luns, 24 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes... "Tres metros sobre o ceo"


 
 
Babi é unha rapaza intelixente, serena e guapa. Provén dunha boa familia e é un exemplo como estudante. Step é un mozo violento, descarado e un tanto "macarra". O destino fai que se encontren nunha festa e que namoren tolamente. Pese ás súas diferenzas, quérense e terán que loitar contra os seus amigos e familias para manter o seu amor.
A novela está bastante ben, "engancha" moito e recoméndoa a todo o mundo. É un libro entretido, ben escrito e que atrapa con facilidade, pero non deixa de ser a típica historia de adolescente, con amor, desexos, infidelidade, celos, etc. Se buscas unha lectura amena, unha historia sinxela e romántica, é o teu libro.
É un libro fantástico e recoméndollo a todo o mundo que soñe co gran amor; doulle un dez. Fai que te traslades a un lugar irreal no mundo , faiche chorar pero sobre todo, rir e reflexionar sobre o sentido da vida, do amor e da amizade e do fácil que é chegar a perder un  grande amigo e, mesmo,  un grande amor.
                                                   Pávila Juliane  De Oliveira Santos, ESA 2, Adultos.


luns, 17 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A cara norte do corazón"



O libro trata sobre o pasado de Amaia Salazar, anos antes dos crimes do Val do Baztán, en Navarra. Está ambientado en Nova Orleans, que despois do paso do furacán Katrina, volve a ver unha serie de asasinatos cometidos por unha persoa que conclúe a matanza despois do paso dos furacáns, neste caso o Katrina. O asasino é chamado  "O compositor"pola policía,  porque unha pista que deixa é un instrumento musical.
Este libro gustoume moito porque é das poucas novelas en que  "me metín" na historia; , tamén porque trata sobre temas un pouco descoñecidos, como a mitoloxía de Nova Orleans, moi interesante por certo. Tamén hei de dicir que a autora arriscouse a facer unha historia sobre un personaxe xa creado na triloxía do Baztán e conseguiu sorprenderme aínda máis, porque cría que non se podía crear unha historia tan fascinante dun personaxe ambientada no pasado.
                                        Pablo Miñambres López_Perea, 1º Bacharelato Adultos.

Un libro cada semana...ou cada mes..."O misterio da guía de ferrocarrís"




Hércules Poirot recibe unha misteriosa carta dun criminal que ameaza con levar a cabo asasinatos segundo a orde alfabética,  mais pensa, ao comezo, que se trata unicamente dunha broma de mal gusto. Sen embargo, non transcorre moito tempo ata que a desgraza se revela: Alice Asher, de Andover, é asasinada na súa tenda de comestibles tal como se anunciaba na misiva do asasino. Tras non moito tempo transcorrido, unha segunda vítima, a señora Barnard, morre en Bexhill. As vítimas non gardan relación algunha entre sí e o asasino non coñece nin límites nin temor... pero Poirot, o detective máis competente da historia, está disposto a evitar que o asasino complete o abecedario.

A modo de eloxio á autora hei de dicir que aínda non dou topado unha única novela de Christie que non conseguise manterme inmerso na lectura con tanta eficacia (rematei a novela nun só día). Sen embargo, debo admitir que, nun principio, dubidei mercar esta novela posto que anunciaba que se trataba do primeiro caso para Poirot "pelexando" cun asasino en serie. Podería manter Christie o seu eficaz estilo de escrita pese a aventurarse en territorios novos? Con todo isto, as miñas expectativas cara á novela eran altas: as obras de Agatha Christie xamais careceran de orixinalidade, e moi alegremente podo expresar agora o gozo que este libro supuxo para min. Esta é a primeira novela de Agatha Christie que lin na que a acción ocorre nun espazo aberto (habitualmente, Christie emprega como espazo da acción unha mansión, un hotel, unha residencia...), pero podemos observar a maña da autora coa que nos encherá do máis inmersivo misterio, prohibíndonos deixar o libro de lado. Como é común, Christie mantén a sospeita até a última páxina, e Poirot vólvenos sorprender co seu inxenio característico referente ás dúbidas  sobre  personaxes que, aínda sendo moi secundarios na acción, gozan de vida, así como sucesos para os que soamente mentes hábiles encontran sentido. As interaccións entre o icónico detective e Hastings, o seu acompañante, volven plagadas de carisma e comedia, obrigando un sorriso do lector nostálxico dende as primeiras páxinas. Opino que Christie presenta, con esta novela, o seu verdadeiro potencial como escritora, capaz de construír unha boa trama pese a afastarse do habitual.
                                                               C. P.  Bacharelato Adultos.

luns, 10 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."A historia interminable"



A historia comeza coa vida solitaria dun neno tímido, Bastian, que le con paixón un libro máxico coa capacidade de levalo ao fantástico mundo de Fantasía. Pero Fantasía  encóntrase maldita: A Emperatriz Infantil está mortalmente enferma e o seu reino corre un grave perigo. A salvación dependerá dun humano, Bastian, co obxectivo de darlle á Emperatriz un novo nome. Pero a viaxe ata o seu castelo encóntrase chea de temibles dragóns, xigantes, monstruos e maxia. Para salvar Fantasía, Bastian deberá encontrar a coraxe para combater as tebras e resolver os misterios do seu propio corazón.
A Historia Interminable é probablemente o meu libro favorito. Con frecuencia lin e escoitei que se trata simplemente dun libro para nenos e non podería encontrarme en maior desacordo. A imaxinación, a filosofía e a moral  de Michael Ende contribuiron á realización da obra maestra que a Historia Interminable é. De maneira imposible poderá alguén non empatizar con Bastian e a súa avidez por ler, a soidade da que sofre e os seus inocentes desexos dunha unha vida mellor. Pero este libro vai un paso máis aló. E é que Michael Ende, aínda sen recorrer ao uso de termos complicados, consegue crear un estilo de escrita abundante de carisma e, sobretodo, maxia. En máis dunha ocasión cheguei a  pensar que Fantasía, o mundo imaxinario, realmente existía, e a miña concentración durante a lectura desta novela foi tan profunda que nen sequera conseguín percatarme das case 500 páxinas que abarca. O libro cumpre coas promesas que explica na contraportada: Bastian  encóntrase con dragóns, descomunais arañas venenosas, persoas de pel de prata e leóns falantes. Pero, segundo a miña opinión, o verdadeiro logro desta historia é a sutileza do desenvolvemento psicolóxico do protagonista: Bastian, comezando como un neno tímido, experimentará o temor, a alegría, a realización dos seus máis profundos desexos, a envexa, o odio e a estrañeza dun pasado perdido que, en conxunto, o convertirán non só a el, tamén ao lector, nunha mellor persoa.
                                                                  
                                             Cristian Paredes Franco, 1º Bacharelato Adultos.

luns, 3 de agosto de 2020

Unha serie cada semana...ou cada mes..."Between"



A serie explora o vacío de poder que se produce cando un goberno crea unha área illada. Janette é unha adolescente grávida que vive na pequena cidade que está enfrontándose a unha misteriosa enfermidade que matou a todos os maiores de 22 anos. Cando a vila queda sen adultos, todo se volve un problema ; Justin, fillo do propietario de varios concesionarios de autos, decide tomar a responsabilidade. Ao longo da serie, vese como varios están de acordo con isto, e moitos non, xerando conflitos entre os personaxes.
É unha serie boa, parécese un pouco á realidade que vivimos e estamos vivindo, un virus raro que mata a toda a xente maior. Doulle un 8 e recoméndoa; faiche pensar no que estamos vivindo e valorar máis ás persoas.
                                                                Pávila Juliane de Oliveira Santos. ESA, Adultos.