A película conta a historia dun neno de doce anos, Connor, que, tras a separación dos seus pais e a enfermidade da súa nai, ten que coller as rendas da casa. Para superar as fobias e medos que padece e o acoso escolar que sofre, recorre a un mundo de fantasía e crea un monstro, que é unha vella árbore que observa a través da xanela. E é este monstro, que non espanta senón que desborda sabedoría e reflexión, quen o axudará a enfrontarse á dor, á verdade, e todo iso vaino facer madurar...
Na película retrátase a evolución do protagonista; aparecen grandes vínculos entre as persoas, como a preocupación dun fillo pola súa nai, aínda que non llo mostre, ademais do terror e a incerteza ante a súa perda . Tamén se mostran a soidade e a indiferenza que mostran os seus profesores e compañeiros de clase. A posta en escena consegue que sintamos como propia a vivencia do personaxe.
En resumo, o director consegue emocionarnos situando a historia desde os ollos dun neno de doce anos, sensible, cos problemas que pode ter calquera neno da súa idade, especialmente na contorna escolar, e que debe enfrontarse demasiado cedo a situacións dolorosas. En realidade, aínda que o título e as imaxes fan pensar nunha película de terror, non é así e a película mostra temas moi actuais.
Aarón Lorenzo Fraga, 1º Bacharelato Adultos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario