venres, 25 de xullo de 2025

Ciclo "Monsieur Hulot", de Jacques Tati.


   Protagonizados por un personaxe, monsieur Hulot, que interpreta o seu  creador, Jacques Tati, revisamos catro filmes  deliciosamente naífs, positivos, vintage, cun humor non apto para todos os gustos (o humorístico é quizais o xénero máis difícil), bastante anticuados nalgunhas cousas mais estrañamente modernos noutras. Son: Les vacances de Monsieur Hulot (1953), Mon oncle (1958), Playtime (1967) e Trafic (1971).

   Cun escaso fío argumental, a sucesión de gags en que consisten ten como elemento unificador a presenza de Monsieur Hulot, personaxe estrambótico (del dixo o seu propio creador que é un inadaptado social e, seguramente, hoxe encaixaría nalgún diagnóstico psicolóxico), torpe, anárquico, bonachón, que lembra  algúns personaxes do cine mudo, co que estes filmes, aínda sendo sonoros (ben é certo que un sonoro onde os diálogos resultan case inintelixibles, substituídos por unha colección de ruídos e balbordos que, por veces, nin francés parecen) comparten bastantes características.  Ao cine mudo tamén remite a cantidade de golpes, accidentes, situacións esaxeradas ( na liña do chamado "slapstick")ou a sobreactuación dos personaxes, en especial o protagonista, que lembra tamén aos mimos.


 Nos filmes establécese unha contraposición entre a vida tradicional e a modernidade, especialmente en Mon oncle (o mellor dos catro filmes, na miña opinión) e Playtime. onde , pese  a ser filmes xa moi antigos, resulta  curiosamente actual a crítica aos edificios intelixentes, ás supostas bondades da tecnoloxía ou ao caos da vida urbana fronte á vida rural ou a dos barrios tradicionais, moito máis cálida e humana. Entre eses dous mundos  móvese Hulot, provocando estropicios que para algúns espectadores o fan encantador mais para outros teñen pouca gracia (lembramos de novo o difícil que é o xénero humorístico).


   En todo caso, e tras o visionado deste ciclo, que hai que facelo con calma e morosidade, como transcorre a vida que parece louvarse nos filmes, algúns, seguramente un pouco inadaptados como Mr. Hulot, ficamos  coa doce nostalxia dunha vida máis á medida do ser humano, menos enlouqucida e acelerada que a actual. Esa vida que se parece bastante á que levamos no verán.                                            S.P.