luns, 1 de decembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA


SEMANA DO 1 A0 5 DE NADAL



Hoxe quérovos recomendar “Mar interior”, o novo libro do coruñés Miguelanxo Prado.


O título remítenos á exposición que se inaugurara a principios de agosto no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Unha exposición que reúne 59 obras orixinais de Miguelanxo e que permanecerá aberta ata o 31 de decembro, é dicir, que aínda tedes tempo de achegarvos á capital do vello reino para vela.

Con ese gallo, o propio autor deu unha conferencia a principios de novembro; e aí falou dos distintos fíos condutores que conforman o entradamado da súa polifacética obra: banda deseñada, cartelismo, ilustración de libros, ilustración en prensa, literatura, cine...

Esperade un momentiño que lle cedo a palabra a este coruñés universal: “Se tivese que facer agora as miñas primeiras obras, faríaas cos matices que aporta a experiencia pero igual. Manteño as miñas orixes, o meu sinal de identidade. É un paradoxo o feito de ser consciente do tempo pasado e, ao mesmo tempo, percibir que a maior parte dos impulsos que me levaron á banda deseñada, ao mundo da ilustración, ao cartelismo... seguen a funcionara dentro dos mesmos rexistros”.

Pois ben, o libro que hoxe traemos á palestra complementa a exposición. Esta escolma das obras paradigmáticas ou máis representativas de Miguelanxo Prado, presentes arestora en Santiago, ao estaren en forma de libro, permítenos un achegamento doado á fonte orixinal:  como nos permite que a atesouremos e teñamos sempre a man na biblioteca de casa.

Desfrutade, así pois, dos artistas que dá a nosa terra.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')

Ningún comentario:

Publicar un comentario