luns, 15 de xuño de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



Xulia Alonso, Futuro imperfecto.

   Algúns anos despois da súa publicación chega ás miñas mans a novela autobiográfica Futuro imperfecto, ópera prima de Xulia Alonso. Había tempo que unha obra non me chegaba tanto  ao corazón, pola emoción que transmite, pola profunda verdade do que conta e por como o conta: sen artificios, cunha  linguaxe sinxela pero moitas veces cargada de poesía e, sempre, de sentimento.


   A novela é a historia dunha xeración, a que nos os inicios da transición do franquismo á democracia se viu seducida polos "paraísos artificiais" da droga e  pagou un duro prezo. Ese foi o caso de Xulia e Nico, namorados na flor da súa xuventude (conmove a fotografía da portada, eles dous xovens, fermosos), amándose profundamente até o momento da morte prematura del, a consecuencia da SIDA, que levou consigo  tantos mozos daquela xeración. Xulia sobreviviu e, décadas despois, tivo forzas para contar, en forma de conversa co amado que xa non está, esa historia de amor, a deles, pero tamén a da súa familia e  amigos, que nunca os deixaron sós. E a súa historia individual, xa sen Nico, fóra xa da novela, que podemos intuír chea de forza e dignidade, nos fai ter confianza na condición humana.
   Lédeo, por favor, se queredes comprobar como, ás veces, a literatura é unha maneira de transmitir con palabras, as xustas, a VIDA.
Susana Piensos Linares.


Ningún comentario:

Publicar un comentario