mércores, 1 de xaneiro de 2020

Un filme cada semana...ou cada mes..."O neno co pixama de raias"




   Na película (non lin o libro de Boyle) as raias simbolizan a guerra. Pode parecer unha idea tola, pero, por exemplo, os indios pintaban raias para ir á guerra, os presos sempre foron representados en traxe de raias, e as frechas, lanzas ou mesmo os rifles, vistos desde un avión nunha batalla, serían como raias.
   Esta introdución  é para explicar como entendo eu a película, un feito lamentable vestido cun traxe dun neno. Visto polos seus ollos, sentindo as súas emocións e escapándolle algunhas ideas a causa da súa inxenuidade.
   A película está baseada no libro do mesmo título, publicado en 2006; tanto o libro como a película foron moi exitosos; a película obtivo, entre outros premios, un Goya á mellor película estranxeira.
   A historia é, na miña opinión, agridoce: doce como os protagonistas, dous nenos con experiencias vitais moi diferentes (un, xudeu na época do Holocausto, o outro, fillo dun oficial nazi). Ambos están unidos por un sentimento de inocencia, tenrura e sabedoría espontánea. Por outra banda, a película é amarga polo difícil contexto destes dous nenos, que tentan descubrir a realidade que os rodea, entre xogos e enigmas. A masacre do Holocausto serviu ao cine, desde  1940, para exaltar historias de vida, onde xorden os sentimentos máis puros, en medio de tanta dor, incomprensión e desesperanza.
   O interesante de "O neno co pixama de raias"é mostrar as vítimas máis pequenas, e ter en conta que unha delas está no lado nazi, visto normalmente só como culpable. Reflíctese así a idea de que toda guerra é absurda, pois hai vítimas de todos os lados.
   Conclúo esta recensión dicindo que este filme me impactou moito e recomendo que o vexades e fagades as vosas propias críticas.
                                                        Tatiana Silva. 1º Bacharelato A Adultos.
  

domingo, 22 de decembro de 2019

Un vídeo cada semana...ou cada mes...Valentín Fuster


   Esta charla, no programa "Aprendemos juntos" de BBVA, en YouTube,  gustoume moito, porque ao ser un home de idade pode ter máis experiencia ca outros. Por exemplo, gustáronme varias frases: o corazón dá cantidade de vida e o cerebro calidade; dá igual a idade que teñas, saber o que podes aportar ao mundo é importante, o teu talento, aquilo no que es bo; debes aceptar quen es; dar é máis gratificante que recibir...Hai moitas máis reflexións, consellos que, aínda que o vídeo sexa longo, fan que compense porque ensina e, o máis importante, axuda, non a vivir  máis,  pero si mellor.
                                          Juan Pardo Lage.  Bacharelato Adultos. 

domingo, 1 de decembro de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."Estraños nun tren"

  

   No tren, dous pasaxeiros que non se coñecen. Dous pasaxeiros coma outros tantos. Non se viran antes, accidentalmente empezan a falar das súas vidas, e un propón ao outro un dobre asasinato, intercambiando as vítimas; así, cada un podería resolver os seus problemas...
   A película é inquietante, describe con frialdade un tema moi presente na nosa sociedade: o asasinato. Podemos ver un gran manexo da psicoloxía dos personaxes, especialmente da de Bruno, e podemos percibir sentimentos como a desesperación, o acoso, o anoxo, a frustración...Ten grandes momentos que poden xerar tensión e grandes expectativas, aínda  que esvaecen rapidamente.
    En conclusión, é bastante entretida, e, ademais, hoxe non se ve moito este tipo de películas.
                            Gema Conde e Romina Furtado, ESA 3. Adultos.

venres, 1 de novembro de 2019

Un libro cada semana..ou cada mes..."A raíña vermella"

 
 
 
      Esta novela está ambientada nun reino imaxinario, onde a sociedade está dividida pola cor do sangue. O vermello, que ten o pobo, a xente común, e o da prata, aqueles que teñen habilidades sobrenaturais e forman unha elite cerrada e chea de privilexios.
       A protagonista é Mare, unha moza de sangue vermello que sobrevive no medio da pobreza, ata que o azar a leva á Corte.  Alí descóbrese  que ten poderes especiais, algo inusual para alguén do pobo. Isto chama a atención do rei, que desexa aproveitar no seu beneficio os poderes da moza, convertíndoa así nunha princesa que casará cun dos seus fillos. Así, Mare pasa a formar parte do mundo de prata e axuda en segredo á Guarda Escarlata, un grupo composto por persoas con sangue vermello que prepara unha revolución. 
        É un libro que me chamou a atención e, aínda que nun principio pensei que sería como outras novelas escritas co mesmo padrón, cando o les, ves detalles e personaxes que a converten nunha novela única, aínda que o padrón é que a protagonista é unha rapaza que ten algo que a fai especial.
        É  unha historia que me pillou desde o principio, comenzando pola protagonista, coa que me identifiquei en varios momentos. Fíxoseme curto o libro porque se le moi rápido se desde o comezo che gusta, porque a medida que avanza a historia queres saber o que vai pasar despois, o que fai difícil deixar de ler ata chegar ao final.
                                                                   
 
                                  Laura Lombardero Gestal. 1º Bacharelato Adultos.

martes, 1 de outubro de 2019

Un filme cada semana...ou cada mes..."A ponte sobre o río Kwai"

 
 

   A historia ten lugar en Siam,Tailandia, en 1943. Centos de prisioneiros de guerra británicos están a traballar    no chamado "Ferrocarril da morte", cando ten lugar unha discusión entre o coronel xaponés Saito e o británico Nicholson, que non está disposto a que os seus oficiais constrúan unha ponte sobre o río Kwai. Pero o cruel trato que reciben de Saito obrígaos a aceptar. A partir dun momento, este asunto convírtese nunha obsesión e unha cuestión de amor propio para Nicholson. Mentres tanto, o estado xeral británico dálle orde a un comando especial para voar a ponte.
   Trátase dunha das películas máis fermosas da historia do cine de guerra, na que se propón unha disección do espírito militar británico a través dunha situación na que a obcecación se leva ás súas últimas consecuencias.
   Persoalmente, como fan do cine de guerra, gústame  moito, pola impecable recreación das localizacións  e  as caracterizacións dos bandos xaponés e británico.
                         
                                                     Luis Alfredo Sánchez Capcha. 1ª A Bacharelato Adultos.