sábado, 26 de novembro de 2016

Visitamos....Galicia Cen






  O día 16 de novembro  acudimos á exposición "Galicia Cen", en Afundación. Trátase dunha mostra de 100 obxectos representativos de Galicia; obxectos en xeral bastante curiosos, desde uns coitelos de pedra afiada de hai, segundo nos dixeron, 400000 anos (pareceunos moitísimo tempo...) a outros de hoxe. Nalgúns casos trátase de obxectos únicos e orixinais, o que lle dá un valor especial á exposición, que estaba dividida en bloques temáticos para dar unha visión máis completa e global da nosa historia.
   Entre o que máis nos chamou a atención está a bandeira de Galicia que cubriu o féretro de Castelao (dixéronnos que era a terceira vez que se mostraba en público), algúns manuscritos medievais (entre eles, unha reprodución do famoso Códice Calixtino)  e ficamos unanimemente impresionados pola historia do futbolín...da que non vos contamos nada para non estragarvos a sorpresa cando vaiades...só imos dicir que se trata dunha historia emocionante, aínda que bastante triste.
   Resultounos unha visita moi interesante, ademais de polo seu contido, grazas á guía, Ruth, quen nos explicou moi ben, de xeito moi didáctico, facéndonos participar, e sempre cun sorriso...
   En definitiva, valeu a pena.
                                                                                                     3º ESO V.

Ningún comentario:

Publicar un comentario