martes, 2 de xuño de 2015

CRÓNICAS VIAXEIRAS



De Coruña a Oseira, as catro provincias galegas (14-V-2015)

(Ventosa. Interior da igrexa)
(Ventosa. A fachada da igrexa)

(Ventosa. A afamada tenda do bacallau, onde nos agasallaron coma a reis)
 
         Saímos pouco despois das 8 e media da nosa cidade con ánimo de percorrer corredoiras da nosa xeografía, vieiros históricos con arrecendo espiritual. Pegadas que van gravando esa maneira nosa de ser.
            Partimos en tres autobuses, 132 rapazas e rapaces de 1º, 2º e 3º de ESO xunto con 6 profesoras e profesores. Presentábase diante nose unha xornada que non nos ía defraudar.
            Nunha primeira etapa marcamos rumbo N-S na nosa rosa dos ventos, de Coruña a Ventosa (A Golada-Pontevedra), sinalando a nobiliar Betanzos, a ferroviaria estampa de Oza dos Ríos xunguida municipalmente con Cesuras, a primixenia Curtis-Estación, ¡canta xente alí confluía para deixarse levar sobre os raíles de ferro, brincadeira de ritmo alegre que marcaban as locomotoras de vapor! 

 (Vacas chegando a Oseira: marabillas do país, pasmo da rapazada)

Proseguimos por Vilasantar, Sobrado dos Monxes e Boimorto, atravesamos o Tambre como arietes embelesándonos en crónicas medievais dos condados de Présaras e de Traba, de Pedro de Mezonzo e mesmo da familia de Rosendo. Cada recanto do río marca unha páxina da historia, un documento, un territorio vertebrado ao son do Camiño Primitivo ou do Norte.
            A esquerda divisamos o Bocelo, deslinde natural entre Sobrado e Toques, ecos da Reconquista no san Antolín, castrexos vestixios na Graña e contos frescos da Fervenza de Brañas adobiados polas longas noites de miñada na invernía dos tempos.
            Chegamos a Melide, fendemos o Camiño Francés, que segue o camiño solar (E-W), conexión intermodal (antigamente cruce de camiños), Compostela dista dúas xornadas e media. Patrimonio artístico e gastronómico con recordatorios do terremoto de Lisboa.
            Seguimos cara o Ulla, recíbenos Santiso na Ponte Arcediago, topónimo de connotacións clericais, como tantos outros en Galicia ou na península ( Pobra do Deán, Deán pequeño, Frades, sobrado dos Monxes, Horta da Fraila, Picón del Fraile, Huerto del Cura,…)
            Entramos na provincia de Pontevedra pola Golada, terra de tratantes, gandeiros e de feiras ao abrigo dos Pendellos, bosque mediterráneo de sobreiras, fazulas que desaugan no Arnego, mensaxeiro digno do Ulla. Facemos parada en terras de Lope de Ventosa para poñer orde no conxunto de esculturas e pinturas da “catedral do rural”, do “Vaticano galego”, dese catecismo en pedra, san Xian de Ventosa. Para atender as necesidade fisiolóxicas e saborear un bo café de pota, acudimos a un establecemento único, “Casa Sidorio”, “un todo que hai”, fornecido de viandas e de diferentes enseres, lareira prendida ao pé do camiño; amabilidade a esgalla, simpatía e bon trato son o ADN desta familia que entende o comercio como un servizo, case sempre aberto: “o Corte Inglhés sen escaleiras”.
            Co alento na caluga do Farelo seguimos na percura do Turubelo por Terras de Camba ata Rodeiro, pasamos Adelán e sortemos o río Achacán, para faldear o monte Faro, onde desfrutamos do seu plisado, das súas tablas ondeantes polos muiños de vento.
            Ao pouco entramos na provincia ourensá, pasando por Furco e Confurco, valgada anunciada e vertebración do territorio, o lugar de Pobadura nas ladeiras do sinuoso río Oseira, excelsas rubias galegas camiñando pola senda ou pacendo a discreción. Por fin, Oseira, nove séculos de interrompido asentamento monástico. Poñemos a sortes a nosa integridade física ao deambular polas poldras do río. Entramos no bar Venezuela, atraidos polo arrecendo a matanza,  loureiro seco e fume de carballos. Un aroma destilado en celstiais chourizos pendurados do teito. Son de verdade!
 (Chegando ao mosteiro)

(A fastuosa entrada ao mosteiro de Oseira)
(Escoitando as palabras do noso guía)

            Da man dos irmáns Luis e Alfonso, percorremos cos nosos pés a historia da abadía: avatares, exclaustracións,desamortizacións, abandono, volta a ser habitado. Chama a atención en nós o san Famiano, primeiro santo da Orde do Císter; despois de ser amamantados pola Virxe do leite, Nosa Señora real de Oseira, ao igual que san Bernardo de Claravall, recibimos unha “lectio philosophica Neoplatónica” na sancristía, “sá das palmeiras”, conexión do pensamento clásico cunha filosofía de vida, o Cristianismo.
            Destaca a súa feitura, a arquitectura, o coro. No deambular polas distintas estancias sorpréndenos o refectorio, improvisado museo arqueolóxico, pezas de feitura única, inxenios hidráulicos que encaixan á perfección, para o aproveitamento e condución do manancial, son precursores no uso sanitario da auga corrente.
 (Interior da igrexa cisterciense de Oseira: sinxeleza da pedra no centro e barroquismo aos lados; a rapazada, atenta)

(Oseira: a elegante beleza da pedra)
(Oseira: unha das fontes)

            Arrecende a Peregrino,  Vía da Prata a tres xornadas de Santiago. Na recreada botica, pharmacopea, está o potamen acompañado da santa Hildegarda de Bingen, santa do Císter, botánica altamente cualificada, expoñente da transmisión do saber entre muros de ata tres metros de espesor. Non se perde nada, recíclase e optimízase tanto nos conventos como nos mosteiros que escalonan as diferentes vías de comunicación. As granxas do Císter presentan tres constantes: a auga (un bo manancial), a comunicación (Vía da Prata), e o territorio (para roturar).
 (O río Oseira, e as poldras de pedra)

Partindo do case rematado S.XI-principios do S.XII, Europa bota a andar como ente, como unha árbore que enterra as súas raíces en Santiago, alongando as súas polas polo resto da xeografía europea a través dos dintintos camiños. O Císter dálle sentido e xermola nesas vías como novas ramas, follas e froitos.
Canto escriben os amanuenses, contando só coa luz solar; canto se transmite, canto rescoldo tilla nos arquivos e vellas bibliotecas manásticas: estilos clásicos, Románico e Renacemento, Igrexas de Peregrinación en transición cara ao Gótico e o recreado dinamismo do Barroco.
De volta, na ladeira Norte do monte Faro (1181 m), purificamos os nosos pulmóns con esencias de bosques perenninfolios de piáceas e de abetos. No tramo final de ascensión vivimos un Gólgota ou Calvario, sorte de Vía Crucis que franquea senda conducente á ermida, adobiada polas cantigas do trovador Xan de Requeixo, festa do 8 de setembro.
A planicie é un coinvite a divisar toda a Galicia, erixíndose de modo involuntario en balcón do territorio: cara ao N alcanzamos ata o Pico Sacro en Terras de Santiago, cara ao S os cursos do Miño e Sil, así como as terras altas de Ourense, serras de san Mamede ou Manzaneda. Cara ao W-NW, Aciveiro e Terra de Montes na provincia pontevedresa, e cara o Leste e Sureste, as terras lucenses da Ulloa, Lugo, os Ancares, a Ribeira de Chantada, Monforte… Facemos un repaso da nosa configuración física.

 (De volta á casiña)

Sobrepasando as horas centrais do día, escollemos Monterroso, refrescado por un Ulla que bota a andar pola man. Percuramos algunha rememoración literaria en víspera das Letras Galegas: a Esmorga é un socorrido local de hostelería. Refrescamos as nosas gorxas e alimentamos os nosos corpos evocando a Eduardo Blanco Amor, que fala dunha boa xoldra. Nós facemos un paralelismo, a nosa viaxe ten de todo: cultura, historia, paisaxe e, nalgún momento, ata incertidume e tensión, tensión que axudan a aminorar os nosos tres profesionais do volante, capaces de facer do noso percorrido un auténtico tobogán de sensacións, sempre controladas e medidas.
Grazas a todos os prticipantes, sen vós a aventura non sería posible.
                                                                                  Antonio Fondo
(fotos de Carmen Aquino. Fai clic para ver máis!)

Ningún comentario:

Publicar un comentario