luns, 27 de xullo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Homínidos"




A vida de Arthur Banks, un home normal e corrente de San Francisco, sofre un xiro inesperado cando un antopólogo, amigo seu, aparece morto. A familia deste desaparece, así como a muller e o fillo de Arthur. Onde se encontra a familia de Arthur? Quen matou ao antropólogo? Arthur comezará a buscar respostas e descubrirá a existencia  doutra especie de homínidos que evolucionara de forma distinta da dos Homo sapiens e que está decidida a terminar, finalmente, coa supremacía do home actual. Arthur podería estar loitando contra a supervivencia de toda a humanidade.

 Aínda que falar mal dun libro non é a actividade que á maior alegría me induza, debo dicir que esta foi unha das miñas peores lecturas do 2019 e que non recomendaría este libro a ninguén. Se cabe, a única moralexa que puiden sacar deste libro é que non todo aquilo moi vendido (a portada do libro indica que se trata dun bestseller) é tamén bo. Nun principio, a historia arranca con forza e misterio: quérese descubrir, xunto con Arthur, a existencia da outra especie humana que está a vivir entre nós. Mais para min un dos grandes problemas deste libro é o estilo de escrita: o libro semella redactado con présas, carecendo a ratos de descricións, esenciais para crear ambientes intrigantes e tridimensionalidade nos personaxes, con quen non conseguín empatizar. A historia é, asimesmo, moi predicible: a min, que pouca maña teño na resolución dos misterios nas novelas, custoume moi pouco relacionar os "misterios" que emerxen ao longo da historia coas cuestións que se nos plantexan na contraportada do libro. Por se isto fose pouco, levei tamén una gran decepción co contido instrutivo que esperaba do libro. Quizais o meu xuicio non foi acertado, pero esperei toparme con aportacións de datos instrutivos referentes aos homínidos e a bioloxía, pero o único dato resaltado é a aparición do xénero homo sapiens hai 35000 anos (dato que calquera afeccionado á evolución humana de seguro coñece). En conclusión, "Homínidos" é, máis ben, unha novela que, nun intento por ser misteriosa, consegue inducir aburrimento e quitar tempo aos lectores.
                                                         Cristian Paredes Franco. 1º Bacharelato Adultos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario