Na Barcelona de 1980 Óscar Drai soña esperto,
abraiado polos palacetes modernistas preto do internado no que estuda. Nunha
das súas escapadas coñece a Marina, unha rapaza que comparte con Óscar a
aventura de mergullarse nun enigma do pasado da cidade. Un misterioso personaxe
da posguerra propúxose o maior desafío imaxinable, pero a súa ambición
arrastrouno por un camiño sinistro cuxas consecuencias debe pagar alguén aínda
hoxe.
Esta foi a novela coa que me incorporei no
ilimitado mundo de creatividade e fantasía que os libros poñen ao noso alcance.
Carlos Ruiz Zafón non escribe, senón que pinta literatura. E esta é a
conclusión que puiden sacar trala lectura deste libro: que se trata dunha peza
que, se non é arte, polo menos acércase a ela. Dende a primeira páxina podemos
apreciar o magnífico uso das palabras que Zafón fai: "O tempo e a memoria,
historia e ficción, fundíanse en aquela cidade feiticeira como acuarelas en choiva. Foi alí, ao eco de
estradas que xa non existen, onde catedrais e edificios fugados de fábulas
tramaron o decorado desta historia". É por isto polo que recomendaría esta
novela incluso a aqueles non acostumados a ler: o estilo de Zafón permítenos
deixar voar a imaxinación con palabras precisas e acertadas que sacarán o maior
potencial creativo de calquera lector.
Óscar Drai, apenas un adolescente, coñecerá a
Marina e mais Xermán, cos que dará os seus primeiros pasos cara á adultez. Especialmente os máis xoves
sentiranse identificados cos sentimentos inocentes de Oscar Drai na súa
primeira experiencia no amor, mentres que outros lectores, máis vellos, verán a
relación amorosa que surxe entre Óscar e Marina como o recordo perdido do
primeiro enamoramento, que sempre doe. Mais o certo é que a novela de Zafón non
ofrece unicamente romance: aqueles lectores en ávida busca de misterio e terror
sentiranse fortemente unidos ás páxinas dun libro que ofrece escenarios de
estradas baleiras, vivendas abandonadas, cemiterios, orfanatos, terroríficas
criaturas monstruosas e moito máis. A novela de Zafón “respira” olvido,
decadencia, dor e melancolía.
Cristian Paredes Franco, 1º Bacharelato Adultos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario