadas deste ano. As palabras de Ferrín entrelázanse nunha estrutura tan perfecta que teño entusiasmo por ler máis obras súas, coma  "O crepúsculo e as formigas", e aprofundar na variedade que a literatura galega pode ofrecer.
 
                                                                 Christian Paredes Franco, 1º A Bacharelato Adultos.


 
 
 
 
 


luns, 2 de marzo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Maxina ou a filla espúrea"



   É a primeira novela en galego despois dos Séculos Escuros e pódense ver moitos hipergaleguismos, o que a fai unha obra moi recoñecible no contexto histórico en que se sitúa. A novela gustoume, hei de dicir, faise amena unha vez que se entende o argumento, pero o problema é que engade moita información innecesaria sobre os personaxes e dá a sensación de estarmos vendo unha telenovela. Outro fallo que lle vexo é a tentativa de captar a atención cara á historia tentando provocar misterio ou suspense con frases do tipo "que fará o personaxe?" ou"que pasará..?. Pero en conxunto a novela gustoume, cos seus pros e os seus contras, aínda que penso  que, de non ser polo seu significado histórico, pasaría inadvertida.
   Pese a todo, recomendo lela, pois resulta interesante, aínda que pareza unha telenovela actual.
 
                          Igor Pereira Ferreira Matos do Paço, 1º Bacharelato Adultos.