sábado, 1 de novembro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."A noite dos mortos viventes", de George A. Romero.


    Filme clásico (aínda que considerado serie B) do xénero terror, marcou o inicio dunha temática de gran fortuna posteriormente:  a protagonizada polos mortos viventes, tamén chamados zombis, aínda que estes, procedentes do voudou haitiano,  teñen moitas diferenzas   cos personaxes de Romero. Pese a ter un   baixo presuposto e  limitacións formais, é un filme de culto e para nós, galegos, ten a curiosidade de ter sido financiado polas tías do director, descendentes da emigración galega, primeiro a Cuba e despois aos EE UU, onde naceu o director. Esta filiación galega, recentemente reivindicada con orgullo, de Romero, fai que algúns falen do elo entre o filme e a importancia do sobrenatural na nosa cultura (concretamente menciónase a Santa Compaña) pero eu véxoo algo forzado (non consta información de que Romero, neto xa de galego, tivese demasiado contacto con Galicia).
   O filme, que resultou terrorífico no seu día, aínda que hoxe resulta superado, sobre todo formalmente, describe a loita entre un grupo de personaxes, pechados nunha casa, contra os mortos viventes, caníbales, que amenazan con atrapalos e devoralos. A atmosfera claustrofóbica ( a práctica totalidade do filme se desenvolve no interior desa casa) acentúase  polo branco e negro da fotografía (que, parece, foi motivado pola limitación do presuposto) e a obsesiva e desacougante banda sonora. 
   Pero, máis aló do seu papel pioneiro, que rompe cos personaxes anteriormente protagonistas  do xénero, o filme resulta interesante por outros elementos:
. O tema dos ataques dos mortos suxire  unha reflexión sobre a condición humana, os seus conflitos, e as súas loitas de poder, xa que os personaxes pechados na casa   representan, coas súas actitudes,  unha serie de estereotipos de comportamento, entre os que destacan o líder e o antagonista.  Foi moi comentado que o líder fose protagonizado por un actor negro; tendo en conta a época da rodaxe, considerouse simbólico do racismo e da loita polos dereitos civís dos afroamericanos (aínda que tamén se dixo que o actor, descoñecido, foi o único que aceptou traballar practicamente gratis). Outro posible simbolismo sería a crítica á escalada tecnolóxica, bastante temida na época, tras os horrores da segunda guerra mundial  (a causa da transformación en mortos viventes sería a radiación emitida por unha nave retornada do espazo exterior). Houbo mesmo quen fixo alusión a Vietnam, onde os  seres  humanos se destruían entre sí, ou unha reflexión sobre a podredume dunha sociedade que impide aos individuos cohabitar en harmonía, cunha especial crítica á institución familiar ,representada nos personaxes "zombificados" que atacan aos seus familiares.
   A carón de todos estes aspectos interesantes, a película ten limitacións, coma un ritmo desigual, unhas interpretacións mediocres ou uns efectos especiais rudimentarios. Porén, ten un  inicio  excelente (mágoa que non se manteña o nivel ao longo de toda a metraxe) e un final sorprendente (analizado tamén como símbolo do conflito racial da época) que non imos desvelar. Así que, nestas datas tan dadas, dun tempo a esta parte, a celebrar estes temas, pode ser interesante o seu visionamento.
                                                                                                                   S.P.


martes, 14 de outubro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes...Miniciclo Víctor Erice.


 


Conmemoramos   a próxima celebración dos cincuenta anos de democracia comentando  dous filmes dos chamados "de culto", moi valorados pola crítica (algúns chegaron a consideralos dos mellores da historia do cine español) e unha parte do público, e que, porén, non gustan nada a outra. O director de ambos, Víctor Erice, cineasta pouco prolífico, home reservado e meditabundo, ofrece neles  unha visión, desde os ollos femininos da infancia e da adolescencia, da España do franquismo (con alusións vagas e mesmo alegóricas á guerra civil e as súas consecuencias,  alegorización, segundo parece, utilizada  para eludir, sobre todo na primeira, de 1973, posibles censuras) escura, triste, con personaxes adultos sobre os que flota un certo misterio, que traslocen frustración, e unhas protagonistas infantís desde os puntos de vista das cales se narran ambas historias. No caso da nena de "El espíritu de la colmena", a actriz escollida é a considerada imprescindible  para este tipo de películas, tan de moda na época, Ana Torrent; a súa mítica ollada transmite a inocencia dunha idade na que non se teñen claras as fronteiras entre a realidade e a ficción ( o que constitúe parte importante do desenvolvmento da película, a partir do visionado da  clásica  "Frankenstein" por parte da protagonista). No caso  de" El Sur", (que está baseada nun relato da escritora Adelaida García Morales), a protagonista, adulta, narra en analepse a súa evolución a adolescente e o desencanto ante a figura, adorada na infancia, do pai.

En ambas películas, o recurso ao "cine dentro  do cine" é  un elemento fundamental nos desenvolvementos argumentais, que transcorren con morosidade (especialmente en "El espíritu de la colmena"); este desenvolvemento lento é o que, unido a unha fotografía , aínda que moi coidada, escura, así como a escaseza de diálogos, fai que a algúns espectadores os filmes lles resulten pura poesía e a outros, en cambio, pedantismo vacío. En calquera caso, a súa visión pode resultar interesante para quen desexe revisar un tipo de cine moi valorado nos últimos anos do franquismo  e primeiros da democracia e  bastante afastado dos gustos actuais.

                                                                                                         S.P.