martes, 18 de agosto de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 17 AO 21 DE AGOSTO DO 2015


Hoxe recoméndovos que leades, os de cuarto e bacharelato (sen contar xa os de máis de 18), un libro de Bernardo Atxaga  (pseudónimo de Joseba Irazu Garmendia), publicado no 2009 e esplendidamente traducido por Ramón Nicolás, Sete casas en Francia. O tema, lamentablemente, non parece pasar de moda, por dicilo suavemente... É a explotación do home polo home. O atroz colonialismo dos europeos no Congo (arrasan con todo: liberdade e dignidade humanas, virxinidades, riquezas forestais, minerais, sen dó ningún). Un horror, se non fose porque a narración é áxil, a caracterización dos múltiples personaxes está ben trazada, e hai unha dose importante de humor, acedo por veces, divertido outras moitas (por exemplo, cada vez que o capitán Lalande Birán airea as ínfulas de poeta...). A forma literaria, a literatura nunha palabra, volve redimirnos, en canto que nos fai pensar de novo en como somos: moi hipócritas cando nos rachamos as vestimentas económicas porque nos veñen de África os desherdados da terra a petar á porta, sen relembrar que antes –e non hai tanto- fomos nós á súa casa e entrámoslles a saco. Non é a primeira vez que un escritor europeo trata este tema, hai que traer á palestra a Joseph Conrad e a súa coñecida novela Heart of Darkness, pero non sobra retomar este episodio escuro da historia de Europa en África, esa África ubérrima  que Atxaga debuxa con tanta mestría. Nunca saberemos o suficiente dos labirintos do corazón do home. Malia todo e emporiso, espero que saibades gozar deste bo libro.
(Charo Soto)

martes, 4 de agosto de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA




UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 3 AO 7 DE AGOSTO

 
Ursula Heinze de Lorenzo, ...e os domingos, un croissant.

  "Cando nos queren convencer  de que aquí dentro vivimos nun mundo irreal eu diría case o contrario. Aquí, no sanatorio, podemos vivir como realmente somos". Así conclúe o diario que Úrsula Heinze escribiu ao longo dos dous meses que pasou nun sanatorio psiquiátrico para curarse dunha fonda depresión e que converteu no libriño que agora comentamos.
   Ao longo de pouco máis de cen páxinas desfilan ante nós unha serie de personaxes, todos eles reais, segundo a propia autora, afastados do mundo normal,  algúns entrañables, outros terribles, que nos atrapan e deixan en nós unha sensación agridoce porque, malia a dureza do que se conta, o estilo suavemente humorístico da autora provoca, nlgúns momentos, o noso sorriso (quizais non caiba achegarse a unha realidade tan terrible se non é cun puntiño de humor...); noutros, as reflexións da autora sobre os dramas deses pacientes, ou o seu propio, tócannos o corazón.
    E, como anxos cheos de forza e bondade, describe Heinze o persoal que, con paciencia e amor infinitos, se ocupa deses seres, moitos dos cales nin as súas familias conseguen aturalos...
    Non é este un libro fácil, a enfermidade mental segue a ser tabú, pero Úrsula Heinze consegue achegárnola con valentía e sinceridade; é o mérito deste libro insólito e cheo de verdade que,sorprendentemente,  está acadando bastante sona...quizais porque,no fondo, necesitamos achegarnos a esa realidade que  se tenta esconder detrás dos muros dun sanatorio mental. 
(Susana Piensos)