luns, 1 de xuño de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA


SEMANA DO 1 AO 5 DE XUÑO




Hoxe empeza o verán, non o astronómico, senón o meteorolóxico. Con el virá, espero, a calma, o tempo de lecer para moitos de vós. Poderedes ler un conto zen. Son absolutamente deliciosos. A edición que eu manexo é do Círculo de Lectores: 101 cuentos zen, ao coidado de Nyogen Senzaki e Paul Reps. Eles mesmos din que este libriño foi publicado por primeira vez en Londres en 1939: responden a experiencias reais de mestres chineses e xaponeses de zen ao longo de máis de cinco séculos. Recollendo aínda as palabras dos editores, sabede que o zen podería considerarse a arte interior e a concepción de Oriente. Os orientais que cultivan esta arte son persoas máis interesadas no ser ca na actividade e para eles o ser humano que se descobre a si mesmo é o máis digno de respecto.

Agora, tras recomendarvos novamente que vos animedes a compartir o voso silencio con estes contiños, tradúzovos un:

Unha parábola

Buda contou unha parábola nun sutra:

Un home que cruzaba un campo topou cun tigre. Fuxiu e o tigre correu tras del. Ao chegar a un caborco agarrouse á raíz dunha vide silvestre e quedou pendurando do bordo. O tigre uliscábao dende arriba. O home, tremente, baixou a vista e viu que moi abaixo, ao pé do precipicio, outro tigre agardaba para devoralo. Só a vide o sostiña.

                Dous ratos, un branco e outro negro, puxéronse a roer pouco a pouco na vide. O home viu un suculento amorodo cerca del. Aferrándose á vide cunha man, arrincou o amorodo coa outra. Que sabor tan doce tiña!


(Mª Rosario Soto Arias).

Ningún comentario:

Publicar un comentario