mércores, 1 de xaneiro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."O neno co pixama de raias"




   Na película (non lin o libro de Boyle) as raias simbolizan a guerra. Pode parecer unha idea tola, pero, por exemplo, os indios pintaban raias para ir á guerra, os presos sempre foron representados en traxe de raias, e as frechas, lanzas ou mesmo os rifles, vistos desde un avión nunha batalla, serían como raias.
   Esta introdución  é para explicar como entendo eu a película, un feito lamentable vestido cun traxe dun neno. Visto polos seus ollos, sentindo as súas emocións e escapándolle algunhas ideas a causa da súa inxenuidade.
   A película está baseada no libro do mesmo título, publicado en 2006; tanto o libro como a película foron moi exitosos; a película obtivo, entre outros premios, un Goya á mellor película estranxeira.
   A historia é, na miña opinión, agridoce: doce como os protagonistas, dous nenos con experiencias vitais moi diferentes (un, xudeu na época do Holocausto, o outro, fillo dun oficial nazi). Ambos están unidos por un sentimento de inocencia, tenrura e sabedoría espontánea. Por outra banda, a película é amarga polo difícil contexto destes dous nenos, que tentan descubrir a realidade que os rodea, entre xogos e enigmas. A masacre do Holocausto serviu ao cine, desde  1940, para exaltar historias de vida, onde xorden os sentimentos máis puros, en medio de tanta dor, incomprensión e desesperanza.
   O interesante de "O neno co pixama de raias"é mostrar as vítimas máis pequenas, e ter en conta que unha delas está no lado nazi, visto normalmente só como culpable. Reflíctese así a idea de que toda guerra é absurda, pois hai vítimas de todos os lados.
   Conclúo esta recensión dicindo que este filme me impactou moito e recomendo que o vexades e fagades as vosas propias críticas.
                                                        Tatiana Silva. 1º Bacharelato A Adultos.
  

Ningún comentario:

Publicar un comentario