mércores, 11 de novembro de 2015

Un filme, baseado nun libro cada semana...ou cada mes... "Rebecca"




Rebecca, de Alfred Hitchcock.
 
   Hoxe vou comentar a película  Rebecca, de Alfred Hitchcock, baseada na novela do mesmo título de Daphne du Maurier. Trata dunha muller que casa cun viúvo e que é comparada constantemente con Rebecca, a falecida, o cal lle resulta moi agobiante. Nun momento dado, encóntrase o corpo de Rebecca nun barco afundido e o protagonista masculino di :"Eu deixeina aí..."...pero quedan moitas cousas por resolver...
   Aínda que non é o tipo de historia que prefiro, resultoume interesante, especialmente no referido á obsesión da protagonista por Rebecca e que deu lugar, debido á popularidade do filme, á denominación "Síndrome de Rebecca" para se referir aos celos enfermizos cara a una relación anterior da parella actual.
   Canto ás interpretacións, quizais me resultan un pouco forzadas, pouco naturais para os gustos actuais. En todo caso, como non estou habituado a ver películas tan antigas, foi una experiencia diferente.
 Bruno Fernández Villar, 4º ESO.

martes, 10 de novembro de 2015

CONMEMORACIÓNS



NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO.


CIENTÍFICOS GALEGOS QUE PASARON POLO “INSTITUTO DA GUARDA”.
(Foto tomada do artigo de R. Gurriarán abaixo citado)


Couceiro Corral, Pedro: A Coruña, 1905; Montevideo, 1982.  Bioquímico, experto en bioquímica aplicada. Estuda o bacharelato no Instituto da Coruña. Refírese a el o seu compañeiro Emilio González López (na súa biografía). Investigou no tema da oxidación celular. Foi moi amigo de Parga Pondal. Viaxou e investigou en Alemaña (concretamente en Múnic , onde  traballa a carón do Premio Nobel Wieland [1927], cunha bolsa da Universidade de Santiago para ampliar estudos en Síntese de hidratos de carbono) e mais en Inglaterra; tamén traballou en Madrid. Fiel á República, exíliase un tempo en París (Instituto Pasteur) e logo pasa o charco, establecéndose en Uruguai, onde seguiu sempre investigando e logrando aplicacións importantes na industria. Deulle clase, entre outros a Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes, profesor que foi do noso Instituto (temos foto súa, acompañado doutros profesores,  coa promoción do ano 1937). O prof. Varela (quen por certo, tocaba marabillosamente as campás de Bastavales) deixou dito del o seguinte:  En Química Orgánica me dio clase Pedro Couceiro, que era muy bueno explicando, y nos daba las clases en el laboratorio, pues eramos pocos. Recuerdo que en el preparatorio estaban preocupados por la cuestión política [curso 1928-29].

[Datos elaborados por Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto; a maior parte desta información está atirada do artigo de Ricardo Gurriarán, en: http://consellodacultura.gal/album/Theme/bio.php?id=78&album=aj].

luns, 9 de novembro de 2015

CONMEMORACIÓNS



DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

(Foto tomada da Internet: día da recepción de Castelao na RAG, ano 1934. Vemos a Celia Brañas a carón do señor Otero Pedrayo)


Conmemorouse o día 4 deste mes de novembro o ‘Día da Ciencia en Galego’. Nós, seguindo o ronsel do blog irmán (blog Fesquío), darémoslles visibilidade ás mulleres científicas que pasaron polo ‘Instituto da Guarda’. No que sabemos, son tres as sobranceiras:


Celia Brañas Fernández (A Coruña, 1880).

Con palabras de Xosé A. Fraga, foi unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica na Coruña (vid. artigo en ‘La Opinión’ do domingo 8 de novembro, en “Episodios da cultura científica”). Foi tamén das primeiras mulleres en cursar o bacharelato no Instituto; levou excelentes cualificacións en Xeometría, Fisioloxía e Hixiene, Agricultura e Historia Natural no curso 1903-4. En 1922 logrou unha bolsa da JAE (Junta para a Ampliación de Estudos, institución predecesora do actual CSIC).


María Luisa Telo López (A Coruña, 1925).

Catedrática e científica. Doutórase cunha tese sobre o encéfalo dun verme mariño (Arenicola Marina). Publicou varias obras  da súa especialidade (de bioloxía e máis en concreto, de Morfoloxía Microscópica). Membro da Real Sociedade Española de Historia Natural. Foi  Catedrática de Ciencias Naturais no noso Instituto desde 1961 ata o 1971. Con posterioridade e ata a súa xubilación, exerce a docencia na Facultade de Ciencias Biolóxicas da Universidade Complutense de Madrid.


María Josefa Wonenburger  Planells (Montrove, Oleiros, A Coruña, 1927).

Eminente matemática. Estuda o bacharelato no noso Instituto con brillantes cualificacións; foi alumna, entre outros, de Fermín Rodríguez Losada, catedrático de matemáticas daquela no centro. En 1953 é das primeiras mulleres españolas que obtén unha bolsa Fullbright para continuar os estudos na Unversidade de Yale; en 1957 le a tese de doutoramento sobre teoría de grupos. En 2010 é nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña.


(Información elaborada por Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto)




luns, 2 de novembro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS



PREGUNTA Nº 4

Hoxe traémosvos unha litografía preciosa da antiga Coruña. Hai pouco que a adquiriu a UDC (está na súa páxina web). Nela podedes ver as vellas murallas, os muíños no camiño que leva á torre,  a illa do Castelo de san Antón, o castelo de san Diego enfronte,  e tamén as construcións da primitiva Fábrica de Tabacos na Palloza.
A pregunta é dobre: debedes averiguar quen é o autor da litografía e a data aproximada de composición (dous puntos).

mércores, 28 de outubro de 2015

Outubro, mes das Bibliotecas Escolares





(Foto Mario S. García)

Un filme, baseado nunha novela gráfica, cada semana, ou cada mes... "Persépolis"




 Esta película está baseada na novela gráfica do mesmo título. As dúas baséanse na vida da autora, Marjane Satrapi desde que, nena en Irán, sofre a revolución que acaba coa súa felicidade, obrigando ás mulleres a poñer veo na cabeza e a non usar roupa axustada; estaba, ademais, prohibido fumar, oír música e beber. Na película cóntase tamén a súa marcha a Austria, xa adolescnte, etapa tamén moi desgraciada. Despois, a volta a Irán, porque estrañaba a súa familia e, finalmente, polos seus desexos de ser libre, a volta a Europa, xa definitiva.
   A película resultoume moi instrutiva, porque non sabía que os iranís vivían coma nós antes da revolución islamista; ademais, transmite valores, para min, o principal, que as persoas deberían ser libres para facer o que queiran e dicir o que pensan.
  Os personaxes principais están ben descritos: Marjane é unha rapaza valente e amante da liberdade, igual que o seu tío, un loitador; a avoa, divertida pero firme nas súas ideas; os pais, dominados polo medo...
  Tecnicamente a película, que é banda deseñada, é moi boa, gustoume especialmente a simboloxía do blanco e negro, nos flash- back, en oposición á cor, no presente desde o que Marjane lembra a súa vida...en definitiva, a película gustoume moito, porque mostra a realidade dunha muller que tivo que sufrir a guerra no seu propio país.
                                                                 Ainara Santiago, 4º ESO.