domingo, 6 de xuño de 2021

Un filme, baseado nunh libro, cada semana...ou cada mes..."Into the wild"


  A película está baseada no libro de Jan Kraka. A historia trata sobre Christopher Mc Candless, un home que, ao rematar a universidade, inspirado por Thoreau ou Tolstoi,  e canso do materialismo, a hipocrisía e o egoísmo da sociedade, decide emprender unha viaxe a Alaska para atopar na natureza a felicidade e o verdadeiro sentido da vida. No camiño vive moitas experiencias e deixa todo o seu mundo atrás, pero, cando finalmente chega ao seu destino, atópase só, afastado de todos na soedade da vida salvaxe e dáse conta de que a felicidade só é real cando é compartida.

Nesta película atópanse moitos valores e ensinanzas, ademais dunha reflexión sobre a nosa sociedade e sobre nós mesmos. Trátanse temas coma o materialismo e as aparencias, o moito que temos e o pouco que necesitamos realmente. A familia de Christopher é  unha familia desestruturada á que só lle importa aparentar estar ben, con coches caros e un fillo con boas cualificacións académicas. Fálase tamén da procura de identidade, do amor e do perdón aos demais e a un mesmo.

Ademais, a banda sonora desta película é excelente , case todas as cancións son de Goldie Vedder e tratan temas moi axeitados á historia: o rexeitamento da sociedade, a liberdade e a natureza.

Outro aspecto destacable son as paisaxes; vemos moitas cidades diferentes na viaxe de Christopher: as imensas montañas no corazón de Alaska.

Na miña opinión, esta é unha película que todo o mundo debería ver polo menos unha vez na vida. Vemos a sociedade que seguimos tendo, convertidos en persoas materialistas que miran por riba do ombro aos que teñen menos. Somos seres egoístas, e estamos tan cegados pola sociedade que esquecemos o realmente importante: os valores e o sentido da propia vida. Centrámonos en estudar, traballar, ter unha boa casa e ser mellores que os demais. Esquecemos que o noso tempo neste mundo é breve e non vivimos a vida como deberiamos, non nos centramos en buscar o noso propio sentido e felicidade, deixámonos levar para ser como o sistema quere que sexamos.

Penso que todos somos Christopher Mc Candless, e por iso esta película é unha obra mestra: profunda, moralista e, sobre todo, real. 

                                          Jéssica Lesta González, 1º Bacharelato Adultos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario