sábado, 15 de decembro de 2018

Un filme, baseado nun libro, cada semana...ou cada mes..."Os miserables"




  O filme está baseado na obra mestra de Víctor Hugo. Conta a historia de Jean Valjean, un pobre home que por roubar un anaco de pan é condenado a 19 anos de prisión. Valjean convírtese nun prófugo. A gratitude, amabilidade e bondade que recibe dun bispo, aínda despois de terlle roubado, cambiará a súa vida; pasados os anos, Valjean chegará a ser empresario e alcalde, un home moi respectado. Pero o azar fará que se reencontre con Javert, o seu inimigo, que o perseguirá até chegar a Paris, onde se volverán ver fronte a fronte.
   A película está ambientada nunha Francia onde a fame, as enfermidades e as inxustizas sempre as padecían os máis pobres e os nenos.Jean Valjean era un deses pobres, que tivo a sorte de encontrarse con alguén que cría no ser humano e creu nel sen coñecelo de nada. Iso fixo que el cambiase a súa actitude cara ao seu grande inimigo, ese que durante anos o estivo castigando e torturando no cárcere. 
  Esa lección que lle deu o bispo a Valjean fixo que el tamén lle dese unha lección ao policía Javert: o perdón; ese perdón co que o policía non puido vivir.
  É unha película dura ao principio, pero que "engancha", resalta a condición humana, o odio, a vinganza, o amor e o perdón. Gustoume.
                                                                       Esperanza Centeno. 3º  ESA.


Ningún comentario:

Publicar un comentario