Luz Estelar
Todos
coñecemos o que sucede cando os raios de luz do Sol pasan por algún
obxecto con forma de prisma: os raios que saen forman un arco da
vella. Alá polos inicios do século XIX, fai agora 200 anos, Joseph
von Fraunhofer conseguira mellorar os aparellos que existían para
facer esa descomposición. Empregaba os mellores cristais ópticos
para conseguilo e o premio que obtivo deixoulle pampo: o espectro do
noso Sol presentaba unhas liñas escuras, unha aquí, outra acolá.
Por que aparecían? E non contento con iso, aproveitou para face-lo
mesmo con estrelas coma Sirio e outras. Os espectros cambiaban!.
Serviría isto para clasificar as estrelas? Pois si. A técnica,
chamada espectroscopía, é unha especie de código de barras
para a luz. E podémola empregar en máis casos.
Cada
estrela emite unha luz un pouco diferente das outras, aínda que
estean na veciñanza. E iso sérvenos para saber moitas cousas:
podemos saber canto tempo leva acendida, canto tempo lle queda para
morrer, canto combustible gasta, a temperatura na súa superficie, a
cantidade de luminosidade que ten e incluso a qué distancia está de
nós. Con iso facemos clasificacións, etiquetamos as estrelas. E
xunto ao seu tamaño, dicimos cousas coma que unha estrela é un
xigante azul, unha anana branca ou sinxelamente amarela, coma o noso
Sol, que afortunadamente é unha estrela normaliña de todo se a
comparamos con moitas, pero que a nós nos chega dabondo.
De
feito, uns astrónomos decidiron facer unha clasificación das
estrelas baseada na temperatura que teñen na súa superficie (no
caso noso é de 5.700 kelvins) e da luminosidade. A menudo unha e
outra están relacionadas, e por iso deron en chamar secuencia
principal á unha especie de camiño que a maior parte das estrelas
coñecidas han de percorrer na súa vida. Mirando para o noso astro
rei, está na metade do seu percorrido. Aínda ten folgos para varios
miles de millóns de anos, malia que sabemos que terminará crecendo
coma unha xigante vermella ata nos tragar no seu interior. Pero non
temas, se para entón non temos alcanzado outra estrela con boa luz,
non merecemos continua-la partida.
Profesor Mario S. García
Ningún comentario:
Publicar un comentario