martes, 27 de agosto de 2019

Un poema cada semana...ou cada mes..."O corvo", de Edgar Allan Poe

 
     The Raven (O Corvo) é un poema gótico do escritor estadounidense Edgar Allan Poe (1809-1849). Conta a misteriosa visita dun corvo falante á casa dun amante aflixido, pero sobre todo, o descenso progresivo deste último cara á tolemia. O amante, que a miúdo  é identificado cun estudante, chora tristemente a perda da súa amada, chamada Leonora.
  O verdadeiro núcleo de O Corvo é o conflito entre  lembrar e esquecer, máis precisamente entre o desexo de lembrar a alguén que xa non está e o desexo de esquecelo para sempre.
   Fronte a todas as preguntas do protagonista, o corvo responde inexorablemente:"Nunca máis". Nun determinado momento, o protagonista asume que "Nunca máis" é o único que o paxaro sabe dicir. A partir de aí, formúlanse todas as preguntas  posteriores sabendo con antelación cal será a resposta.
 Con este gran toque, Edgar Allan Poe suxire que a verdadeira intención do narrador é profundar deliberadamente no sentido da perda.
  Esta é unha das obras máis recoñecidas do autor, un gran poema na estela  do romanticismo e da ciencia ficción, do que o autor é pai, así como do terror psicolóxico. Consegue envolverte nun sentimento de dor e angustia, de pena e desacougo...Con só uns versos, Poe é capaz de levarte ao seu terreo imaxinario de medo e desesperación e de xogar coa túa mente.
                                          Maite García Boga, 1º Bacharelato Adultos.

martes, 13 de agosto de 2019

Un vídeo cada semana...ou cada mes..."Leccións de vida dun espírito indomable"

 
  
  Esta charla, que podedes ver no programa "Aprendemos juntos" do BBVA en YouTube, protagonizada pola primatóloga Jane Goodall, fala de  temas como os primates, o involucrados que están os nenos e os mozos co medioambiente, a infancia, o consumo de carne...tamén que todos podemos conseguir os nosos soños, por moi utópicos que nos parezan, como ela mesma cumpriu os seus. As súas investigacións revolucionaron a comunidade científica e fascinaron ao mundo enteiro. 
Goodall invítanos a reflexionar sobre nós mesmos, sobre como promover un estilo de vida máis sostible e construír unha sociedade máis xusta.
                                                        
                                              Juan Pardo Lage. Bacharelato Adultos.

martes, 6 de agosto de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes... "O gran showman"



  Esta  marabillosa película musical, na que podemos desfrutar das actuacións de Hugh Jackman, Zac Efron, Zendaya e Michelle Williams entre outros, cóntanos a historia de P.T. Barnum, un home de negocios que, un bo día, decide crear un circo novo en América, onde actúa xente con moito talento, mais fóra do común, como por exemplo unha muller barbuda, un home con ananismo ou uns irmáns siameses (a acción ocorre no século XIX). Para acadar o éxito, P.T terá que enfrontarse a varios obstáculos.
  Amósasenos como a sociedade rexeita o diferente;  aínda que a película está baseada na auténtica historia de Phineas Taylor Barnum, non é  moi fiel á realidade; con todo, a obra é sublime, os números musicais son impresionantes e a historia, emocionante.
  Por poñerlle un pero, creo que a película debería centrarse máis na historia e un pouco menos na música, pero isto non a fai menos interesante.
  Non poderedes separar a vista da pantalla nin un minuto.
 Unha película moi entretida que recomendo totalmente para ver esta fin de semana.
 
                                         Azahara Argibay Gallego, 1º Bacharelato Adultos.