Filme clásico (aínda que considerado serie B) do xénero terror, marcou o inicio dunha temática de gran fortuna posteriormente: a protagonizada polos mortos viventes, tamén chamados zombis, aínda que estes, procedentes do voudou haitiano, teñen moitas diferenzas cos personaxes de Romero. Pese a ter un baixo presuposto e limitacións formais, é un filme de culto e para nós, galegos, ten a curiosidade de ter sido financiado polas tías do director, descendentes da emigración galega, primeiro a Cuba e despois aos EE UU, onde naceu o director. Esta filiación galega, recentemente reivindicada con orgullo, de Romero, fai que algúns falen do elo entre o filme e a importancia do sobrenatural na nosa cultura (concretamente menciónase a Santa Compaña) pero eu véxoo algo forzado (non consta información de que Romero, neto xa de galego, tivese demasiado contacto con Galicia).
O filme, que resultou terrorífico no seu día, aínda que hoxe resulta superado, sobre todo formalmente, describe a loita entre un grupo de personaxes, pechados nunha casa, contra os mortos viventes, caníbales, que amenazan con atrapalos e devoralos. A atmosfera claustrofóbica ( a práctica totalidade do filme se desenvolve no interior desa casa) acentúase polo branco e negro da fotografía (que, parece, foi motivado pola limitación do presuposto) e a obsesiva e desacougante banda sonora.
Pero, máis aló do seu papel pioneiro, que rompe cos personaxes anteriormente protagonistas do xénero, o filme resulta interesante por outros elementos:
. O tema dos ataques dos mortos suxire unha reflexión sobre a condición humana, os seus conflitos, e as súas loitas de poder, xa que os personaxes pechados na casa representan, coas súas actitudes, unha serie de estereotipos de comportamento, entre os que destacan o líder e o antagonista. Foi moi comentado que o líder fose protagonizado por un actor negro; tendo en conta a época da rodaxe, considerouse simbólico do racismo e da loita polos dereitos civís dos afroamericanos (aínda que tamén se dixo que o actor, descoñecido, foi o único que aceptou traballar practicamente gratis). Outro posible simbolismo sería a crítica á escalada tecnolóxica, bastante temida na época, tras os horrores da segunda guerra mundial (a causa da transformación en mortos viventes sería a radiación emitida por unha nave retornada do espazo exterior). Houbo mesmo quen fixo alusión a Vietnam, onde os seres humanos se destruían entre sí, ou unha reflexión sobre a podredume dunha sociedade que impide aos individuos cohabitar en harmonía, cunha especial crítica á institución familiar ,representada nos personaxes "zombificados" que atacan aos seus familiares.
A carón de todos estes aspectos interesantes, a película ten limitacións, coma un ritmo desigual, unhas interpretacións mediocres ou uns efectos especiais rudimentarios. Porén, ten un inicio excelente (mágoa que non se manteña o nivel ao longo de toda a metraxe) e un final sorprendente (analizado tamén como símbolo do conflito racial da época) que non imos desvelar. Así que, nestas datas tan dadas, dun tempo a esta parte, a celebrar estes temas, pode ser interesante o seu visionamento.
S.P.