luns, 26 de outubro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS

(Foto tomada da Internet) 
 
PREGUNTA Nº 3.

Durante moitos anos, ata a década dos 80 do século XX, na primeira planta do noso edificio estivo funcionando outro centro, outra escola, distinta do Instituto. Sabes que escola era? (1 punto).

:::::::::::::::::::::::::

A resposta é: "Escola de Artes e Oficios". A primeira en responder, e gañadora desta semana, xa que logo, é Mencía Fernández Rivera, de 1º ESO D. Parabéns a Mencía que xunta xa 5 puntos.

martes, 20 de outubro de 2015

O 125 aniversario segundo os alumnos dunha aula




(Alumnado de 2º da ESO C. Primeiro trimestre do curso 2015-16).

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS 2015-6


125 ANIVERSARIO DO INSTITUTO ‘EUSEBIO DA GUARDA’.

PREGUNTA Nº 2:

O primeiro Director do Instituto fora o señor Xosé Pérez Ballesteros, membro da Real Academia Galega. A pregunta é: Pérez Ballesteros é o autor-recolector dunha importante obra, publicada en varios tomos. A que obra nos referimos? (2 puntos).


::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

A resposta correcta é: Cancionero Popular Gallego (3 tomos).
Os puntos son desta vez para Mencía Fernández Rivera, de 1º da ESO D.
Parabéns!

luns, 19 de outubro de 2015

125 Aniversario do Eusebio da Guarda

Con esta foto do cartel que á entrada do edificio nos informa da noticia, iniciamos unha andaina de publicacións coma agasallo a todos os que "viviron o Eusebio" durante un ou máis anos das súas vidas.
Ogallá vos guste!

domingo, 4 de outubro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS. CURSO 2015-2016.




Este curso é especial. Celebramos o noso 125 aniversario. Como Instituto ‘Eusebio da Guarda’. Durante o primeiro trimestre, as preguntas versarán sobre ese tema. Nós. A comunidade histórica do coruñés ‘Eusebio da Guarda’.


1ª PREGUNTA:


Cal era o segundo apelido de D. Eusebio da Guarda? (2 puntos)

:::::::::::::::::::::::::::::

A resposta é: González. A gañadora é Mencía Fernández Rivera, de 1º ESO D.

martes, 18 de agosto de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 17 AO 21 DE AGOSTO DO 2015


Hoxe recoméndovos que leades, os de cuarto e bacharelato (sen contar xa os de máis de 18), un libro de Bernardo Atxaga  (pseudónimo de Joseba Irazu Garmendia), publicado no 2009 e esplendidamente traducido por Ramón Nicolás, Sete casas en Francia. O tema, lamentablemente, non parece pasar de moda, por dicilo suavemente... É a explotación do home polo home. O atroz colonialismo dos europeos no Congo (arrasan con todo: liberdade e dignidade humanas, virxinidades, riquezas forestais, minerais, sen dó ningún). Un horror, se non fose porque a narración é áxil, a caracterización dos múltiples personaxes está ben trazada, e hai unha dose importante de humor, acedo por veces, divertido outras moitas (por exemplo, cada vez que o capitán Lalande Birán airea as ínfulas de poeta...). A forma literaria, a literatura nunha palabra, volve redimirnos, en canto que nos fai pensar de novo en como somos: moi hipócritas cando nos rachamos as vestimentas económicas porque nos veñen de África os desherdados da terra a petar á porta, sen relembrar que antes –e non hai tanto- fomos nós á súa casa e entrámoslles a saco. Non é a primeira vez que un escritor europeo trata este tema, hai que traer á palestra a Joseph Conrad e a súa coñecida novela Heart of Darkness, pero non sobra retomar este episodio escuro da historia de Europa en África, esa África ubérrima  que Atxaga debuxa con tanta mestría. Nunca saberemos o suficiente dos labirintos do corazón do home. Malia todo e emporiso, espero que saibades gozar deste bo libro.
(Charo Soto)

martes, 4 de agosto de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA




UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 3 AO 7 DE AGOSTO

 
Ursula Heinze de Lorenzo, ...e os domingos, un croissant.

  "Cando nos queren convencer  de que aquí dentro vivimos nun mundo irreal eu diría case o contrario. Aquí, no sanatorio, podemos vivir como realmente somos". Así conclúe o diario que Úrsula Heinze escribiu ao longo dos dous meses que pasou nun sanatorio psiquiátrico para curarse dunha fonda depresión e que converteu no libriño que agora comentamos.
   Ao longo de pouco máis de cen páxinas desfilan ante nós unha serie de personaxes, todos eles reais, segundo a propia autora, afastados do mundo normal,  algúns entrañables, outros terribles, que nos atrapan e deixan en nós unha sensación agridoce porque, malia a dureza do que se conta, o estilo suavemente humorístico da autora provoca, nlgúns momentos, o noso sorriso (quizais non caiba achegarse a unha realidade tan terrible se non é cun puntiño de humor...); noutros, as reflexións da autora sobre os dramas deses pacientes, ou o seu propio, tócannos o corazón.
    E, como anxos cheos de forza e bondade, describe Heinze o persoal que, con paciencia e amor infinitos, se ocupa deses seres, moitos dos cales nin as súas familias conseguen aturalos...
    Non é este un libro fácil, a enfermidade mental segue a ser tabú, pero Úrsula Heinze consegue achegárnola con valentía e sinceridade; é o mérito deste libro insólito e cheo de verdade que,sorprendentemente,  está acadando bastante sona...quizais porque,no fondo, necesitamos achegarnos a esa realidade que  se tenta esconder detrás dos muros dun sanatorio mental. 
(Susana Piensos)