martes, 15 de decembro de 2020

Un poema cada semana...ou cada mes..."Annabel Lee", de Edgar Allan Poe.


 

O poema trata sobre dous nenos que están namorados moi, moi forte, cun amor mesmo maior que o dos maiores...pero ela morre e entérrana nun sepulcro xunto ao mar...e el nunca afastará do seu corazón á súa amada Annabel Lee...

Parece que existen diferentes opinións sobre quen puido ser a muller que inspirou este poema, desde os que cren que puido ser a súa nai (algunha de nós concorda con esa opinión), ata os que consideran que foi a súa muller, á que, parece ser, coñecía desde neno...O certo é que o poema converteuse nunha obra moi popular que deu lugar a versións variadas, mesmo un vídeo musical do grupo Radio Futura, que, aínda que musicalmente non nos gustou demasiado (é difícil poñer música a un poema sen rima) si plasma en imaxes, de maneira moi clara,  a historia.

Gustounos o tipo de amor que se mostra, parécenos un amor puro e bonito, e que, despois de morta ela, el seguise pasando o tempo con ela, ao carón do seu sepulcro; é un   tipo de amor xa maduro, incondicional e moi forte, leal e verdadeiro, vivo mesmo despois da morte. O poema conmoveu os nosos corazonciños, e iso que algunha de nós non cre nun amor verdadeiro e tan marabilloso como o que se reflicte neste poema...

                                                       Alumnado de ESA 1, Adultos.

martes, 1 de decembro de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Todo esto te daré "



A historia desenvólvese nun maxestuoso escenario da Ribeira Sacra.  Un dos protagonistas, chamado Álvaro, ten un accidente na estrada,  indo á súa casa, que acaba coa súa vida. Cando Manuel, o marido de Álvaro, entéirase do ocorrido, chega a Galicia para recoñecer ó cadáver e descobre que á investigación se cerra con moita rapidez. O viúvo é rexeitado  pola familia do seu marido, os Muñiz de Dávila. Ese  rexeitamento   faille pensar en fuxir, pero o alegato dun garda  civil xubilado e a sospeita de que o accidente que acabou coa vida de Álvaro non é o único que se tapou como accidental, fano continuar.
Este libro é dos meus preferidos porque foi o primeiro que lin da autora e descubrina, tamén porque a historia desenvólvese nas marabillosas paisaxes da Ribeira Sacra e para os que non coñecen esta paisaxe marabillosa de Galicia, o libro lévate de tal maneira que despois de acabalo é como se o coñeceses como a palma da túa man.
                                                      Pablo Miñambres, 2º Bacharelato Adultos.

domingo, 22 de novembro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes... "Érase unha vez ...en Hollywood"


    Rich Dalton, a estrela dun western televisivo, deberá asumir o paso do tempo, e xunto á axuda do seu mellor amigo e dobre, Cliftt Booth, vivirán e intentarán superar os cambios dos anos 60 estando ligados a Hollywood.

   Tarantino deixa a súa característica pegada neste gran thriller de toque humorístico, baseado nos asasinatos da "familia Manson", protagonizada por Brad Pitt e Leonardo di Caprio. 

     Esta película é excepcional por como Tarantino acumula suspense e estrés ao longo de toda a longametraxe para finalmente estoupar cun desenlace inesperado e satisfactorio.

                                                   Ismael Khairou, ESA 3, Adultos.

domingo, 15 de novembro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."O rei León"


 

  Trata duns animaliños e da supervivencia, e do ciclo da vida e das súas funcións, da nutrición, das relacións e da reprodución; para min é moi intrigante e interesante e recoméndoa para todos os públicos, sobre todo para os nenos;  xa que son debuxos, considérase cine  infantil.

  Gústame moito, é moi entretida, recoméndolla a todo o mundo. Gañou un Óscar e eu daríalle cinco estrelas.

                                                                                     Roberto Alfonsín García, ESA 1, Adultos.


domingo, 1 de novembro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."Dezaito agasallos"


 

Son dúas historias, dúas vidas unidas por algo máis forte que o destino, o sangue.

O vínculo indestrutíbel entre nai e filla, unha filla á que non coñecía, Elisa, a "nai" á que se lle diagnosticou un cancro terminal meses antes de dar a luz.

Co cal Elisa buscou un xeito de que a súa filla sempre a recordase e decidiu darlle 18 agasallos á súa filla ata que fose maior.

O día do parto, Elisa morre sen coñecer á súa filla, que crece coa ausencia da nai, o que afecta a súa vida e  causa sufrimento, converténdose nunha moza rebelde de carácter autodestrutivo.

No seu 18 aniversario debido á súa rebelión, rexeita recibir o último agasallo que lle deixara a súa nai, fuxindo de casa e tendo un accidente mortal;  para a súa sorpresa a que conduce é a súa nai embarazada. Este evento fará que as liñas de tempo pasadas e futuras se entrecrucen e ambas teñan a oportunidade de compartir xuntas o ansiado tempo.

A miña opinión persoal é que ás veces a vida non sempre é como a queremos, ás veces o que para algúns é pouco para outros é moito; simplemente  debemos agradecer, e máis á  xente que moitas veces quere facer a nosa vida, con moito sacrificio, mellor, valorar a boa xente e os bos pais que día a día loitan por darnos un futuro mellor.

                                                                                 Sebastián Garcés, ESA 3, Adultos.


xoves, 15 de outubro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."Shine".

   Unha película de 1996 de xénero dramático, dirixida por Scott Hicks e protagonizada por Geoffrey Rush. Conta unha historia baseada na vida real de David Helfgott, un extraordinario pianista. David creceu no seo humilde dunha familia xudía de orixe polaca. A súa vida estivo marcada por un pai moi severo que deixou unha forte pegada na súa personalidade, minguando a  súa capacidade para relacionarse coa sociedade. Un día decide deixar a casa familiar cando recibe unha bolsa para estudar nunha prestixiosa escola de música. O profesor de David decátase inmediatamente do seu extraordinario talento, pero unha mala nova, ademais do duro traballo na escola, fan que David caia nunha enfermidade mental. Despois de pasar uns anos nun hospital de saúde mental, David atopa o amor en Gillian, unha astróloga que, grazas ao seu agarimo e comprensión, fai que David recupere a súa relación coa sociedade, comezando a dar concertos nos que fai gozar á xente da súa música. Algo que fai que complete a David e se sinta cheo.
   É unha película que recomendo ao cento por cento, onde se revelan os valores humanos e a capacidade de superación.
                                                                 José Francisco Ures. 3º ESA, Adultos.

xoves, 1 de outubro de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."O museo dos espellos"

O libro foi publicado no ano do bicentenario do Museo do Prado, e empeza na época da construción do museo, e xusto case na inauguración, prodúcese un asasinato nas galerías subterráneas do museo, copiando un cadro dos que se van  expoñer na inauguración. Douscentos anos despois, no ano 2019, con motivo do bicentenario, a dirección do museo propón facer un concurso con cinco copistas elexidos por sorteo para copiar cinco grandes obras expostas todo o ano. A medida que vai pasando o tempo, cada un dos copistas eé asasinado tal cal o cadro que está copiando, e este misterio ten que ser resolto pola  copista máis lista axudada por un investigador xove que vai ser de moita axuda.
Este libro gustoume moito porque é unha novela negra escalofriante que te mete na historia dende o principio e te obriga a percorrer todo o Museo do Prado;  tamén porque fala sobre a arte española, que para min é importante coñecela.
                                                   Pablo Miñambres, Bacharelato Adultos.




mércores, 16 de setembro de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."O instituto"



É unha novela de terror publicada en setembro de 2019 ,que relata a historia dun neno chamado Luke Ellis que aparentemente ten poderes psíquicos;  entón é reclutado por unha misteriosa organización chamada “o instituto”. O neno é raptado por persoas desa organización  nun suburbio de Minneapolis e os seus pais son asasinados. Cando desperta, encóntrase nun luagr exactamente igual que o seu cuarto, pero sen selo e sen ventás. A medida que pasa o tempo dáse conta de que foi capturado pola organización que recluta pola forza a nenos con mentes prodixiosas.

Este libro foi dos que máis me gustaron  porque escoitara que Stephen King era moi bo escritor pero nunca lera ningún libro seu, e con este último converteuse nun dos meus autores favoritos.
                                                      Pablo Miñambres, Bacharelato Adultos.

martes, 8 de setembro de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."O día que se perdeu a cordura"




   Unha novela de misterio escrita por Javier Castillo.É  un libro que trata dun home que está na metade duha rúa de Boston, cunha cabeza decapitada na súa man. A partir de aí, unha muller inspectora do FBI, investiga a situación.
    A min esta novela gustoume moito. É unha novela de misterio que te engancha moitísimo e non podes parar de ler. Ten moitos cambios temporais cara adiante e volta ao presente.
    Esta novela mestura amor, odio, misterio, e hai pouco máis que dicir para non desvelar o argumento.
                                                 Anabel Batista, ESA, Adultos.
   

martes, 1 de setembro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."O neno co pixama de raias"


 
      Eran dous nenos, pero moi distintos...un era o fillo dun nazi e o outro, xudeu. Fixéronse moi amigos, pero ningún sabía o que lle esperaba. Ningún sabía que gaseaban aos xudeus e que a vida lles tiña preparado un destino terrible...
       Para min é unha das películas máis tristes que vin. Está baseada en feitos reais, e vemos que os nenos non teñen ningunha maldade, só queren xogar con outros nenos, sexa cal sexa a súa orixe ou raza.
   A miña opinión é que somos todos humanos e somos todos persoas, e, aínda que xa non hai nazis que maten xudeus, hai outro tipo de racismo cara á xente doutra cor de pel ou outra cultura. Temos que abrir máis a mente e pensar que todos somos persoas e todos debemos respectarnos.
                                                      Jennifer López Serrano, ESA, Adultos.
 
 

luns, 24 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes... "Tres metros sobre o ceo"


 
 
Babi é unha rapaza intelixente, serena e guapa. Provén dunha boa familia e é un exemplo como estudante. Step é un mozo violento, descarado e un tanto "macarra". O destino fai que se encontren nunha festa e que namoren tolamente. Pese ás súas diferenzas, quérense e terán que loitar contra os seus amigos e familias para manter o seu amor.
A novela está bastante ben, "engancha" moito e recoméndoa a todo o mundo. É un libro entretido, ben escrito e que atrapa con facilidade, pero non deixa de ser a típica historia de adolescente, con amor, desexos, infidelidade, celos, etc. Se buscas unha lectura amena, unha historia sinxela e romántica, é o teu libro.
É un libro fantástico e recoméndollo a todo o mundo que soñe co gran amor; doulle un dez. Fai que te traslades a un lugar irreal no mundo , faiche chorar pero sobre todo, rir e reflexionar sobre o sentido da vida, do amor e da amizade e do fácil que é chegar a perder un  grande amigo e, mesmo,  un grande amor.
                                                   Pávila Juliane  De Oliveira Santos, ESA 2, Adultos.


luns, 17 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A cara norte do corazón"



O libro trata sobre o pasado de Amaia Salazar, anos antes dos crimes do Val do Baztán, en Navarra. Está ambientado en Nova Orleans, que despois do paso do furacán Katrina, volve a ver unha serie de asasinatos cometidos por unha persoa que conclúe a matanza despois do paso dos furacáns, neste caso o Katrina. O asasino é chamado  "O compositor"pola policía,  porque unha pista que deixa é un instrumento musical.
Este libro gustoume moito porque é das poucas novelas en que  "me metín" na historia; , tamén porque trata sobre temas un pouco descoñecidos, como a mitoloxía de Nova Orleans, moi interesante por certo. Tamén hei de dicir que a autora arriscouse a facer unha historia sobre un personaxe xa creado na triloxía do Baztán e conseguiu sorprenderme aínda máis, porque cría que non se podía crear unha historia tan fascinante dun personaxe ambientada no pasado.
                                        Pablo Miñambres López_Perea, 1º Bacharelato Adultos.

Un libro cada semana...ou cada mes..."O misterio da guía de ferrocarrís"




Hércules Poirot recibe unha misteriosa carta dun criminal que ameaza con levar a cabo asasinatos segundo a orde alfabética,  mais pensa, ao comezo, que se trata unicamente dunha broma de mal gusto. Sen embargo, non transcorre moito tempo ata que a desgraza se revela: Alice Asher, de Andover, é asasinada na súa tenda de comestibles tal como se anunciaba na misiva do asasino. Tras non moito tempo transcorrido, unha segunda vítima, a señora Barnard, morre en Bexhill. As vítimas non gardan relación algunha entre sí e o asasino non coñece nin límites nin temor... pero Poirot, o detective máis competente da historia, está disposto a evitar que o asasino complete o abecedario.

A modo de eloxio á autora hei de dicir que aínda non dou topado unha única novela de Christie que non conseguise manterme inmerso na lectura con tanta eficacia (rematei a novela nun só día). Sen embargo, debo admitir que, nun principio, dubidei mercar esta novela posto que anunciaba que se trataba do primeiro caso para Poirot "pelexando" cun asasino en serie. Podería manter Christie o seu eficaz estilo de escrita pese a aventurarse en territorios novos? Con todo isto, as miñas expectativas cara á novela eran altas: as obras de Agatha Christie xamais careceran de orixinalidade, e moi alegremente podo expresar agora o gozo que este libro supuxo para min. Esta é a primeira novela de Agatha Christie que lin na que a acción ocorre nun espazo aberto (habitualmente, Christie emprega como espazo da acción unha mansión, un hotel, unha residencia...), pero podemos observar a maña da autora coa que nos encherá do máis inmersivo misterio, prohibíndonos deixar o libro de lado. Como é común, Christie mantén a sospeita até a última páxina, e Poirot vólvenos sorprender co seu inxenio característico referente ás dúbidas  sobre  personaxes que, aínda sendo moi secundarios na acción, gozan de vida, así como sucesos para os que soamente mentes hábiles encontran sentido. As interaccións entre o icónico detective e Hastings, o seu acompañante, volven plagadas de carisma e comedia, obrigando un sorriso do lector nostálxico dende as primeiras páxinas. Opino que Christie presenta, con esta novela, o seu verdadeiro potencial como escritora, capaz de construír unha boa trama pese a afastarse do habitual.
                                                               C. P.  Bacharelato Adultos.

luns, 10 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A historia interminable"



A historia comeza coa vida solitaria dun neno tímido, Bastian, que le con paixón un libro máxico coa capacidade de levalo ao fantástico mundo de Fantasía. Pero Fantasía  encóntrase maldita: A Emperatriz Infantil está mortalmente enferma e o seu reino corre un grave perigo. A salvación dependerá dun humano, Bastian, co obxectivo de darlle á Emperatriz un novo nome. Pero a viaxe ata o seu castelo encóntrase chea de temibles dragóns, xigantes, monstruos e maxia. Para salvar Fantasía, Bastian deberá encontrar a coraxe para combater as tebras e resolver os misterios do seu propio corazón.
A Historia Interminable é probablemente o meu libro favorito. Con frecuencia lin e escoitei que se trata simplemente dun libro para nenos e non podería encontrarme en maior desacordo. A imaxinación, a filosofía e a moral  de Michael Ende contribuiron á realización da obra maestra que a Historia Interminable é. De maneira imposible poderá alguén non empatizar con Bastian e a súa avidez por ler, a soidade da que sofre e os seus inocentes desexos dunha unha vida mellor. Pero este libro vai un paso máis aló. E é que Michael Ende, aínda sen recorrer ao uso de termos complicados, consegue crear un estilo de escrita abundante de carisma e, sobretodo, maxia. En máis dunha ocasión cheguei a  pensar que Fantasía, o mundo imaxinario, realmente existía, e a miña concentración durante a lectura desta novela foi tan profunda que nen sequera conseguín percatarme das case 500 páxinas que abarca. O libro cumpre coas promesas que explica na contraportada: Bastian  encóntrase con dragóns, descomunais arañas venenosas, persoas de pel de prata e leóns falantes. Pero, segundo a miña opinión, o verdadeiro logro desta historia é a sutileza do desenvolvemento psicolóxico do protagonista: Bastian, comezando como un neno tímido, experimentará o temor, a alegría, a realización dos seus máis profundos desexos, a envexa, o odio e a estrañeza dun pasado perdido que, en conxunto, o convertirán non só a el, tamén ao lector, nunha mellor persoa.
                                                                  
                                             Cristian Paredes Franco, 1º Bacharelato Adultos.

luns, 3 de agosto de 2020

Unha serie cada semana...ou cada mes..."Between"



A serie explora o vacío de poder que se produce cando un goberno crea unha área illada. Janette é unha adolescente grávida que vive na pequena cidade que está enfrontándose a unha misteriosa enfermidade que matou a todos os maiores de 22 anos. Cando a vila queda sen adultos, todo se volve un problema ; Justin, fillo do propietario de varios concesionarios de autos, decide tomar a responsabilidade. Ao longo da serie, vese como varios están de acordo con isto, e moitos non, xerando conflitos entre os personaxes.
É unha serie boa, parécese un pouco á realidade que vivimos e estamos vivindo, un virus raro que mata a toda a xente maior. Doulle un 8 e recoméndoa; faiche pensar no que estamos vivindo e valorar máis ás persoas.
                                                                Pávila Juliane de Oliveira Santos. ESA, Adultos.

luns, 27 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Homínidos"




A vida de Arthur Banks, un home normal e corrente de San Francisco, sofre un xiro inesperado cando un antopólogo, amigo seu, aparece morto. A familia deste desaparece, así como a muller e o fillo de Arthur. Onde se encontra a familia de Arthur? Quen matou ao antropólogo? Arthur comezará a buscar respostas e descubrirá a existencia  doutra especie de homínidos que evolucionara de forma distinta da dos Homo sapiens e que está decidida a terminar, finalmente, coa supremacía do home actual. Arthur podería estar loitando contra a supervivencia de toda a humanidade.

 Aínda que falar mal dun libro non é a actividade que á maior alegría me induza, debo dicir que esta foi unha das miñas peores lecturas do 2019 e que non recomendaría este libro a ninguén. Se cabe, a única moralexa que puiden sacar deste libro é que non todo aquilo moi vendido (a portada do libro indica que se trata dun bestseller) é tamén bo. Nun principio, a historia arranca con forza e misterio: quérese descubrir, xunto con Arthur, a existencia da outra especie humana que está a vivir entre nós. Mais para min un dos grandes problemas deste libro é o estilo de escrita: o libro semella redactado con présas, carecendo a ratos de descricións, esenciais para crear ambientes intrigantes e tridimensionalidade nos personaxes, con quen non conseguín empatizar. A historia é, asimesmo, moi predicible: a min, que pouca maña teño na resolución dos misterios nas novelas, custoume moi pouco relacionar os "misterios" que emerxen ao longo da historia coas cuestións que se nos plantexan na contraportada do libro. Por se isto fose pouco, levei tamén una gran decepción co contido instrutivo que esperaba do libro. Quizais o meu xuicio non foi acertado, pero esperei toparme con aportacións de datos instrutivos referentes aos homínidos e a bioloxía, pero o único dato resaltado é a aparición do xénero homo sapiens hai 35000 anos (dato que calquera afeccionado á evolución humana de seguro coñece). En conclusión, "Homínidos" é, máis ben, unha novela que, nun intento por ser misteriosa, consegue inducir aburrimento e quitar tempo aos lectores.
                                                         Cristian Paredes Franco. 1º Bacharelato Adultos.

martes, 21 de xullo de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."The girl on the train"


   Rachel Watson (Emily Blunt) é unha muller recentemente divorciada e con problemas de bebida. Todos os días toma o tren para traballar en Nova York e todos os días o tren pasa pola súa antiga casa; nesa casa vive agora o seu ex -marido coa súa nova muller e o seu fillo. Para non afogar nas súas penas, Rachel decide concentrarse en mirar unha parella que vive unhas casas por debaixo da súa, e comeza a crear na súa cabeza unha marabillosa vida para esta familia aparentemente perfecta...Todo cambia unha mañá, desde a xanela do tren:  Rachel é testemuña dun suceso impactante e desconcertante que a enche de rabia e vese involucrada nun   misterioso caso...
   A película é a adaptación cinematográfica do libro do mesmo nome (podedes ver a miña recensión do libro, publicada neste blogue o pasado 23 de febreiro).  Esta foi una das mellores adaptacións que vin:  con excepción de dous detalles, na película ocorre o mesmo que no libro, sen saltar nada que puidese  facerche perder o fío...Pese a ter lido o libro, ademais, a película mantívome tan inmersa e alerta coma aquel, impaciente por saber como remata.
    Non a recomendo coma unha gran película, pero si como unha boa adaptación do libro.
                                                 Laura Lombardero Gestal, 1º Bacharelato Adultos.
 
 

luns, 13 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Fallen"


    "Helstone, Inglaterra, 1854. É unha noite escura e dous mozos conversan nunha casa de campo remota. Son irresistiblemente atraídos un polo outro, pero  el insiste en que non poden estar xuntos. Ela ignora os seus avisos e bótase  aos seus brazos. Cando se bican, un lume ardente inunda todo..."
      Así comeza o libro, pero a orixe desta historia remóntase, de feito, a hai miles de anos. Conta a lenda que Lucifer se rebelou contra Deus, dando paso a unha cruenta guerra no ceo; dous anxos negáronse a situarse, chámanse Daniel e Lucinda, e, no canto de escoller entre o ben e o mal, escolleron o amor, ou o que é o mesmo: escolléronse un ao outro. Polo tanto, foron dobremente castigados...A súa historia de amor estaba condenada a acabar en traxedia, porque, co paso do tempo, cada vez que Daniel revela a Luce (en calquera das súas diferentes vidas)a súa verdadeira identidade, morre no acto.
       Levaba xa uns anos querendo ler este libro, tanto por ter lido a súa trama, como polas críticas que recibiu. Debo dicir que non o desfrutei de todo, non sei se é porque esperaba algo máis da historia ou non era un bo momento para lelo e estar máis centrada na historia, pero creo que foi un pouco de todo.
       O argumento da novela é bo, foi o que me chamou para lela, pero como comezo dunha saga pareceume algo insatisfactorio, non me deixou esa necesidade de coller a continuación para saber o que pasa. Espero que o resto dos libros sexan mellores, tanto no desenvolvemento da historia como nun final adecuado para una historia que pode dar moito.
                                             Laura Lombardero Gestal, 1ºBacharelato Adultos. 

luns, 6 de xullo de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."Snatch, porcos e diamantes"

 
   A película é moi entretida porque non deixan de pasar cousas: ten chantaxes, enganos, pelexas e humor, un cóctel que me encanta.
    Todo empeza polo roubo dun diamante e todo o mundo comeza a unirse para quedar con el; ninguén dos que se unen se coñece e é moi  gracioso, porque ao final queda co diamante un grupo de xitanos que se unen porque os protagonistas van mercar una caravana e os estafan,  porque a venda da caravana remeta en pelexa e un dos protagonistas queda envolto nunha lea xa que queda sen o seu boxeador, que é "noqueado" e enviado ao hospital.
    Nesta película ninguén ten que ver con ninguén, e é o gracioso da película, moitas leas de mafia e de xente que ten os seus amaños e todos terminan envoltos entre sí por un diamante.
    A película é difícil de seguir, pero segundo avanza decátaste de quen é cada personaxe e como van envolvéndose entre sí e buscando o diamante... 
     Unha película entretida e con moita acción, que fai que teñas que estar moi atento a todo o que ocorre.
                                                Juan José Marco Chavarria, 2º ESA Adultos.


xoves, 2 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A ratoeira"



   Cando Gilles e Mollie Ralston, unha parella nova, abren a súa nova casa de hóspedes nos arredores de Londres, dificilmente poden sospeitar que o recén aberto negocio converterase durante uns días no epicentro dun macabro xogo criminal cun asasino entre os seus clientes. Illados por unha tormenta de neve, e sabendo que calquera deles pode ser a seguinte vítima, os oito ocupantes da casa, un dos cales é sarxento de policía, deben descubrir quen é o asasino e quen está chamado a ser o seguinte cadáver, antes de que sexa demasiado tarde.
    Este libro foi o primeiro de xénero policial, que lin, e o que me fixo engancharme a este xénero. Téñolle especial agarimo por iso, e porque, cada vez que o leo, non podo deixar de ler até o final, o que me fai rematalo nun día.
   Recomendo o libro tanto aos amantes do xénero policial como a aqueles que queiran comezar neste xénero, ou aqueles que queiran ler algo diferente.
                                                                  Laura Lombardero Gestal, 1º Bacharelato A, Adultos.


mércores, 24 de xuño de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Marina"



 
Na Barcelona de 1980 Óscar Drai soña esperto, abraiado polos palacetes modernistas preto do internado no que estuda. Nunha das súas escapadas coñece a Marina, unha rapaza que comparte con Óscar a aventura de mergullarse nun enigma do pasado da cidade. Un misterioso personaxe da posguerra propúxose o maior desafío imaxinable, pero a súa ambición arrastrouno por un camiño sinistro cuxas consecuencias debe pagar alguén aínda hoxe.
Esta foi a novela coa que me incorporei no ilimitado mundo de creatividade e fantasía que os libros poñen ao noso alcance. Carlos Ruiz Zafón non escribe, senón que pinta literatura. E esta é a conclusión que puiden sacar trala lectura deste libro: que se trata dunha peza que, se non  é arte, polo menos acércase a ela. Dende a primeira páxina podemos apreciar o magnífico uso das palabras que Zafón fai: "O tempo e a memoria, historia e ficción, fundíanse en aquela cidade feiticeira como  acuarelas en choiva. Foi alí, ao eco de estradas que xa non existen, onde catedrais e edificios fugados de fábulas tramaron o decorado desta historia". É por isto  polo que recomendaría esta novela incluso a aqueles non acostumados a ler: o estilo de Zafón permítenos deixar voar a imaxinación con palabras precisas e acertadas que sacarán o maior potencial creativo de calquera lector.
Óscar Drai, apenas un adolescente, coñecerá a Marina e mais Xermán, cos que dará os seus primeiros pasos  cara á adultez. Especialmente os máis xoves sentiranse identificados cos sentimentos inocentes de Oscar Drai na súa primeira experiencia no amor,  mentres que outros lectores, máis vellos, verán a relación amorosa que surxe entre Óscar e Marina como o recordo perdido do primeiro enamoramento, que sempre doe. Mais o certo é que a novela de Zafón non ofrece unicamente romance: aqueles lectores en ávida busca de misterio e terror sentiranse fortemente unidos ás páxinas dun libro que ofrece escenarios de estradas baleiras, vivendas abandonadas, cemiterios, orfanatos, terroríficas criaturas monstruosas e moito máis. A novela de Zafón “respira” olvido, decadencia, dor e melancolía.
                                                    Cristian Paredes Franco, 1º Bacharelato Adultos.


luns, 15 de xuño de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Un día de decembro"


   Laurie non cre no amor a primeira vista. Ela pensa que unha cousa son as películas e outra a vida real. Non obstante, un día de decembro, os seus ollos atopan os dun descoñecido pola fiestra dun autobús. A maxia xorde e Laurie namórase totalmente, pero o autobús arranca e continúa o seu camiño polas rúas nevadas de Londres.
   Está convencida de que el é o home da súa vida, pero non sabe onde atopalo. Un ano despois, a súa mellor amiga, Sarah, preséntalle a Jack, o seu novo noivo, do que está moi namorada. E si, é el: o rapaz do autobús. Laurie decide esquecelo, pero...e se o destino ten outros plans?
   Este libro atraeume pola súa portada e pola súa sinopse. Desenvólvese en capítulos determinados por datas, onde xorden as voces de Laurie e Jack, o que nos permite coñecer os pensamentos e sentimentos mutuos. Isto pode facer que a historia se desenvolva máis lenta, pero tamén nos deixa momentos emotivos e divertidos.
   Para min o final é curto; despois de todo o que sucede, creo que cun ou dous capítulos   máis cos detalles que creo que á maioría dos lectores nos gustaría saber, sería un mellor peche da historia.
   Como novela catalogada de romántica, paréceme que carece de romance.
   Este libro recórdame a unha película que vin hai uns anos chamada "Algo prestado", onde a mellor amiga da protagonista se convirte na moza do rapaz que lle gusta á protagonista.
   A lectura foi entretida e fixo sufrir en varias partes, o único malo que podo dicir é que o final é demasiado rápido, e que te deixa desexando máis detalles.
                      Laura Lombardero Gestal, 1º A Bacharelato Adultos.
   


mércores, 10 de xuño de 2020

No verán, no teu tempo de lecer, non esquezas a lectura de..."As rulas de Bakunin"



 
Esta novela de Antón Riveiro Coello narra a vida de Camilo, un vello anarquista que viviu nos anos 30 a guerra, o cárcere e o seu posterior exilio no Uruguai. No libro transcorren á vez dúas historias paralelas, as lembranzas do pasado do protagonista e a búsqueda dun libro no presente, que tamén lle fai recordar tempos pasados. A novela conta cuns seis protagonistas: Camilo, o seu avó, Estevo, Dalmiro, Andrés, a súa tía Lola, a súa muller, Rosalía e o seu ex amigo Marcelo (ex amigo pola traizón de cambiarse ao lado fascista).
No presente: Ao longo da novela, o protagonista envíalle cartas a súa defunta muller, polo común, contándolle a súa vida. Camilo vai a Santiago buscar un libro que levaba anos tentando conseguir. Cando chega, vai na procura do vello señor do libro e dáse conta de que e un antigo militante anarquista do FAI, a raíz de que un señor queixouse de que estaba sendo perseguido. Esta persoa resultou ser un antigo garda falanxista do cárcere onde Camilo estivo preso. O propietario do libro, chamado Andrés, cóntalle ao protagonista o que aconteceu no cárcere cando el xa non estaba aló e que os únicos en salvarse foron eles dous  mais outro, grazas a memorizar o libro que o mesmo Camilo recitou para n on ser fusilado. Nese mesmo día, e clebrando que a operación do seu neto cego foi exitosa, o protagonsita e Andrés emborráchanse e recitan un texto en fronte do portal do garda falanxista; en consecuencia, tras una disputa, Andrés é levado ao hospital e desgraciadamente morre, pero Camilo consegue o seu desexado libro.
O seu pasado: Ao longo da novela, Camilo lembra momentos pasados da súa vida como a guerra, o exilio ou o cárcere. A maior parte dos recordos son da súa etapa en Vilaboa, onde foi estudar ao principio dos anos 30, a petición dun amigo do seu avó. Alí rematou os seus estudos e coñeceu á tía Lola, coa que tivo un "desliz" tras a morte do seu amigo Ricardo (finalmente Lola morreu a causa de sífilis por prostituirse tras a morte do seu marido). Tempo despois e co remate da súa etapa de estudante, comeza a participar en manifestacións e accións violentas anarquistas e tamén saír coa súa futura muller. tamén se conta a súa etapa exilado en Uruguai  xunto á súa muller, país no que ambos traballaron durante uns anos, e o seu regreso a Galiza, onde deixou de participar en accións violentas e se adicou á familia, xunto a Rosalía e a súa filla, Branca.
Opinión: Esta novela resultoume sinxela de ler e a trama pareceume moi boa, xa que as lembranzas de camilo teñen lugar arredor dos anos 30 e máis tarde, cando a situación política española era moi convulsa. Este período da historia non é moi estudado polos rapaces da nosa idade, polo que considero importante a lectura deste libro. O meu personaxe favorito é,  obviamente, Camilo, non só porque é o protagonista, senónporque ´un personaxe que viviu moitas aventuras (boas e malas), polo que é o personaxe máis interesante da novela.
                                                              
                                                                       Diego Soilán Abalde, 1º Bac. D. Diúrno.
 
 
 

No verán, no teu tempo de lecer, non esquezas a lectura de..."O segredo da casa de Formoso"



Sentimentos encontrados, confidencias e revelacións; es ti o tipo de persoa que goza deste tipo de lecturas? Pois ben, cómpre informarte de que estás a ler no sitio axeitado!



O segredo da casa de Formoso (Héctor Cajaraville) é unha obra que nos adentra na vida de David, un mozo que vive cos seus pais, Carmiña e Ermelio. Este comezará a estudar a carreira de informática, cando remate o verán. A familia da súa nai ía vender a casa familiar, de maneira que a eles lles tocaría unha parte dos beneficios. Pero, ... Tería esta casa unha historia agochada? Significaría algo para eles? Por causa dos horarios laborais da súa nai, é David quen ten que facerse  cargo de ir coller o diñeiro a Galicia, lugar onde habita a familia. Vano recoller ao aeroporto. A súa curmá Sonia e o seu tío Pastor. Despois, tamén van buscar a Sara,  nai da familia. Así,  lévano ata a súa enorme casa e o rapaz se decata de que non deben ter moi boa relación coa irmá de Sonia, Lucía, polos comentarios escoitados ata o momento.
Sonia é a acompañante de David na súa viaxe, mostrándolle os lugares máis destacados desa zona. Cando van asinar o pacto da casa, os compradores deciden adiantar a data de “entrega” da mesma, feito que Sonia non apoia, defendendo que tiñan as cousas xa planeadas e que se querían adiantar a data deberían de entregar máis cartos. Nun principio,  a familia asustouse por medo a perder todo o ofrecido; non obstante, era obvio que a Sonia avogada comezaba a mostrar a súa capacidade de persuasión, tendo en conta que saíron vencedores. David informa a súa nai do incremento dos beneficios grazas á boa xestión da súa curmá.


Deciden realizar un xantar na casa todos xuntos, lugar no cal residen Sonia e David a partir do dito momento. No faiado David consegue o caderno de comuñón que a súa nai lle pedira.
No momento en que a familia de Sonia e mais David ían xantar, Sonia vese obrigada a irse por motivos de traballo e David aproveita a ocasión para investigar no faiado, lugar onde descobre información sobre o seu avó en relación con París e decide ir ao arquivo de Sinancas para rematar de investigar. Encontraría o noso David algo peculiar na achega de información? Acharía neste momento unha historia escondida tras este fogar? Efectivamente , de acordo coas críticas dos veciños, a visita confirmoulle que o avó conseguira os territorios por culpar a un veciño seu, feito polo cal non tiña unha excelente reputación entre a veciñanza.
Sonia lévao a Baiona, lugar no cal David lle confesa o que atopara, quedando esta abraiada. Ao cabo dun anaco, Sonia recibe a noticia de que ao día seguinte terán que recoller a Lucía no aeroporto. Ao recibila, parece que David e ela non se levarían ben a causa de ter un malentendido. Na casa, os pais non recibiron con alegría o cambio de aspecto que Lucía levaba. Sonia leva a David á festa que lle prometera e, tras rexeitar a invitación da azafata do aeroporto coa que falara anteriormente de ir con ela, confésalle a Sonia que lle gusta e bícanse.
Lucía déixalles intimidade para despedirse no aeroporto e decide quedar na casa. David e Sonia prométense un reencontro. Aínda que as cousas non saíran coma nun conto de fadas, o rapaz tivo a sorte de atoparse con Andrea e Heider, as súas compañeiras do voo de ida, que lle fixeron a volta moito máis amena e divertida.

Lembrade:
A mellor sensación
pode chegar sen intención,
nunha inesperada situación,
non todo cumpre o pensado,
mais sen telo planeado
pode haber éxito asegurado.
 
 
 
Como no caso do noso compañeiro,
mellor que Galicia nin era o diñeiro,
pois o recordo que de alí levaba
era algo para sempre;
mentres que a familia que alí deixaba
a levaba na súa mente.
Candela Martínez Ramos
1º Bach A, Diúrno.
 
 
 
 






martes, 9 de xuño de 2020

Un filme, baseado nun libro, cada semana...ou cada mes..."Os miserables"

 
 
 
   É a historia da vida dun ex-presidiario, Jean Valjean, rexenerado, grazas á axuda dun home, tras dezanove anos de prisión por roubar pan; pero o pasado regresa para facer da súa vida un inferno. Na película pasan moitas cousas, e sempre é o comisario Javert quen ameaza a estabilidade de Valjean...
   A película mostra como a personalidade da xente pode cambiar como consecuencia de diferentes sucesos; chama a atención a evolución do protagonista, radicalmente a ben cando se lle dá a oportunidade (ao principio do filme). Tamén   o antagonista, Javert, home de ideas fixas, que recibe unha lección de Valjean, quen non lle garda rencor e o salva;  ao final da película decátase do cambio para ben do seu "inimigo".
   A película gustounos moito, porque mostra cousas que pasan na realidade, como por exemplo, que a xente xulga a túa vida en función do teu pasado, cousa que non debería suceder. Por outra banda, moitos personaxes, en cambio, non xulgan, senón que se axudan, e vemos que, cando se quere, pode facerse calquera cousa.
   Gustounos especialmente a relación de Valjean con Fantine e Cosette, e o final de Javert.
 Canto ás interpretacións, os actores son moi bos, así que  recomendamos a película.
                    Pávila Juliane de Oliveira, Juan José Marco e Jennifer López, ESA 2 Adultos.
 


xoves, 4 de xuño de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Dos velas para el diablo"



     É a historia de Caterina (Cat), que é unha  adolescente que viaxa polo  mundo co seu pai. Cando seu pai é asasinado, Cat perde todo e decide vingarse, pero seu pai era un anxo, co cal só alguén igual de poderoso puido matalo...
   Podería contarvos máis sobre a historia de Cat, pero sería absurdo que vos desvelase até o máis mínimo detalle de máis, posto que vos quitaría o pracer de descubrilo lendo o libro. Sen dúbida recomendo este libro que, segundo a miña opinión, é un dos mellores de Laura Gallego, xa que é unha historia que, aínda que moi extensa, non se fai pesada en ningún momento.
  Déixovos unha frase do libro: "Se pos una candea a Deus, pon dúas para o demo".
                                                 
                                Débora Ferro Bello.  Bacharelato Adultos.

sábado, 23 de maio de 2020

Unha serie cada semana...ou cada mes..."The Mandalorian"


   Un espectacular western espacial.
  
A banalización da marca "Star Wars" é absolutamente imparable nas mans de Disney. "The Mandalorian"é a primeira serie de acción real de Star Wars para televisión, e aparece como flamante punta de frecha do lanzamento da plataforma Disney +.
   A fortaleza da serie reside na súa sinxeleza: os espazos abertos e a estética dos planetas non teñen   nada que envexar  ás películas da saga, aínda que a súa condición televisiva se deixa notar máis nos escenarios armados, onde a posta en escena é moito máis vulgar. Pode que "The Mandalorian" non sexa un produto arriscado ou que non acabe de estar á altura que Star Wars esixe, pero a súa aposta pola simplicidade é unha vantaxe, xa que non deixa de ter o espírito das vellas series de aventuras. Moitos esperarían moito máis dela, pero como serie de aventuras de clase B é trepidante, como se saíse dun pasado no que ás series non se lles pedía máis.
                                                                                        Jorge Lorenzo, ESA, Adultos.


luns, 18 de maio de 2020

Unha serie para o desconfinamento..."A casa de papel"

 
 
 
 
   É unha serie que trata dun home que reúne  varias persoas descoñecidas para facer un roubo na Casa de Moeda e Timbre de Madrid.
    Os actores fano moi ben,gustoume moito a serie. O vestiario é moi simple, ían todos os reféns e os atracadores vestidos igual, cun mono vermello e unha careta. A música estaba moi ben situada, en cada escena e cando correspondía. Tamén me gustou moito cando na última parte sacaban o ataúde dunha atracadora; ese momento, coa música e as transicións da cámara, gustoume moito.
                                                                Anabel Batista, ESA 3; Adultos.


sábado, 16 de maio de 2020

Día das Letras Galegas 2020. Ricardo Carvalho Calero.



En realidade o seu nome é Ricardo Carballo Calero, o outro nome  utilizouno para asinar as súas obras até o día do seu falecemento, en 1990, en Santiago de Compostela.  Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras. Foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da universidade de Santiago. Os seus primeiros versos publicounos en Ferrol, cidade onde naceu.  Nos seus anos de estudante, participou en Esquerda Republicana, contra a ditadura de Primo de Rivera. En Compostela entrou en contacto co galeguismo. Considérase o gran pensador do reintegracionismo, sendo membro da Academia de Ciências de  Lisboa. Foi escritor e filólogo, mestre de varias xeracións. Algunhas das súas obras de creación son Scorpio e A xente na Barreira, primeira novela galega de posguerra.
                                                             AB, NM e EF, ESA 3, Adultos.

venres, 15 de maio de 2020

Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero

 
 
 
Ricardo Carvalho Calero (30/10/1910, Ferrol - A Coruña - 25/03/1990, Santiago de Compostela - A Coruña), foi unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolvendo unha traxectoria vital vinculada á historia do galeguismo: foi membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de autonomía de 1936, aplicou activamente as estratexias de recuperación da súa lingua.
Na creación literaria, sentíuse primeiro, poeta. O seu primeiro libro de poesía galega "Vieiros" (1931) e o último "Reticências..." (1986-1989) saíron á luz en 1990. Foi tamén o autor de obras teatrais como narrador e asinou, entre outras cousas, a primeira novela en galego da posguerra, "A xente na Barreira" (1951), gañador do premio convocado por Bibliófilos Galegos, e a novela "Scórpio", Premio da Crítica de 1987.
Ademais de ser escritor, historiador literario, crítico literario, filólogo e lingüista, o que é máis destacable é a súa dedicación á docencia. Dende 1950 foi nomeado director do Colexio Fingoy de Lugo, pasando a súa incorporación ao Instituto Rosalía de Castro, Santiago en 1965, ata que chegou a ser o primeiro profesor de Lingua e Literatura Galegas (1972) e dedicouse desde entón exclusivamente na Universidade e ata a súa xubilación, en 1980. Publicou numerosas obras relacionadas coa lingua e literatura galegas destinadas a afirmar a súa docencia universitaria e a súa proxección social, como "Historia da Literatura Galega Contemporánea" (1963) e "Gramática elemental do galego común ”(1966), manuais esenciais para varias xeracións de estudantes de lingua e literatura galegas.
                                                     L.L., 1º Bacharelato Adultos.


Día das letras galegas 2020. Ricardo Carvalho Calero.


Carvalho Calero como educador

Como puiden aprender, a través da lectura dun artigo do "Faro de Vigo", supuxo para min unha gran importancia a faceta como educador que Carvalho  Calero tivo,  entre o resto das súas ocupacións (filólogo, lingüista, sociolingüista, literato e polígrafo). E é que a figura de Carvalho Calero podería considerarse, ao meu parecer, un reflexo dun espírito loitador pola erudición e a sabedoría, conveniente de observar como modelo para  seguir pola súa capacidade de instaurar bos métodos de estudo.

Finalizada a Guerra Civil, Calero foi condenado a doce anos no cárcere de Xaén por separatista. Imposibilitado para exercer a función pública, tivo a sorte de encontrar refuxio como conselleiro delegado no Colexio Fingoi de Lugo, grazas ao filántropo e empresario galego Antonio Fernández López. Por quince anos, Calero foi un verdadeiro educador modélico que seguía os principios da "Institución Libre de Enseñanza*.

Na práctica, actuou como director do centro. Así, desenvolveu estratexias didácticas renovadoras que se traducirían no fomento do amor cara ao idioma entre todo o seu alumnado. Carvalho puxo gran énfase na ensinanza da lingua galega, a súa orixe, evolución, común co portugués, e a historia da literatura. No colexio lucense organizáranse actividades relativas ás danzas típicas galegas, e Calero observaba a presenza do teatro na educación como un método poderoso para instruír a nenos e adolescentes.

Outro dos importantes métodos de estudo que Calero impulsou foi unha educación que non perseguise o memorismo, senón que fose verdadeiramente útil na vida do alumnado. Os libros de texto no Colexio Fingoi non existiran, estaban destinados unicamente á consulta e lectura, impulsando así a habilidade dos estudantes para documentarse por sí mesmos. Ademais, Calero foi defensor da igualdade de nenos e nenas, aos que ensinou a tratarse mutuamente con respecto.

Como é ben sabido, a educación pode ser un método excepcional para  construír unha sociedade culta. Os valores e a ensinanza de Calero mostrarían máis tarde traer bos frutos: foi grazas á  súa dirección como xurdiron interesantes pintores, escultores, literatos e cineastas.

*Algúns principios que perseguira a Institución Libre de Enseñanza (ILE):

·         Despertar o interese  do alumnado cara á cultura e a capacidade de gobernar a súa propia vida.

·         Igualdade de xénero: o trato equitativo de alumnos e alumnas.

·         Rexeitamento dun sistema educativo con exames e castigos.
                                                             C.P, 1º Bacharelato Adultos.