venres, 22 de abril de 2016

As mulleres de Cervantes

No catrocentos aniversario da morte de Cervantes, botamos unha ollada a algunhas das centos de mulleres que aparecen nas páxinas de El Quijote.

DOROTEA
É a que máis espazo ocupa na obra, filla de labregos andaluces acomodados, é unha muller capaz de administrar a facenda, tocadora da arpa. Pola traizón de don Fernando que fuxiu, é desdichada en amores, pero ese amor fará que saia buscalo por Sierra Morena e aínda que por isto puidese parecer unha atolondrada, é xuizosa.
É sensual, de longos cabelos, pel branca, fermosas pernas e pés nus que lava no río disfrazada de rapazolo con monterilla para recoller o pelo, é descuberta coma un anxo polo Cura, o Barbeiro, Cardenio e, despois, don Quijote. Tomaralle cariñosamente o pelo a don Quijote finxindo ser a princesa Micomicona e así consegue que o vello fidalgo, embobado pola súa beleza, deixe de pensar uns intres en Dulcinea.

Grabado de Gustavo Doré

ZORAIDA
É filla do poderoso arxelino AgiMorato, namorada dun cativo cristián que relata a súa historia na venta en presenza de  Luscinda e Dorotea, fascinadas ante a cultura, refinamento e o asentimento silencioso dela. A historia remite ao episodio real protagonizado entre a filla dun potentado árabe e un cristián durante o cativerio en Arxel de Cervantes.
No relato aparece ricamente vestida e enxoiada no lugar de reclusión dos cativos aos que axuda a fuxir nunha barca e, todo isto en contra da vontade paterna. O seu obxectivo é atopar a Virxe, Lela Marién, converterse ao cristianismo baixo o nome de María e casar co cristián. Representa a liberdade fronte a norma da sociedade á que pertece.

Grabado de Gustavo Doré

MARCELA
Orfa de pais, é unha pastora nova, refinada, que sabe ler e escribir. Aparece retirada e dada á contemplación na Serra, xunto aos cumes, ríos e árbores. Rodeada de acosadores pretendentes que se disfrazan de pastores para poder ser aceptados. Defende a liberdade por riba de todo e rexeita a Grisóstomo, que morre polo seu amor.
Marcela reclama a soidade dos campos no capítulo máis solemne de El Quijote, denuncia o acoso ao que, moitas veces, son sometidas as mulleres e é a figura que reta con maior potencia ao patriarcado. Os que escoitan o seu razoamento quedan admirados pola súa intelixencia, e, ante o intento de culpala da morte de Grisóstomo, don Quijote deféndea con contundencia.

Grabado de Gustavo Doré



DULCINEA/ ALDONZA
Dous nomes e un mesmo personaxe que representan a imaxinación e a realidade encarnadas nunha muller do Toboso.
Aldonza, filla de Lorenzo Corchuelo e Aldonza Nogales, analfabeta, sensata, atrevida, de complexión forte e bromista. A ficción cervantina crea sobre este modelo realista o oposto de Dulcinea, amada intanxible de “fermosura sobrehumana” que representa o ideal platónico e apenas ten voz. Por ela vive o cabaleiro andante. Contra este ideal de muller chea de virtudes que representa os soños de don Quijote, falarán outros personaxes, desde o incrédulo Sancho ás mozas burlonas do Pazo Ducal, pero don Quijote permanecerá  teimudo: son os malos encantadores, os que converteron a súa princesa en vilá.

Benigna Vidal Tomé

Ningún comentario:

Publicar un comentario