domingo, 12 de decembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."Casas e tumbas"



Trátase dun libro que contén varias historias que  te levan ás profundidades da amizade. A primeira historia trata sobre un neno que volve de Francia sen fala e que se  fai amigo duns  xemelgos en Ugarte. A segunda historia trata sobre uns homes que están facendo a mili no Pardo na pre-transición. Tamén hai historias cruzadas dos protagonistas que percorren varias décadas na historia de España,  entre o País Vasco, Madrid e o sur de Francia.
Este libro gustoume moito porque se sae do xénero literario que prefiro, que é o xenero negro. Tamén me gustou porque o autor pon un valor moi alto na amizade, á  que hoxe en día, para min, non se lle dá o valor necesario,  e,  como di o autor neste libro, “non e máis que a vida, que transcorre entre dificultades como fíos  de auga entre as pedras”.
                                                    Pablo Miñambres López-Perea.

domingo, 28 de novembro de 2021

Unha serie cada semana...ou cada mes..."Lucifer"


 

A historia de Lucifer é a que todos coñecemos: un anxo caído do ceo. Pero este señor do inferno está aburrido coa súa propia existencia. Por este motivo, Lucifer decide deixar o seu reino e dirixirse á cidade de Los Angeles para descubrir o que o mundo mortal pode ofrecerlle.

Gustoume moito esta serie, é moi boa e entretida, e ver como Lucifer está adaptándose ao mundo é algo interesante que fai que queiras ver máis. Encantáronme, ademais, todos os personaxes.

                                                       Lorianny Nicol Suero.

domingo, 14 de novembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes...Rebeldes", de Susan E. Hinton.


 

A historia conta a forma de vivir de Ponyboy e os seus irmáns, que vivían sós porque os seus pais morreran nun accidente de tráfico. Ponyboy e seus irmáns pertencían a unha banda chamada Greasers, que tiñan problemas con outras bandas . Todo comeza con conflitos que xeran loitas na rúa, rematando nun final tráxico para o irmán do protagonista. Despois de todo o acontecido, Ponyboy decide voltar á escola onde conta a historia da súa vida na rúa.

Gustoume moito o libro, aínda que hai momentos tristes, porque conta a realidade, o que pode acontecer na vida real.

                            Silvia Ribeiro Rodríguez.

domingo, 31 de outubro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."los ritos del agua"


 

Ana Belén Liaño, ex novia de Kraken, o protagonista, aparece asasinada. A muller estaba embarazada e foi executada segundo  un ritual de hai 2600 anos, queimada, colgada e submerxida nun caldeiro da Idade do Bronce.

1992: Unai e os seus mellores amigos traballan na reconstrución dun poboado cántabro. Alí descubrirán  unha muller que  se convertirá no primeiro amor deles.

2016: Kraken ten que deter  un asasino que imita os ritos da auga en lugares sagrados do País Basco e Cantabria.

É o segundo libro da Triloxía da cidade branca e trasládate totalmente ao ambiente.

                                                         Pablo Miñambres López-Perea.

domingo, 10 de outubro de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."A cabana"


       Despois de sufrir unha traxedia familiar, Mack Phillips cae nunha profunda depresión que o leva a cuestionar todas as súas crenzas. Mergullado nunha crise de fe, recibe unha enigmática carta onde un misterioso personaxe o cita nunha cabana abandonada no fondo dos bosques de Oregon. A pesar das súas dúbidas, Mack viaxa á cabana, onde coñece a alguén inesperado...

       Foi a miña película favorita en canto a vin. Toca moitos temas nos que todos estamos confundidos e temos preguntas (morte, dor, xustiza e, sobre todo, o corazón de Deus e a relación que se supón que temos con el). Coñezo moita xente que a viu e  nin unha soa a puido ver sen chorar. É unha película que marca un antes e un despois de vela, ten moitos efectos secuenciais até curar o teu corazón. 

       Recomendo vela cunha mente moi aberta, pero se o fas, verás unha historia que se converterá nun tesouro que gardarás no teu corazón para sempre.

        A miña nota é un dez.

                                                                                               Pávila Juliane de Oliveira. 



                     




domingo, 26 de setembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O profesor"




   Frank McCourt describe na novela o seu día a día nas aulas de institutos de New York...e, aínda que o parecido entre as aulas nas que se desenvolve o seu traballo e as nosas é mínimo, hai algo, en todo o que conta, no que nos recoñecemos os profesores. Unha mostra:" A aula é un lugar de gran dramatismo. Nunca sabes o que fixeches por e para os centenares de alumnos que chegan e se van. Velos saír da aula: soñadores, apagados, burlóns, con admiración, sorrindo, desconcertados. Ao cabo duns anos, creas unhas antenas. Decátaste de se lles chegaches ou se os fixeches afastarse de ti. É unha química. É psicoloxía. É instinto animal. Estás cos rapaces e, mentres queiras ser profesor, non tes escapatoria. Non esperes axuda por parte dos que fuxiron da aula, dos de arriba. Están demasiado ocupados indo xantar e absortos en pensamentos elevados. Estás só cos rapaces." Os nosos alumnos, se len esta divertida "novela" autobiográfica, verán se se senten identificados con esoutros rapaces, tan afastados xeográfica e culturalmente.
   O libro é, como dixen, moi divertido, o ton é humorístico, retranqueiro (quizais o sangue irlandés de McCourt fai que o seu humor nos resulte moi próximo). E, máis aló de ser una obra moi apetecible para os que vivimos no mundo do ensino, os que pasamos toda unha vida no instituto, a nosa segunda casa,  é unha estupenda novela, ben escrita e moi entretida.
 
                                                                                              S. P.

domingo, 19 de setembro de 2021

Centenario Emilia Pardo Bazán 1851 - 1921












 

Unha serie literaria e cinematográfica cada semana...ou cada mes..."Harry Potter"


 En principio Harry Potter é unha serie de libros nos que o protagonista trata de descubrir quen matou aos seus pais grazas a un espello que descobre no instituto...A partir de aí, e xa tamén en filme, todas as aventuras dunha serie que non é só de magos, senón que fala tamén de competitividade, amizade, honra e capacidade de perdón. 

Esta serie gustounos a millóns de persoas que fomos medrando con cada un dos libros e cada unha das películas que conseguiron unir  a diferentes xeracións , grazas aos seus pintorescos personaxes, dos que observamos como falan, como se senten, todos descritos coas súas personalidades e caracterísitcas diferentes.

                                                                         M.V.  Adultos.

domingo, 12 de setembro de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Múltiple"


 

Debido a un trauma na primeira infancia, Kevin sofre un trastorno disociativo de identidade (DID), máis comunmente coñecido como Trastorno de Personalidadeúltiple. Dentro del conviven 23 identidades diferentes. Entre elas están as personalidades de Barry, un aspirante a deseñador de moda; Dennis, un obsesivo-compulsivo que sempre foi subestimado; Hedwig, un neno traveso de nove anos, e Patricia, unha muller de gran autoridade que actúa sospeitosamente amable. Para facer fronte ao seu trastorno, Kevin recibe axuda do doutor Fletcher, un psiquiatra que dedicou a súa vida a defender a xente con DID. O problema xorde cando algunhas das personalidades máis problemáticas de Kevin elaboran un plan cun misterioso e nefasto propósito. É entón cando Dennis secuestra a tres mozas adolescentes. E axiña os prisioneiros, dirixidos por Casey, atópanse nun búnker subterráneo e as súas vidas dependen deste peculiar captor con personalidades cambiantes.

O ritmo, perfecto. Pasan os seus 152 minutos sen notalos e as escenas lentas e rápidas mestúranse para marcar un paso coa consistencia suficiente para non aburrirse en ningún momento. As escenas construíronse coidadosamente, a súa disposición e iluminación xogan un papel importante na forma en que a cámara as captura e as mostra aos espectadores.

Os entornos, o suficientemente brillantes como para saber o que está pasando pero sen a luz para ver todo, deixan sombras en case todas as escenas e os primeiros planos da cara convértense nunha característica fundamental da película. Aínda que estas tomas compleméntanse con escenas máis abertas nas que o único que se pode mirar son as caras dos protagonistas.

Múltiple mantén en todo momento a tensión de descubrir quen é o verdadeiro protagonista da película. Por un lado está Kevin (ou calquera das súas 23 identidades) e, por outro, as rapazas secuestradas, Casey Cooke, e das que os flashbacks recorrentes nos amosarán o seu pasado e o que ten que ver co presente.

En conclusión, é unha película espectacular en que temas como trastornos psicolóxicos e sobre naturais son tratados e na que os actores destacan as súas habilidades actorais (especialmente Kevin, que ten que cubrir 24 papeis).

 Recomendo ver esta película un fin de semana mentres goza dun saboroso pudin.

                                             Francisco Santiago Montero Rieiro. Adultos.                                            

domingo, 5 de setembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O clube do crime dos xoves"


 

Nun tranquilo complexo residencial para xubilados, catro improbables amigos reúnense unha vez por semana para investigar antigos casos sen resolver. Eles son Ron o Roxo , mítico activista dos anos sesenta e setenta que non  perdeu as  súas ganas de liortas; a doce Joyce, unha enfermeira viúva non tan inxenua como aparenta; Ibrahim, un veterano psiquiatra cunha incrible capacidade de análise, e a tremenda é enigmática Elisabeth,  quen, aos seus oitenta e un anos, lidera este grupo de detectives afeccionados.

Cando un promotor inmobiliario da zona é atopado morto, este peculiar "clube do crime dos xoves” encóntrase co seu primeiro caso actual.  Chegou o momento de que estes octoxenarios saquen os seus ases da manga e demostren  aquilo do que son capaces de facer.

 

Na miña opinión, esta novela está moi ben para divertirse e pasar un bo momento se levas moito tempo lendo, e tamén é moi boa para empezar a collerlle o gustiño á lectura.

                        Pablo Miñambres López-Pereda. Adultos.

 

domingo, 29 de agosto de 2021

Tres series cada semana...ou cada mes..."Lupin" , "Brooklin 99" e "Legacies"


 Baseada nos libros do francés Maurice Leblanc, a serie conta as aventuras de Assane Diop, admirador de Lupin e que o toma como  exemplo e busca sobrevivir co que aprendeu nos libros protagonizados por este ladrón de "luva branca", do que se transforma en discípulo espiritual grazas aos libros que gardara seu pai, levado a prisión por un crime que non cometera...
É unha historia que en todo momento te atrapa e conta cun actor excelente para lograr o misterio que necesita o personaxe.


                                                     


É unha serie estadounidense, unha comedia policiaca. A serie xira en torno a Jake Peralta, un talentoso  e inmaturo detective na  ficticia comisaría 99 de Brooklyn , quen frecuentemente entra en conflito co seu oficial ao mando.

É unha excelente comedia; cada actor dá o seu toque especial, xusto e necesario para desenvolver a trama. Os romances non son forzados  e a maioría dos chistes son moi graciosos.


É unha das miñas series favoritas, xa que está chea de aventura, maxia e moitas sorpresas. O meu personaxe favorito é Hope, e espero que nas próximas temporadas saque o seu lado Mikaelson e nos mostre o poderosa que é.

                                     Hanan Al Mansouri, 1º Bacharelato Adultos.

domingo, 22 de agosto de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."La librería del señor Livingstone"

 


Agnes Martí é unha xove arqueóloga de orixe barcelonesa que se muda a Londres en busca dunha oportunidade. Pouco tempo despois de chegar á cidade, é sorprendida por unha forte choiva mentres pasea polo barrio do Temple e refúxiase nunha libraría moi especial chamada Moonlight Books. Edward Livingstone está buscando unha axudante e, no tempo que Agnes tarda en secarse e tomar unha taza de té, ambos comprenden que non é casualidade que sexa precisamente ela quen chamou á súa porta.

A medida que pasan os días, Agnes vai descubrindo o carácter rosmón do seu novo xefe, as excentricidades da súa clientela habitual e  o encanto desta pequena pero gran libraría. Até que un día, un dos libros máis prezados das estanterías desaparece e o inspector de policía John Lockwood entra en escena para facerse cargo da investigación e revolucionar a tranquila vida de Agnes...

 

Unha historia para todos aqueles que sentiron que alguna vez a literatura os salvaba.

                     Pablo Miñambres López Perea, 2º Bacharelato Adultos.


domingo, 15 de agosto de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."O labirinto do fauno"


A acción ten lugar na época de despois da da guerra civil española, no ano 1944. Conta a historia dunha nena de 13 anos chamada Ofelia, que se traslada coa súa nai, Carmen, a unha cidade dos Pirineos. Nesta cidade, descobre as ruínas dun labirinto onde atopa un fauno que lle fai unha revelación que fará que Ofelia teña que pasar tres probas antes da lúa chea.

Na miña opinión, a película é o relato  fantaseado dos horrores da posguerra e da maldade do ser humano; moitas das imaxes son sanguentas pero realistas porque, por desgraza, foi o que ocorreu neses anos.

Se che gustan as películas de fantasía esta é a túa, pero non che aconsello que a vexas se che impresiona o sangue.

                                                                     Gema Conde. 1º Bacharelato  Adultos.
 

domingo, 8 de agosto de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."La puerta"


 

O achado  do cadáver dunha xove, asasinada mediante unha antiga forma ritual aos pés da mítica Porta do Alén, desconcerta aos investigadores. A axente Raque Colina é unha recén chegada a ese curruncho perdido de Galicia para tratar de salvar ao seu fillo, ao que á medicina xa non pode curar. Sen outra alternativa, e chea de dúbidas, Raquel tería recorrido a unha menciñeira local, que prometía a curación do neno.

Sen embargo, a misteriosa desaparición da curandeira e o descubrimento da vítima da Porta fan sospeitar a Raquel que ambos casos poden estar relacionados. Coa complicidades do seu compañeiro, nun ambiente máxico e rural que non acaba de comprender, comezará unha desesperada conta atrás para resolver o caso e así atopar a última táboa de salvación que lle queda ao seu fillo.

Unha novela do xénero negro trepidante, cunha tensión de principio a fin que non che deixa soltar o libro. Impresionante para esa xente á  que lle gusta o misterio profundo.

                                            Pablo Miñambres, 2º Bacharelato Adultos.

domingo, 1 de agosto de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Baixo a mesma estrela"


 

 Móstranos a vida dunha adolescente que se enfronta ao cancro, sabendo que non ten cura; os seus días  transcorren  no hospital e sofre u nha gran depresión, até que coñece a Augustus, tamén  moi enfermo e sen cura. Namoran e cumpren soños inimaxinables para eles até que algo terrible sucede...

É unha película moi bonita, mostra moitas cousas da vida, e que non sempre as historias de amor terminan cun final feliz, o de "viviron felices para sempre"; esta película faiche valorar máis as persoas que tes na túa vida. 

Se buscas unha historia de amor puro e verdadeiro, e onde os dous se axudan mutuamente sen esperar nada a cambio do outro, e esperando sempre velo feliz, aínda que estean pasando unha grave enfermidade, recoméndoche ver "Baixo a mesma estrela".

                                                             Jennifer Vázquez Peña, ESA 3, Adultos.

domingo, 25 de xullo de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."El arte de no amargarse la vida"


 

Este é un libro de crecemento persoal, escrito polo psicólogo Rafael Santandreu. No libro, o autor dinos que moitas veces nos preocupamos demasiado por cousas simples, ou cousas do futuro e tamén do pasado e esquecemos desfrutar do presente, que é o que realmente importa nas nosas vidas; debemos aprender a soltar os apegos e así obteremos máis tranquilidade.

Ao sentirnos mal ou deprimidos despois dun fracaso, só perdemos máis o tempo. O autor fala das necesidades que a sociedade nos crea, por exemplo, moitas situacións en que necesitamos ter alguén ao noso lado para ser felices, converterse en alguén na vida, ter bens propios, que outros che digan como debes desfrutar da vida...Pero Santandreu di que os seres humanos somos máis que iso, non necesitamos bens materiais ou luxos para alcanzar a felicidade . Intentemos ignorar este dogma moi marcado na sociedade e darlle só a importancia necesaria, sen chegar a extremos. Isto non quere dicir que nos resignemos, senón que intentemos cambiar para mellorar.

Santandreu suxire que debemos dar uns pasos, o primeiro é detectar os pensamentos irracionais que nos provocan estes sentimentos de angustia , e o segundo, proceder a romper con esas crenzas, deixar de pensar nelas e buscar solucións , e, por último, plantexar crenzas racionais.

Este é un libro motivacional, que axudou a moitas persoas en momentos  moi difíciles das súas vidas. O libro ensina a deixar de lado eses problemas e a establecerse emocionalmente, e dános solucións para os nosos problemas mentais, que inflúen nos nosos estados afectivos. Permanecer atado ás precupacións  lévanos á depresión; debemos aprender a deixar ir e só así teremos unha mellor calidade de vida, pese ás circunstancias que esteamos atravesando.

                                                                       Candy Estefany Chino Quispe, 1º Bacharelato Adultos. 

domingo, 18 de xullo de 2021

Un filme, baseado nun libro, cada semana...ou cada mes... "O ceo de medianoite".


 

Agustín, un científico que, despois dunha evacuación, decide quedar só no Ártico, tenta contactar cunha nave espacial que, tras unha misión nunha das lúas de Xúpiter, tenta regresar á Terra. Agustín quere evitar que un equipo de astronautas volva a casa, xa que isto implica unha morte inevitable, porque se produciu unha misteriosa catástrofe global que deixou o planeta nun estado inhabitable.

 

 

"Ceo de Medianoite", filme baseado na novela "Good morning, Midnight" da escritora Lily Brooks Dalton, é unha película peculiar: aínda que ao principio parece aburrida (non explican porque a terra está nese estado, que é a enfermidade terminal de Augustine e incluso a razón pola que unha misión tripulada é enviada á lúa K-23), acaba por ser bastante entretida, tendo un par de "xiros argumentais" moi interesantes preto do final. 

 

En xeral, unha película relativamente entretida, perfecta para un sábado ou un domingo pola tarde, e como non contén escenas de +18, é aceptable  para ver en familia. Póñolle un 7 sobre 10.

                                              Francisco Santiago Montero. 1º Bacharelato Adultos.

domingo, 11 de xullo de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O tío Petros e a Conxectura de Goldbach".


 "O tío Petros e a Conxectura de Goldbach" é unha novela divulgativa,en concreto de divulgacion matemática. Nela temos dous personaxes principais: Petros,un matematico xubilado, antisocial e frustrado, e por outra banda temos a o seu sobriño,o cal é un mozo que ten un interese e talento matemáticos fóra do normal. Nesta novela veremos anécdotas de moitos matemáticos famosos e os seus sentimentos respecto ás matemáticas, sentimentos como a obsesión e tolemia fronte á beleza matemática. A historia xira en torno  á Conxectura de Goldbach, un dos problemas matemáticos máis antigos sen resolver. A novela empeza cando o noso protagonista decátase de que os seus pais estan planeando  facer unha comida familiar, pero decátase de que o seu pai e a súa nai non queren convidar ao seu  tío, Petros. O protagonista pregúntalles  aos seus pais  cal é a razón para no querer convidar o seu  tío; os pais explícanlle que o seu tío é un ser humano estraño, antisocial e incapaz de manter unha conversación normal co resto da xente. Esta explicacion foi o que fixo que o noso protagonista empezase a sentir interese no seu tío. Ao final,  os seus pais convidan a Petros tras as súplicas do seu fillo. O noso protagonista coñece a Petros e queda totalmente decepcionado tras ver nada máis que a un vello antisocial sen nada especial aparentemente. Cando a cea termina, o protagonista pregúntalle aos seus pais  por que o seu tío eran tan antisocial e tiña eses ollos de peixe morto durante toda a cea. O pai cóntalle ao seu fillo a historia de Petros:  O seu tío, Petros, fora  de xoven; un importante e talentoso matemático; desde  a escola notábase un talento matemático especial nel, diferente ao resto. Cando Petros escribía ecuacións matemáticas no encerado era como estar a ver a representación dos pensamentos de Deus escritos en linguaxe matemática.  Tan alto era o nivel de Petros que puido traballar cos mellores matemáticos do mundo sendo practicamente un neno. Petros sentíase o novo Mesías, podía resolver calquera teorema matemático sen ningún problema, pero a soberbia tería que chegar ao seu fin;  Petros atopa a que sería a súa inimiga até a súa morte, A Conxectura de Golbach. Petros namora totalmente da Conxectura, se a resolvía, sería tan grandioso e tan lembrado como o foron Arquimedes, Newton ouEnstein, pero Petros no daba resolvido a Conxectura de Golbach, só deixaba de facer cálculos matemáticos para comer e ir ao baño. Petros tiña unha amante, a cal  acabou casando con outro home debido á obsesión de Petros coas matemáticas. Petros non tivo ningunha amante máis nin tivo fillos; cando chegou a os 45 anos deixou as matemáticas e foi vivir ás aforas nunha vila, para estar illado da xente e vivir coa vergoña en soedade.
 Cando o fillo termina de escoitar a historia sente pena e fascinación polo seu tío; desde ese momento o neno esfórzase moito máis na escola e sobre todo na materia de matemáticas para así poder chamar a atención do seu tío. A seguinte vez que se atopan,  o neno dille ao seu  tío que quere ser matemático, o tío dúbida de que o seu sobriño teña talento matemático para poder exercer a profesión, e  proponlle un problema matemático, dille que llo resolva en 2 semanas, e daralle o seu  beneplácito para que poida estudar matemáticas; o neno acepta o reto. Tras pasar o tempo, o noso protagonista ve que no pode resolver o problema, e téntalle  preguntar a algún profesor ou compañeiro para que o  axuden a resolvelo, pero prometéralle ao seu tío que non pediría axuda e non buscaría  información do problema que lle puxo. Ao final,  acaba caendo ante a tentación de preguntarlle a un profesor, quen  lle preguntou  quen fora  o tolo que lle puxera ese problema. O  protagonista díxolle que fora  o seu tío,  o cal fora  matemático; o profesor cóntalle que ese problema era de feito a Conxectura de Goldbach.. O protagonista vai enfadado xunto ao seu tío, pregúntalle que por que lle  puxo un problema que nin sequera el  fora  quen  de solucionar durante toda a súa vida. O seu  tío rise e dille que se non pode resolver ese problema, estaba condenado a ser un matemático mediocre,  como el mesmo se consideraba. O protagonista di  algunhas feas palabras ao seu  tío e vaise. Pasaron os anos e o protagonista non volveu ver ao seu tío nin a saber del, ao final non estudou matemáticas,senón que estudou historia das matemáticas. Ao estudar esta materia, o protagonista puido entender como funcionan as matemáticas e como funcionan as mentes dos matemáticos, tendo mas empatía co seu tío. O protagonista contacta co seu tío de novo e cóntalle a sua experiencia estudando historia das matemáticas;  empezan a falar sobre anécdotas de matemáticos e sobre a natureza da beleza matemática. O que non sabía o protagonista é que  espertara de novo o amor do vello Petros polas matemáticas. Pasan os anos e de súpeto chaman ao teléfono do protagonista:  é a súa prima,  que lle di que o seu tío estivera  incomunicado durante varios días, era raro nel agora, xa que  restablecera  bastante a comunicación coa súa familia.  O protagonista vai á casa de Petros, atópase o seu  tío morto sentado no sofá , cun lapis na man e cunha folla na mesa;  a folla parecía ter ecuacións e sucesións matemáticas, que  el sabía que estaban relacionadas coa  Conxectura de Goldbach.  Vendo cada unha das  contas de ecuacións,1 por 1 ,deuse  conta de que o seu  tío  terminara o seu traballo, pero  que aínda  no podía saber se realmente  resolvera a Conxectura de Goldbach. Ao final da  historia, varios matemáticos analizaron as solucións  de Petros e verificaron que si, Petros resolverá  a Conxectura de Goldbach.

 Estendinme bastante pero é  que a novela é complexa, moito máis que o meu resumo, tiven que saltarme varios sucesos pero creo que o esencial da  obra quedou exposto. A miña  conclusión sobre esta obra é  que é   realmente fermosa, desde o principio até o  final. Fala sobre moitos matemáticos,  os cales se obsesionaron coas   matemáticas até  un punto realmente preocupante, mesmo algúns chegaron a suicidarse. Isto obviamente non é de bo agrado, pero realmente nesta novela podes sentir que é  o que sentiron moitos matemáticos e realmente entendes que é  a beleza das matemáticas.  Gustaríame ter desenvolvido  mellor esta recensión sobre esta obra xa que o merece, pero no puiden dedicarlle demasiado tempo. Espero que calquera persoa que lea isto,  lle dea unha oportunidade a esta obra e se deixe levar pola  beleza das  matemáticas.
                   Francisco Roberto Lara Míguez. 1º Bacharelato Adultos.

                                         

domingo, 4 de xullo de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Escape room"


 

Película estadounidense de 2019, que trata sobre seis descoñecidos que teñen que resolver puzzles para pasar por habitacións sen morrer no intento. É unha película interesante, que amosa unha gran imaxinación e envólvete  moito na situación; ademais, déixate, á súa maneira, participar nos puzzles e desenvolver o teu inxenio.

O filme, porén, ten erros, por exemplo, que ao principio che conta o final, o cal elimina un pouco a sorpresa do que sucederá, aínda que se desfruta, igualmente, moito. Garda unha mensaxe moi clara: que ti es o dono do teu destino e non só hai un camiño na vida. 

                                             Álex Santos Fernández, 1º Bacharelato Adultos.


                          

martes, 29 de xuño de 2021

Concurso de videorrecitado de poemas

 O departamento de Lingua castelá e Literatura convocou 
no mes de abril  un concurso de videorrecitado de poemas
entre o alumnado de ESO e Bacharelato.
Os participantes debían gravar vídeos recitando os seus 
poemas, nos que podían utilizar efectos visuais e sonoros, 
caracterizacións... 
Os premios repartíronse en dúas categorías: un para 1º, 2º 
e 3º de ESO; e outro para 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
Os premiados recibiron diploma e un cheque regalo 
por valor de 30 euros en libros.
 

Iria López Iglesias, alumna de 2º de ESO, 
gañadora do concurso de videorrecitado de poemas 2021
 
 



 

domingo, 27 de xuño de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."El chico de las bobinas"


 Nil Roig é un rapaz que pasa  ó día na bicicleta transportando bobinas dun cine a outro na cidade de Barcelona. O día do seu décimoterceiro aniversario é testemuña dun crime no portal da súa casa. Mentres o asasino foxe despois de ameazalo, o moribundo entrégalle ao neno un cromo dun famoso actor de cine da época,  que é moi perseguido por un ex comandante da Gestapo e un policía sen escrúpulos. O feito de que o asasinado lle entregue a Nil o cromo pronunciando o nome do seu pai desaparecido arrastrará ao neno a resolver un segredo do pasado que pagará moi caro.

Esta novela retrata unha Barcelona de luces e sombras onde as mulleres que aparecen teñen unha fortaleza incomparable, xa que a guerra civil foi moi dura.

                                          Pablo Miñambres López Perea, 2º Bacharelato Adultos.


domingo, 20 de xuño de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."300"


 

Dende tempos antigos escoitamos falar do noso valente pasado; daqueles tempos nos que se falaba de grandes pobos que loitaron pola súa liberdade ante enormes exércitos, sobre valentes guerreiros que arriscan todo por amor, coraxe, honra e orgullo...  A película 300 trasládase a estes tempos que antes se caracterizaron pola honra  ante todo 

"Espartanos ... esta noite cearemos no inferno" : con esta frase podemos definir 300, unha película que se centra en Esparta,  unha das culturas máis enigmáticas da historia. Poderíase dicir que son excepcionais,  porque son unha cultura eminentemente bélica, dedicada enteiramente á guerra. Teñen un código de honra sobre o que significa ser espartano e dela sae unha clase heroica como antes  nunca se vira.

A trama describe a historia do rei espartano Leonidas e dos seus 300 guerreiros espartanos que loitaron ata a morte contra un "rei-deus" persa, Xerxes e o seu exército de soldados. Debido á furia da batalla, a raíña espartana intentou obter o apoio de Esparta para o seu marido, convocando ao senado espartano, xa  que "O rei morrería se non enviaran o exército", pero o senado traizoou a toda Esparta e e non se puido enviar o exército, deixando a Leonidas e os seus 300 homes abandonados no campo de batalla. Leonidas deu a vida por Esparta, polo honor da súa terra, demostrando que o sangue espartano é sangue de guerreiro.

Esta película é moi boa xa que nos dá boas mensaxes,  como a coraxe de Leonidas ao loitar só cos seus 300 homes contra o exército de Xerxes;  unha historia que nos fala de loitar sabendo que non se pode gañar. Outro valor   é  o amor da  muller espartana, que  deu  o seu corpo para salvar ao seu marido; todos estes elementos xustifican o éxito de 300.

En conclusión, recomendo esta película, porque, ademais de proporcionar mensaxes positivas, estas van acompañadas de efectos cinematográficos que nos levan a mergullarnos no pasado.

Tamén quería, para rematar, poñer en relación a temática da película coa dun poeta que estudamos este curso, Eduardo Pondal, o cal en poemas como "Morrer en brando leito" menciona os heroes  que protagonizan o filme e mostra a súa admiración polos valores da antiga Esparta.

                                           Gema Conde Negreira, 1º Bacharelato Adultos.

domingo, 13 de xuño de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."A verdade sobre o caso Harry Quebert"


 

Ano 2008, o escritor Marcus Goldman acaba de cumprir trinta anos e está no cume da súa carreira. Cando a editorial lle pide ao escritor unha segunda novela, este encóntrase na síndrome da páxina en branco. Entón decide ir en busca da única persoa que o pode axudar, o seu amigo, o famoso escritor Harry Quebert. Todo se torce cando un día os xardineiross descobren no xardín de Quebert o cadáver de Nolla Kellergan, unha nena de quince anos que desaparecera no ano1975 e con a que Harry mantiña unha relación...

Na miña opinión, este libro é un das novelas obrigatorias de ler polo "enganche" que xera a historia e porque é un bo comezo para ser un fan da lectura.

                                                     Pablo Miñambres López-Perea, 2º Bacharelato Adultos.

domingo, 6 de xuño de 2021

Un filme, baseado nunh libro, cada semana...ou cada mes..."Into the wild"


  A película está baseada no libro de Jan Kraka. A historia trata sobre Christopher Mc Candless, un home que, ao rematar a universidade, inspirado por Thoreau ou Tolstoi,  e canso do materialismo, a hipocrisía e o egoísmo da sociedade, decide emprender unha viaxe a Alaska para atopar na natureza a felicidade e o verdadeiro sentido da vida. No camiño vive moitas experiencias e deixa todo o seu mundo atrás, pero, cando finalmente chega ao seu destino, atópase só, afastado de todos na soedade da vida salvaxe e dáse conta de que a felicidade só é real cando é compartida.

Nesta película atópanse moitos valores e ensinanzas, ademais dunha reflexión sobre a nosa sociedade e sobre nós mesmos. Trátanse temas coma o materialismo e as aparencias, o moito que temos e o pouco que necesitamos realmente. A familia de Christopher é  unha familia desestruturada á que só lle importa aparentar estar ben, con coches caros e un fillo con boas cualificacións académicas. Fálase tamén da procura de identidade, do amor e do perdón aos demais e a un mesmo.

Ademais, a banda sonora desta película é excelente , case todas as cancións son de Goldie Vedder e tratan temas moi axeitados á historia: o rexeitamento da sociedade, a liberdade e a natureza.

Outro aspecto destacable son as paisaxes; vemos moitas cidades diferentes na viaxe de Christopher: as imensas montañas no corazón de Alaska.

Na miña opinión, esta é unha película que todo o mundo debería ver polo menos unha vez na vida. Vemos a sociedade que seguimos tendo, convertidos en persoas materialistas que miran por riba do ombro aos que teñen menos. Somos seres egoístas, e estamos tan cegados pola sociedade que esquecemos o realmente importante: os valores e o sentido da propia vida. Centrámonos en estudar, traballar, ter unha boa casa e ser mellores que os demais. Esquecemos que o noso tempo neste mundo é breve e non vivimos a vida como deberiamos, non nos centramos en buscar o noso propio sentido e felicidade, deixámonos levar para ser como o sistema quere que sexamos.

Penso que todos somos Christopher Mc Candless, e por iso esta película é unha obra mestra: profunda, moralista e, sobre todo, real. 

                                          Jéssica Lesta González, 1º Bacharelato Adultos.