"A cor púrpura" (1982), Premio Pulitzer e Premio Nacional do Libro de Ficción, novela polémica pola dureza da súa temática e por ofrecer unha visión bastante crítica do varón afroamericano, obtivo grande popularidade, até o punto de ser adaptada ao cine en 1985 por Steven Spielberg, convertida en comedia musical en Broadway en 2005 e levada novamente ao cine, tamén como musical, en 2023.
É unha novela en forma de cartas que a protagonista, Celie, que vive no Sur dos Estados Unidos, suponse que nas primeiras décadas do século XX, dirixe, primeiro a Deus, despois á súa irmá Nettie, quen tamén escribe, desde África , á súa irmá maior. Pertence, pois, ao xénero denominado epistolar, que supón, nesta novela, dúas narradoras internas, con diferente nivel cultural e cunha expresividade distinta: máis espontánea, con bastante retranca, no caso de Celie, máis coidada e con maior delicadeza no caso de Nettie.
A través do intercambio de cartas ao longo de trinta anos (tendo en conta que é unha novela bastante breve podemos falar de relato sumario ) asistimos a unha historia de abusos e crueldade por parte dos varóns da novela sobre as mulleres, quen, grazas á súa sororidade, conseguirán superar a súa situación. É unha novela considerada feminista, onde o citado concepto de "sororidade" é un elemento temático fundamental, que mesmo chega a derivar en amor lesbiano entre Celie e Shug, prototipo, xunto a outra personaxe, Sofía, de muller emancipada. Resulta interesante que, nunha época de reivindicación da negritude nos EUA, unha autora negra ofreza unha visión crítica da súa raza (certo é que dos homes), e o racismo por parte dos brancos teña un papel secundario.
Como se dixo, a dureza do que se conta, e a forma tan directa de facelo, provocou debate, até o punto de aparecer a obra na lista dos libros máis censurados no país. Parte desa crueza se suaviza na, por outra banda bastante fiel, versión cinematográfica de Steven Spelberg ; o filme foi moi popular no momento da súa estrea, mais non obtivo ningún dos 11 Óscar aos que optaba. A contundencia temática da novela, suavizada no filme especialmente no referente ao lesbianismo da protagonista, vese compensada pola forza visual, as excelentes interpretacións e a banda sonora, que dá ao filme un ton de blues. Acentúanse tamén os momentos humorísticos, o que provocou opinións diversas: para algúns, restan forza ao dramatismo da historia, mentres para outros axudan a aliviar o peso do drama que se narra.
As versión teatral e, posteriormente, a recente versión fílmica , segundo as críticas que consultei (non coñezo de primeira man ningunha das dúas), continúan na liña de Spielberg, no relativo á suavizar a temática, e aumentan o peso do musical. Trataríase de obras, creo, cun espírito bastante diferente do orixinal literario.
S.P.