martes, 2 de abril de 2024

Un libro cada semana...ou cada mes..."Corazón que ri, corazón que chora"


Recuperamos esta recensión, publicada hai case dous anos, coma homenaxe a  unha  grande dama das letras, falecida hoxe.

 Maryse Condé, escritora francesa nacida en Guadeloupe, Premio Nobel Alternativo en 2018, lembra, cunha sinceridade por veces sorprendente pola súa dureza cara a si mesma e á súa familia, a súa infancia de nena de clase acomodada que non entende moitas cousas da sociedade colonial na que vive. Racismo, autoodio, clasismo, hipocresía social...observados por unha rapaza que vai describindo unha realidade, a súa e a da súa terra, difícil e moi complexa.  É moi expresiva a pintura que fai da Guadeloupe da súa infancia, feita cunha linguaxe clara e directa, amosando os sentimentos de xeito sutil e profundo, con grande penetración psicolóxica e espindo sen pudor a súa alma e a da sociedade "créole" que, por debaixo da súa riqueza cultural, agocha unha grande dificultade de convivencia.

                                                                                                   S.P.

 

xoves, 29 de febreiro de 2024

Un libro cada semana...ou cada mes..."Middlesex".

   Middlesex, premio Pulitzer de ficción no ano 2003, proposta como candidata ao que nos EUA chaman "grande novela americana"(en realidade, estadounidense) e éxito de vendas no seu día, é unha novela de máis de seiscentas páxinas que se len sen enteirarse pola súa amenidade e pola abondosa información que aporta sobre moi diversos temas, de plena actualidade vinte anos despois da súa publicación: a  inmigración, os disturbios raciais, a brutalidade da guerra e, sobre todo, a intersexualidade. Aínda que o fío condutor é a historia de Callíope/Cal,  personaxe a cuxa condición sexual se refire o título (en xogo de palabras co nome do barrio onde se instala coa súa familia) e pode, polo tanto, cualificarse de "novela de personaxe", encaixa tamén en moitos outros subtipos: é "novela de aprendizaxe", porque presenta a transición da nena Callíope ao mozo, e finalmente adulto Cal, que é quen narra, en analepses, esa evolución. Tamén ten elementos de "novela histórica", porque unha boa parte dela conta a historia dos avós gregos do/da protagonista, co fondo da guerra greco-turca dos anos 20 do pasado século, que os empuxa a fuxir aos EEUU, onde vivirán os conflitos raciais de Detroit  nos anos sesenta. Tamén ten elementos de "novela de viaxe", na parte en que Callíope, ao descubrir a súa verdadeira condición, foxe e viaxa a San Francisco, onde se transformará en Cal.Ten,  así mesmo,  pinceladas de novela de intriga, con episodios como a desaparición e sorpresiva reaparición do tío de Callíope, Zizmo, ou a parte final, referida á morte do seu pai. Pero ademais é, fundamentalmente,  o que se denomina "saga familiar", xa que se narra a historia de varias xeracións da familia do narrador protagonista.
   A novela ten un ton traxicómico, porque, aínda que se narra con lixeireza e frecuentemente con humor, a trama está chea de acontecementos moi serios, mesmo tráxicos; algúns críticos consideran un elemento de traxedia clásica o incesto (neste caso, dos avós),  que provoca, como  castigo dos deuses, a intersexualidade de Callíope/Cal; o seu nome, xunto coa súa  condición  hermafrodita serían ademais elementos da mitoloxía.
   A obra é, como se ve, monumental, tanto por  extensión coma por multiplicidade argumental ; quizais se percibe nela unha certa desorganización, tanto na alternacia das voces narradoras (os puntos de vista de Callíope/Cal confúndense ás veces cos dunha voz omnisciente) coma nos saltos temporais e argumentais. Falta certa profundidade na caracterización dos personaxes,   especialmente no caso de Callíope/Cal, de quen se esperaría  unha maior redondez psicolóxica, máxime tendo en conta a complexidade da súa traxectoria vital. Dá a sensación de que o autor (quen recoñece, por certo, algúns elementos autobiográficos na obra ) quixo abarcar moitos temas e enleouse un pouco. Aínda así, é unha novela moi interesante, entretida e orixinal. Que non é pouco.
                                                                                             S.P.