UN LIBRO CADA SEMANA (DO 4 AO 8 DE AGOSTO)
Hoxe vouvos
recomendar a lectura dun libro do británico Graham Greene, O factor humano.
É unha das súas últimas obras (publicouno no 78 e
el morreu no 91), e foi adaptada para o cine polo director vienés Otto
Preminger. Dependendo do punto de vista con que nos aproximemos á novela,
podemos destacar un tema ou outro tema: a espionaxe, o amor, a lealdade, o poder de determinada caste de funcionariado
público, a complexa rede de relación políticas entre países, etc.
Sexa cal sexa o tema dominante, o libro lese ben. Ten unha
prosa áxil, os diálogos son brillantes, a descrición da vida e dos costumes
británicos desa época (primeira metade do século XX) é rica e entretida. Se
queredes que destaque algo máis, seleccionaría un par de cousiñas, unha, o
sentido do humor (moi british: agora
mesmo lembro cando describe unha visita á casa da súa nai –de Castle- e o can
coma sempre pretende pillar ao gato da casa, a nai teno encerrado no dormitario
e cando o rapaz, Sam, sobe na procura do
can, aló está, ao axexo na porta coma un
asasino shakespeariano), as breves incursións na propia infancia (tiña un
dragón imaxinario que era o seu mellor amigo: típico e entrañable dato que nos
debuxa tan ben a nenez dun ser solitario), e certas reflexións sobre o amor (ela , a amada, é a patria, e en relación con este núcleo de ideas: a felicidade non depende dos lugares tanto
como das persoas –isto para un galego non sei se non será perfeccionable, quero
dicir, que unha boa combinación de factores…). Etc. Nada, que tendes que ler
este libro máis tarde ou máis cedo. É dos que nos manteñen co corazón en
suspenso ata a derradeira liña.
(Charo Soto, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')
Ningún comentario:
Publicar un comentario