xoves, 29 de febreiro de 2024

Un libro cada semana...ou cada mes..."Middlesex".

   Middlesex, premio Pulitzer de ficción no ano 2003, proposta como candidata ao que nos EUA chaman "grande novela americana"(en realidade, estadounidense) e éxito de vendas no seu día, é unha novela de máis de seiscentas páxinas que se len sen enteirarse pola súa amenidade e pola abondosa información que aporta sobre moi diversos temas, de plena actualidade vinte anos despois da súa publicación: a  inmigración, os disturbios raciais, a brutalidade da guerra e, sobre todo, a intersexualidade. Aínda que o fío condutor é a historia de Callíope/Cal,  personaxe a cuxa condición sexual se refire o título (en xogo de palabras co nome do barrio onde se instala coa súa familia) e pode, polo tanto, cualificarse de "novela de personaxe", encaixa tamén en moitos outros subtipos: é "novela de aprendizaxe", porque presenta a transición da nena Callíope ao mozo, e finalmente adulto Cal, que é quen narra, en analepses, esa evolución. Tamén ten elementos de "novela histórica", porque unha boa parte dela conta a historia dos avós gregos do/da protagonista, co fondo da guerra greco-turca dos anos 20 do pasado século, que os empuxa a fuxir aos EEUU, onde vivirán os conflitos raciais de Detroit  nos anos sesenta. Tamén ten elementos de "novela de viaxe", na parte en que Callíope, ao descubrir a súa verdadeira condición, foxe e viaxa a San Francisco, onde se transformará en Cal.Ten,  así mesmo,  pinceladas de novela de intriga, con episodios como a desaparición e sorpresiva reaparición do tío de Callíope, Zizmo, ou a parte final, referida á morte do seu pai. Pero ademais é, fundamentalmente,  o que se denomina "saga familiar", xa que se narra a historia de varias xeracións da familia do narrador protagonista.
   A novela ten un ton traxicómico, porque, aínda que se narra con lixeireza e frecuentemente con humor, a trama está chea de acontecementos moi serios, mesmo tráxicos; algúns críticos consideran un elemento de traxedia clásica o incesto (neste caso, dos avós),  que provoca, como  castigo dos deuses, a intersexualidade de Callíope/Cal; o seu nome, xunto coa súa  condición  hermafrodita serían ademais elementos da mitoloxía.
   A obra é, como se ve, monumental, tanto por  extensión coma por multiplicidade argumental ; quizais se percibe nela unha certa desorganización, tanto na alternacia das voces narradoras (os puntos de vista de Callíope/Cal confúndense ás veces cos dunha voz omnisciente) coma nos saltos temporais e argumentais. Falta certa profundidade na caracterización dos personaxes,   especialmente no caso de Callíope/Cal, de quen se esperaría  unha maior redondez psicolóxica, máxime tendo en conta a complexidade da súa traxectoria vital. Dá a sensación de que o autor (quen recoñece, por certo, algúns elementos autobiográficos na obra ) quixo abarcar moitos temas e enleouse un pouco. Aínda así, é unha novela moi interesante, entretida e orixinal. Que non é pouco.
                                                                                             S.P.