mércores, 8 de febreiro de 2017

Visitamos...A Casa Museo Picasso

 
 
 
   Recentemente visitamos a Casa Museo Picasso, moi próxima ao instituto. Aínda que a algún de nós, inicialmente, ao entrar nun portal tan vello, de escaleiras tan inclinadas,  nos pareceu que a visita ía ser un "muermo", rapidamente nos interesamos polo que a guía, que sabía moito sobre Picasso, nos ía contando.  
  Empezando pola casa, a todos nos impresionou o seu tamaño, o confort co que se vivía, tendo en conta que falamos de hai máis dun século (baño con cisterna, por exemplo, moi infrecuente daquela); chamounos a atención tamén a altura dos teitos, a pequenez das camas (que se nos explicou que se debía, posiblemente, á menor estatura da xente naqueles anos). Aínda que case todos os obxectos son réplicas de anticuario, e os cadros son reproducións, hai algunha peza orixinal  e está todo moi coidado e ben conservado.
   Con relación ao pintor, explicóusenos como chegou  á nosa cidade de neno, case adolescente,  cos seus pais e as dúas irmás, Conchita e Lola; a todos nos impresionou a triste morte, por difteria, de Conchita, que deixou ao pequeno Pablo, quen non entendeu a morte e até se enfadou con ela por abandonalo, tan triste, que as súas pinturas deses tempos se tinxiron de negrura...Puidemos aprender do talento natural de Picasso, que provocaba mesmo celos no seu pai: o neno Pablo, aínda que rebelde e mal estudante,  pintaba xa moi ben, e, ademais dos retratos de mendigos, pombas, torre de caramelo (como chamaba á Torre de Hércules, que lle encantaba),  retratos de familia (co retrato do pai con cara de poucos amigos, por certo) o cadro máis impresionante para nós é o da nena cos pés descalzos, o seu primeiro amor, non correspondido; dese cadro non se separou nunca, acompañouno até a súa morte...
 Ao final da visita, a guía  comentounos  que, xa de adulto, Picasso foi un home difícil, arrogante, mal marido, pai de varios fillos de mulleres diferentes...todo o que  queiran  dicir, pero foi un dos pintores máis importantes do mundo.
                                                                                              3º ESO V.

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario