luns, 11 de maio de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 11 AO 15 DE MAIO DO 2015

Santiago LOPO, A diagonal dos tolos.



   A diagonal dos tolos é unha carreira na que se atravesa  a pé a illa da Réunion, no Índico. Recibe o seu nome da dureza da carreira, que provoca,  mesmo,  a morte dalgúns participantes. Con este punto de partida, Santiago Lopo constrúe unha interesante historia na que, alternando capítulo a capítulo dous momentos temporais na historia da illa, o presente e os tempos da escravitude (a illa é, na actualidade, departamento francés e foi, no pasado, destino de escravos alí levados a traballar duramente), se nos conta a carreira dun "marron", escravo que foxe do horror e a de Pierre, un francés reunionés noivo dunha galega (este é o único elo con Galicia nesta interesante historia) que se ve obrigado a facer a carreira por motivos familiares.

   A través destas dúas historias paralelas e á vez contrapostas, coñecemos a historia da illa e, por extensión, a difícil convivencia  en sociedades mestizas;  o racismo, o clasismo, pero tamén o mutuo enriquecemento entre as distintas comunidades, do que dá mostra o idioma autóctono, o créole, do que se nos ofrecen pequenos exemplos na obra.

   Ë unha novela bastante breve, que se le con pracer porque conta unha historia que nos fai coñecer unha cultura moi afastada da nosa pero na que tamén asistimos a temas universais, como a loita pola vida ou o amor. E todo, nun estilo áxil, claro, tan trepidante como a propia carreira.
   Moi recomendable.
                                               Susana Piensos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario