luns, 25 de agosto de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 26 AO 29 DE AGOSTO)



Hoxe quero recomendarvos Está vostede de broma, Mr. Feynman?

Desde que me enterei da existencia deste libro - o máis parecido a unha biografía, pois naceu das gravacións das historias contadas polo protagonista- tiven ardentes desexos de lelo. Non só cumpriu a miña inquedanza, senón que o seu pouso foi tan fondo que tempo despois me atrevin a voltar de novo a desfrutalo na súa versión orixinal.


Feynman foi un personaxe carismático na ciencia do século XX. Difícil é que alguén chegue a gañar o premio Nobel polos seus descubrimentos, máis aínda que poida transmitir os seus crípticos coñecementos a todo tipo de audiencias. Simpático, ocorrente -nunha noite resolveu problemas nos que outros avezados físicos necesitaban meses-, cun grande don de xentes, sedutor voraz desde a perda do seu primeiro amor..., sempre buscaba novos desafíos: Por que non dar clases de física no Brasil? (aprendendo primeiro brasileiro, claro) E metido nestas lerias… Por que non infiltrarse nunha escola de Samba? Por que non aprender a arte da pintura? E xa postos… que mellor que debuxar corpos femininos con poucas roupas!

Desde as súas primeiras aventuras arranxando radios escachadas, de tal xeito que a xente pensaba que era un milagreiro, ata a madurez e como “sentou a cabeza”, pasando polos anos de traballo no proxecto Manhattan (para fabricar a bomba atómica antes que os alemán; de feito, a obra ten moito da historia de USA desde 1935 en adiante), o lector non para de rir e desfrutar coas anécdotas e a asombrosa capacidade de cálculo que tiña.

Por eso non deixo de recomendarvos, tanto aos de cuarto da ESO coma aos de bacharelato,  o libro, e pensándoo ben, vou reler algunhas liñas… abur!

                                                               Mario S. García, prof. de tecnoloxía no IES 'Eusebio da Guarda'.

luns, 18 de agosto de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (DO 18 AO 22 DE AGOSTO)


Vou comentar brevemente unha  novela africana (escrita, por certo, en inglés) considerada clásica entre as literaturas dese continente. Trátase de Todo se esfarela, do nixeriano Chinua Achebe, recentemente falecido.


   A novela narra  o proceso de destrución da vida de Okonkwo, home da tribo Igbo, verdadeiro heroe tráxico, personaxe redondo, con luces e sombras, que representa a África tradicional, ferida de morte coa irrupción do home branco. Non é, apesar de considerarse paradigma de "novela colonial", unha obra maniquea, xa que OkonkWo, e por extensión a sociedade en que vive, son presentados dun xeito que a nós, culturalmente moi afastados, pode mesmo sacudirnos.
   Para min é , fundamentalmente, unha novela de personaxe, cuxos sentimentos nos son transmitidos por medio do uso do narrador omnisciente.
   O estilo é áxil, con momentos de gran tensión dramática e, por veces, un certo humor acedo. Se o desenvolvemento é vibrante, o desenlace é demoledor  (atención ao último parágrafo).
   Unha novela  moi interesante, traducida, por certo, á nosa lingua.


                                               Susana Piensos Linares, prof. de lingua galega e literatura no IES ‘Eusebio da Guarda’.

luns, 11 de agosto de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 11 AO 15 DE AGOSTO)



SALSEIROS de Suso Lista



 Ola a todos: cando estamos de vacacións temos máis tempo para todo e nese todo non podía faltar a lectura. Eu aproveito os meses de verán para ler libros que me recomendan ou me regalan os amigos, e un deles é Salseiros, de Suso Lista, publicado por Edicións Embora en marzo deste ano. Os que mo regalaron sabían ben que me ía gustar porque realmente aos que somos de porto de mar, estes relatos sóannos familiares e podemos dicir que aínda que se desenvolven en Corme, ben poderían darse en Rianxo, Portosín ou calquera vila mariñeira da costa galega.


Son máis de medio cento de historias que Suso Lista foi lanzando nas redes sociais e que finalmente se publican. Son relatos da vida mesma, dos habitantes de Corme,  cheos de humor ou de fantasía, que non deixan a ninguén indiferente; hainos tráxicos tamén, porque non podemos esquecer que estamos a falar das historias dos mariñeiros, do día a día duns homes valentes coma poucos, os percebeiros do Roncudo, que se xogan a vida cada vez que saen ao mar. Ao mesmo tempo Suso Lista fainos partícipes aos lectores, como fixeron os grandes contistas da nosa literatura,  desa vida sinxela dunha parte de Galicia, a Galicia mariñeira, e cun humor e unha retranca, que só podían saír dun galego de Corme.



Beni Vidal Tomé, profesora do IES PL  “Eusebio da Guarda”.

Agosto de 2014

luns, 4 de agosto de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (DO 4 AO 8 DE AGOSTO)


 Hoxe vouvos recomendar a lectura dun libro do británico Graham Greene, O factor humano



É unha das súas últimas obras (publicouno no 78 e el morreu no 91), e foi adaptada para o cine polo director vienés Otto Preminger. Dependendo do punto de vista con que nos aproximemos á novela, podemos destacar un tema ou outro tema: a espionaxe, o amor, a lealdade,  o poder de determinada caste de funcionariado público, a complexa rede de relación políticas entre países,  etc.
Sexa cal sexa o tema dominante, o libro lese ben. Ten unha prosa áxil, os diálogos son brillantes, a descrición da vida e dos costumes británicos desa época (primeira metade do século XX) é rica e entretida. Se queredes que destaque algo máis, seleccionaría un par de cousiñas, unha, o sentido do humor (moi british: agora mesmo lembro cando describe unha visita á casa da súa nai –de Castle- e o can coma sempre pretende pillar ao gato da casa, a nai teno encerrado no dormitario e cando o rapaz, Sam,  sobe na procura do can, aló está, ao axexo na porta coma un asasino shakespeariano), as breves incursións na propia infancia (tiña un dragón imaxinario que era o seu mellor amigo: típico e entrañable dato que nos debuxa tan ben a nenez dun ser solitario), e certas reflexións sobre o amor (ela , a amada, é a patria, e en relación con este núcleo de ideas: a felicidade non depende dos lugares tanto como das persoas –isto para un galego non sei se non será perfeccionable, quero dicir, que unha boa combinación de factores…). Etc. Nada, que tendes que ler este libro máis tarde ou máis cedo. É dos que nos manteñen co corazón en suspenso ata a derradeira liña.
(Charo Soto, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')