venres, 1 de novembro de 2019

Un libro cada semana..ou cada mes..."A raíña vermella"

 
 
 
      Esta novela está ambientada nun reino imaxinario, onde a sociedade está dividida pola cor do sangue. O vermello, que ten o pobo, a xente común, e o da prata, aqueles que teñen habilidades sobrenaturais e forman unha elite cerrada e chea de privilexios.
       A protagonista é Mare, unha moza de sangue vermello que sobrevive no medio da pobreza, ata que o azar a leva á Corte.  Alí descóbrese  que ten poderes especiais, algo inusual para alguén do pobo. Isto chama a atención do rei, que desexa aproveitar no seu beneficio os poderes da moza, convertíndoa así nunha princesa que casará cun dos seus fillos. Así, Mare pasa a formar parte do mundo de prata e axuda en segredo á Guarda Escarlata, un grupo composto por persoas con sangue vermello que prepara unha revolución. 
        É un libro que me chamou a atención e, aínda que nun principio pensei que sería como outras novelas escritas co mesmo padrón, cando o les, ves detalles e personaxes que a converten nunha novela única, aínda que o padrón é que a protagonista é unha rapaza que ten algo que a fai especial.
        É  unha historia que me pillou desde o principio, comenzando pola protagonista, coa que me identifiquei en varios momentos. Fíxoseme curto o libro porque se le moi rápido se desde o comezo che gusta, porque a medida que avanza a historia queres saber o que vai pasar despois, o que fai difícil deixar de ler ata chegar ao final.
                                                                   
 
                                  Laura Lombardero Gestal. 1º Bacharelato Adultos.

martes, 1 de outubro de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."A ponte sobre o río Kwai"

 
 

   A historia ten lugar en Siam,Tailandia, en 1943. Centos de prisioneiros de guerra británicos están a traballar    no chamado "Ferrocarril da morte", cando ten lugar unha discusión entre o coronel xaponés Saito e o británico Nicholson, que non está disposto a que os seus oficiais constrúan unha ponte sobre o río Kwai. Pero o cruel trato que reciben de Saito obrígaos a aceptar. A partir dun momento, este asunto convírtese nunha obsesión e unha cuestión de amor propio para Nicholson. Mentres tanto, o estado xeral británico dálle orde a un comando especial para voar a ponte.
   Trátase dunha das películas máis fermosas da historia do cine de guerra, na que se propón unha disección do espírito militar británico a través dunha situación na que a obcecación se leva ás súas últimas consecuencias.
   Persoalmente, como fan do cine de guerra, gústame  moito, pola impecable recreación das localizacións  e  as caracterizacións dos bandos xaponés e británico.
                         
                                                     Luis Alfredo Sánchez Capcha. 1ª A Bacharelato Adultos.
 
 
 

venres, 20 de setembro de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."A bela e a besta"




   Esta película é moi interesante porque se divide en dúas partes. Na primeira pódense reflectir as diferenzas sociais desa época, século XVII. O príncipe é egoísta, tiránico e cínico; perdeu a fortuna, parte da cara e a súa amada nun lume no seu castelo e levou á súa xente á ruína total.  Bella chega ao Castelo; é unha muller nova que vai traballar para pagar a débeda do seu pai.
   Na segunda parte, o protagonista masculino dáse conta de que os seus prexuízos  velan o seu amor por Bella, un romance que terá que superar continuas ameazas  e inimigos. Amor e traizón, coraxe e sacrificio, aventura e misterio conviven nesta película.
   Unha película moi entretida que recomendo totalmente para ver calquera día da semana.
 
                                                       Ann González. 1ª Bacharelato A. Adultos.

martes, 3 de setembro de 2019

Unha serie cada semana...ou cada mes... "London Spy"

 
 
   É unha serie non moi longa, na que podes ver frustración, drama, intriga e misterio. Empeza cunha relación amorosa e repentina entre Alex e Danny; un será paixón e o outro pudor e timidez, xa que un deles será infectado coa SIDA e o outro morrerá, recaendo a culpa sobre o supervivente.
    É unha serie interesante, na que se ve como Álex creará algo con terribles consecuencias na súa vida, e que na realidade, fóra da ficción  da serie, tamén as tería.
                                                              Juan Pardo Lage, 1º Bacharelato Adultos. 

martes, 27 de agosto de 2019

Un poema cada semana...ou cada mes..."O corvo", de Edgar Allan Poe

 
     The Raven (O Corvo) é un poema gótico do escritor estadounidense Edgar Allan Poe (1809-1849). Conta a misteriosa visita dun corvo falante á casa dun amante aflixido, pero sobre todo, o descenso progresivo deste último cara á tolemia. O amante, que a miúdo  é identificado cun estudante, chora tristemente a perda da súa amada, chamada Leonora.
  O verdadeiro núcleo de O Corvo é o conflito entre  lembrar e esquecer, máis precisamente entre o desexo de lembrar a alguén que xa non está e o desexo de esquecelo para sempre.
   Fronte a todas as preguntas do protagonista, o corvo responde inexorablemente:"Nunca máis". Nun determinado momento, o protagonista asume que "Nunca máis" é o único que o paxaro sabe dicir. A partir de aí, formúlanse todas as preguntas  posteriores sabendo con antelación cal será a resposta.
 Con este gran toque, Edgar Allan Poe suxire que a verdadeira intención do narrador é profundar deliberadamente no sentido da perda.
  Esta é unha das obras máis recoñecidas do autor, un gran poema na estela  do romanticismo e da ciencia ficción, do que o autor é pai, así como do terror psicolóxico. Consegue envolverte nun sentimento de dor e angustia, de pena e desacougo...Con só uns versos, Poe é capaz de levarte ao seu terreo imaxinario de medo e desesperación e de xogar coa túa mente.
                                          Maite García Boga, 1º Bacharelato Adultos.

martes, 13 de agosto de 2019

Un vídeo cada semana...ou cada mes..."Leccións de vida dun espírito indomable"

 
  
  Esta charla, que podedes ver no programa "Aprendemos juntos" do BBVA en YouTube, protagonizada pola primatóloga Jane Goodall, fala de  temas como os primates, o involucrados que están os nenos e os mozos co medioambiente, a infancia, o consumo de carne...tamén que todos podemos conseguir os nosos soños, por moi utópicos que nos parezan, como ela mesma cumpriu os seus. As súas investigacións revolucionaron a comunidade científica e fascinaron ao mundo enteiro. 
Goodall invítanos a reflexionar sobre nós mesmos, sobre como promover un estilo de vida máis sostible e construír unha sociedade máis xusta.
                                                        
                                              Juan Pardo Lage. Bacharelato Adultos.