Dende hai tempo o profesorado deste
instituto vén debatendo sobre o xeito de concebir a Biblioteca como un espazo
de encontro:
-A) Un espacio físico tipo “almacén”, onde se
apilan tochos e tochos do saber científico; ou
-B) Un espazo virtual que traspase os recios
muros de canteiría que acubillan milleiros de cabezas pensantes ano tras ano na
Praza de Pontevedra.
Enunciado o dilema sobrevoamos os lindes do
saber, compartimos experiencias a pé de campo, lemos de xeito interlineal na
natureza e relemos os ecos das explicacións docentes muros adentro.
A paisaxe é o vínculo, quen de abrir “incunables”,
“fascímiles” . Proxecta o amplo abano da ciencia: filosofía, xeografía,
bioloxía, matemática,… cunha sinfonía de cores, currículo de cada estación,
paleta de notas musicais en versión sonora orixinal.
En cada un de nós abrollan sentimentos, versos
acarantoñados pola Nai natureza. O aire é o alento, a vexetación un cuadro
puntillista, a gratitude e a nostalxia morriñenta son o cume da expresión
romántica.
Cada vía pecuaria, cada regueiro vai marcando
en nós “notas a pé de páxina”, escollas bibliográficas lidas e relidas . O
clímax amósase a modo de fervenza, esplendor
nascente das entrañas da morteira, remexe nos miolos e acende en nós a
chama da descoberta, da ilusión polo intelecto, engalanado das experiencias e dos
avatares da vida.
Desbrozamos sobre o terreo unha ruta por catro concellos
do Bierzo occidental: Barjas, Trabadelo, Veiga de Valcarce e Balboa. As
fronteiras son artificiais, son políticas, non son nin históricas, nin
culturais. Situámonos no Camiño “Francés” a Santiago (a uns 170 km da Tumba
Apostólica).
Trabadelo garda en si un interesante epígrafe
da Historia Compostelana (Dona
Urraca, Diego Xelmírez, Afonso VI e VII). Tamén se fai eco da Romanización,
aqueixados pola “febre do ouro” nas médulas dos Cáscaros (Pradela).
A febril actividade muda cos tempos,
sacrificado oficio de Ferreiro nos vales a medio camino entre o Bierzo e
Galicia, entre os Ancares e o Courel (Herrerías de Valcarce, Herrería de
Serviz, Ferrerías de Pedrafita), retroaliméntase de carbón vexetal, urces e
faias, que circulan pola “Vena” cara os barquíns xunto co ferro.
A conxuntura internacional tórnase nun contexto
bélico durante boa parte do s. XX. Así o vocábulo febre pasará de escribirse con “o” de ouro, a escribirse con “f” de
ferro, antes de tornarse en “w” de wolframio.
O terreo non só desauga os metais necesarios
para cada etapa da historia, tamén nos provén de bos produtos alimentarios:
castañas, mazáns “reinetas”, cogomelos…, carne de pastoreo lanar e vacún, caza
maior e menor, relocentes troitas…
Castañeiros, Capudres (cornabudes ou
escornacabras), Abelairas, Faias, Ameneiros, Salgueiros, Piornos, “Peidos de
lobo”, Regatos, Valiñas, Frevencias, Prados, Cumes e Tesos son musas
variopintas. Domingo González, ebanist, dálle traza e fin as súas ideas nos
castañeiros. As Pallozas de Balboa e Canteixeira, a Casa das Gentes recrean en nós o seu mundo platónico, a conversa e
o diálogo coa natureza. Lorena Gutiérrez, guía da Casa das Gentes, amosa a súa gratitude na persoa do seu ex profe de
Filosofía, José Luis Suárez Cotelo.
No plano espiritual visitamos o templo
parroquial de santa Mariña en Barjas, crisol dos diferentes estilos artísticos
ao longo da historia. Fixámonos nas lápidas do devanceiro “prado do repouso” ,
e lemos: García, Montaña, Castro, Sobredo, Barreiro, Fariñas…, decatámonos da
nosa ampla parentela.
No eido gastronómico, “deixate de lerias e dáme de comer que teño fame”, pintamos de “verde
esperanza” o mesón “La Última Escuela” de Barjas. Lareira acesa quecida polos
rescaldos daqueles que alí aprenderon o silabario da vida, memoria do río,
mensaxeiro fresco e espelido do Faxeiral de Busmaior. Ana acubíllanos cun
almorzo nos prolegómenos do espectáculo. Dez veciños danlle vida ao lugar, nin
un máis nin un menos, despertan en nós a simpatía e a curiosidade. En Busmaior
algún fainos observacións metereolóxicas (“Pemán,
tes que deixarte caer por aquí”).
Se ao pé do Courel almorzamos, xantaremos nas
faldras dos Ancares. Cambiamos de tomo, pero non de enciclopedia. Movémonos
pola espesura de soutos e carballeiras,
por avesedos e solleiros na procura do Valcarce. Deixamos Campo de Liebre a un
lado, Moldes, logo Villasinde a outra man. Voltas e reviravoltas, curvas e
contracurvas, apagados ou fóra de cobertura. Vinte e un paxaseiros nas mans do
noso Suso, comandante en xefe nesa corredoira que pon diante nosa mil e un
puntos de vista, mil e un fitos, mil e un cumpridos.
Alcanzamos a Veiga, desandamos o Camiño ata a
Ambasmestas. Remontamos o “Val Bo”, soutos que asumen a mecanización como algo
normal, síntoma do progreso (aparellos mecanizados para a recolección das
castañas). Agárdanos a Palloza, animado ser digno da pluma de Wenceslao Fernández
Flórez, tomamos acomodo ao lado das xanelas. O corazón da palloza irradia a
calor dunha estufa de leña e o eco de conversas e confidencias afumadas.
Presenciamos un auténtico desfile culinario da man de Miguel e o seu equipo:
carnes en fontes, queixos en lousas, botillo con arroz, chacina, lombo,
chourizo con chispa…, e una tarta de queixo…
A medida que pasa a sobremesa o bucolismo fai
acto de presencia. Co propósito de non caer na invernía, no letargo, resolvemos
gatear no bus preto do Castelo de Balboa ata Canteixeira. Soberbias
panorámicas, mestizaxe do home coa natureza amenizado polo trilo da auga, e o
acompañamento de vacas do país e de “Plateros lugareños”.
Vén caendo a noite por Vilafranca, por
Paradaseca e Pradela; xa por Canteixeira e Balboa, acéndense as primeiras luces
na noite. Báixase o telón ata o seguinte orto, máis ou menos a mesma hora, a
natureza non entende de modernidades nin de “cambios de hora”.
Os libros seguen abertos en nós, mentras
soneamos percorremos as intrincadas páxinas da nosa existencia. Agardámosvos na
Biblioteca da vida.
Antonio Fondo, con fotos de Pedro R. Porca
Ningún comentario:
Publicar un comentario