mércores, 8 de marzo de 2023

Día Internacional da Muller



 

Un filme clásico, baseado nunha novela, cada semana...ou cada mes..."Johnny Guitar"


 Emitido recentemente no ciclo de filmes clásicos da 2 de RTVE, é un western de culto, louvado pola maioría da crítica, aínda que tamén hai moitos que o consideran unha obra sobrevalorada.

  O reencontro entre a propietaria dunha cantina e o ex-pistoleiro que regresa para recuperar a relación amorosa que tiveran tempo atrás  prodúcese nun contexto de violencia moi característica neste xénero cinematográfico (tiros, linchamentos, shériffs cuxa misión parece máis a vinganza que a xustiza...). Pero hai aspectos curiosos: en primeiro lugar, o título resulta enganoso, pois parece conceder o protagonismo  ao personaxe masculino que resulta ser, en realidade, un secundario bastante anódino nunha historia cuxas verdadeiras protagonistas son dúas mulleres, Vienna e a súa antagonista, a malísima Emma; a súa rivalidade a morte resulta ser o verdadeiro tema do filme.

  A película ten un desenvolvemento bastante teatral, tanto porque boa parte das escenas transcorren en espazos interiores moi iluminados, como porque as interpretacións resultan en ocasións ampulosas; ademais, o desgarrado da relación de odio entre as dúas mulleres (que deu lugar a curiosas interpretacións sobre o seu posible trasfondo homoerótico) ten ecos de traxedia clásica. É interesante tamén o vestiario, ao que se atribuíron trazos simbólicos (a contraposición entre o branco do vestido de Vienna nun momento climático e o negro dos "xusticeiros" que a van aforcar). Controversia causou tamén a elección da actriz protagonista, que moitos encontran excesivamente masculina, tanto no seu comportamento (outros, en cambio, considérana unha muller empoderada) como no seu aspecto físico. 

  En todo caso, o filme ten un dos diálogos considerados máis románticos da historia do cine, un ritmo bastante áxil e  unha historia que interesa até a última escena, que resulta ser un "happy end" un pouco inesperable como colofón a unha película tan sombría.

                                                                                                            S.P.