domingo, 22 de marzo de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Percival e outras historias".



    É unha colección de contos escritos por Xosé Luís Méndez Ferrín en 1958, e considerada por moitos coma unha das obras máis importantes da Nova Narrativa Galega.
  Estes contos transportarán ao lector a mundos semirreais  e orixinais, como no conto "Percival", até melancólicas realidades  que evocan os tempos da guerra civil, coma  "O asasino"...Ao principio, temía non comprender os contos, pero unha breve busca sobre as características da Nova Narrativa Galega, previa á lectura do libro, foi de gran axuda para poder descifrar con seguridade a cantidade de metáforas e simbolismos que Ferrín utiliza na súa escrita.
   Un estilo narrativo melódico, directo  e, ás veces, mesmo aterradoramente certeiro e realista, mesturado coa presentación de mundos imaxinarios á vez que reais, así como a presenza de personaxes que, aínda que quizais algúns os  consideren loucos, moito teñen que revelar sobre a mente humana, fixeron deste libro unha das miñas lecturas máis exquisitas e prezadas deste ano. As palabras de Ferrín entrelázanse nunha estrutura tan perfecta que teño entusiasmo por ler máis obras súas, coma  "O crepúsculo e as formigas", e aprofundar na variedade que a literatura galega pode ofrecer.
 
                                                                 Christian Paredes Franco, 1º A Bacharelato Adultos.


 
 
 
 
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario