xoves, 1 de febreiro de 2018

Un filme, baseado nun libro, cada semana...ou cada mes... "O bosque animado"




  A película, versión animada moi libre da novela de Wenceslao Fernández Flórez, desenvólvese nun bosque animado, onde os protagonistas son toupas. Todos os problemas comezan cando os humanos instalan un poste telefónico. Un vello rapta unha toupiña e o seu mozo vai rescatala dos humanos, e coa axuda dun rato, a gatiña da casa e as moscas, conségueno.
  O que máis me gustou da película foi que tiña sentido do humor, aínda que non me gustou a mala vocalización; o argumento, ademais, pareceume un pouco infantil. A música pareceume  pasable e a animación algo básica, pero tendo en conta que a película é de hai dezasete anos, está bastante ben.
  Quedei cunha mensaxe ecolóxica: as árbores sofren a nosa necesidade de madeira para mobles;  aínda que comprendo que non nos queda, ás veces outro remedio, non debemos  excedernos, xa que hai que pensar máis na natureza.
                                                                        Luna Vázquez Angulo, 3º ESO V. 
   

xoves, 4 de xaneiro de 2018

Un filme cada semana...ou cada mes..."Selma"

 
 
 
   Recentemente vimos esta película, baseada en feitos reais. O protagonista é Martin Luther King, que foi un pastor estadounidense, premio Nobel da Paz,  quen,  nos anos 60 do pasado século, desenvolveu un labor fundamental polos dereitos dos afroamericanos. Concretamente, móstranos os feitos acontecidos na cidade sureña de Selma, que finalizaron coa consecución do dereito ao voto dos afroamericanos.
  A película gustoume porque trata dun feito histórico; ademais, ensinoume que para conseguir algo non é necesaria a violencia, encantoume iso, porque non me gusta a violencia, prefiro arrranxar as cousas falando. Ademais, transmitiume máis valores, o principal é que non hai que ser racista, todos somos seres humanos e todos temos sentimentos.
                                                            Freyder Zambrano Salinas, 3º ESO V.
 
                                                        

venres, 8 de decembro de 2017

Un fime, baseado nun libro, cada semana ou cada mes..."Estraños nun tren"

     
 
 
  Comentamos hoxe o filme Estraños nun tren, de Alfred Hitchcock, baseado na novela do mesmo título, de Patricia Highsmith. A película trata de dous homes que se coñecen nun tren, empezan a falar e un deles, un psicópata, proponlle ao outro un  trato: eliminar  cada un á persoa que lle produce problemas ao outro, de maneira que non se poida averiguar quen foi porque son dous descoñecidos. E alí empeza todo....
  A película está moi ben, é entretida, diferente ao que estamos afeitos a ver e fainos ver o distinta que era a vida na época en que se rodou (1951). É curiosa a maneira de actuar os intérpretes,  moi esaxerada en relación á maneira de actuar hoxe. Canto a que sexa en branco e negro, non impide en absoluto que resulte entretida; é un filme cheo de intriga.
   Comparando a película  co libro no que se inspira, aínda partindo dun comezo similar, os argumentos cambian bastante, especialmente porque Hitchcock transforma a Guy, un dos co-protagonistas, no heroe da historia, mentres Highsmith quere xogar coa ambigüidade moral que existe entre o ben e o mal. O director establece unha loita entre o ben e o mal para demostrar que o ben soe ser vencedor, mentres a escritora decidiu deixar claro que calquera ser humano é capaz de cometer un asasinato.
                                               
 
Hanan Elmansouri e Gabriel Grandío, 3º ESO V.