luns, 9 de novembro de 2015

CONMEMORACIÓNS



DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

(Foto tomada da Internet: día da recepción de Castelao na RAG, ano 1934. Vemos a Celia Brañas a carón do señor Otero Pedrayo)


Conmemorouse o día 4 deste mes de novembro o ‘Día da Ciencia en Galego’. Nós, seguindo o ronsel do blog irmán (blog Fesquío), darémoslles visibilidade ás mulleres científicas que pasaron polo ‘Instituto da Guarda’. No que sabemos, son tres as sobranceiras:


Celia Brañas Fernández (A Coruña, 1880).

Con palabras de Xosé A. Fraga, foi unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica na Coruña (vid. artigo en ‘La Opinión’ do domingo 8 de novembro, en “Episodios da cultura científica”). Foi tamén das primeiras mulleres en cursar o bacharelato no Instituto; levou excelentes cualificacións en Xeometría, Fisioloxía e Hixiene, Agricultura e Historia Natural no curso 1903-4. En 1922 logrou unha bolsa da JAE (Junta para a Ampliación de Estudos, institución predecesora do actual CSIC).


María Luisa Telo López (A Coruña, 1925).

Catedrática e científica. Doutórase cunha tese sobre o encéfalo dun verme mariño (Arenicola Marina). Publicou varias obras  da súa especialidade (de bioloxía e máis en concreto, de Morfoloxía Microscópica). Membro da Real Sociedade Española de Historia Natural. Foi  Catedrática de Ciencias Naturais no noso Instituto desde 1961 ata o 1971. Con posterioridade e ata a súa xubilación, exerce a docencia na Facultade de Ciencias Biolóxicas da Universidade Complutense de Madrid.


María Josefa Wonenburger  Planells (Montrove, Oleiros, A Coruña, 1927).

Eminente matemática. Estuda o bacharelato no noso Instituto con brillantes cualificacións; foi alumna, entre outros, de Fermín Rodríguez Losada, catedrático de matemáticas daquela no centro. En 1953 é das primeiras mulleres españolas que obtén unha bolsa Fullbright para continuar os estudos na Unversidade de Yale; en 1957 le a tese de doutoramento sobre teoría de grupos. En 2010 é nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña.


(Información elaborada por Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto)




Ningún comentario:

Publicar un comentario