Vexo de novo, oportunamente emitido, por desgraza, na televisión, "Sendeiros de Gloria", filme "bélico" que vin cando se estreou, en 1986, recén levantada a prohibición de proxectalo (parece que a película resultou incómoda en varios países europeos, entre eles o noso), e que, pese a que as películas "de guerra" non me gustan, me conmoveu no seu día e volve facelo hoxe.
O filme, que reflicte, parece, feitos reais, mostra non só o drama da guerra, neste caso para os que a fan por obrigación, os soldados, senón tamén a miseria moral dos que pretenden trazar eses sendeiros de gloria aos que ironicamente se refire o título, por motivos case nunca éticos, levando por diante vidas humanas que nada lles importan; algún deles, por unha xustiza poética que poucas veces se dá na realidade, acaba pagando un prezo polo seu proceder.
A película é breve, directa; contén escenas moi duras (a do fusilamento, por exemplo, non pode verse sen sentir arrepíos), pero o máis duro, na miña opinión, é o retrato dos mandos militares, que representan o peor da condición humana: a guerra é, para eles, unha partida que hai que gañar, ao custo que sexa (excepción, o Coronel Dax, personaxe íntegro, a única luz en medio do horror). Terrible.
S.P.
Ningún comentario:
Publicar un comentario