luns, 24 de novembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 24 AO 28

Hoxe tráiovos un libro sobre toponimia. A toponimia é unha disciplina difícil: para obter resultados fiables, científicos, hai que perder moita vista e moito tempo buscando entre os documentos vellos as formas e as variantes das palabras cuxa orixe pretendemos coñecer. Mais tamén é unha boa maneira de viaxar ao pasado e de gañar un mínimo de coñecementos sobre o que fomos, sobre quen somos.
Outra vantaxe dos estudos toponímicos é o feito incuestionable de que te obriga a suxeitar a túa fantasía. Se pretendes ser minimamente bo, forzosamente aprendes prudencia.
A maior desvantaxe, en troques, é a intensa tristeza que che pode entrar cando es consciente da cantidade inmensa de fermosísimos nomes de lugar que se perderon e, canto máis te achegas ao presente, a maior velocidade desaparecen: son poucos os seres humanos cultos e/ou con poder político que saben apreciar a importancia da toponimia. Macrourbanizacións, macropolígonos industriais, incluso macrocamposuniversitarios varren do mapa ducias, e ducias de nomes de fontes, de camiños, de lugares, de campos, fragas e leiras que os nosos ancestros veneraron durante centos de anos. Os mapas da Coruña saben moito disto. Entre un mapa do século XIX e un actual xa se percibe a brutal cirurxía. Se collemos  e comparamos agora a microtoponimia que enriquecía a parroquia de san Vicenzo de Elviña co silencio, co esquecemento toponímico actual, a cousa xa é para pensar seriamente que non sabemos apreciar para nada a nosa historia.
Leamos, pois, e gustemos un pouquiño máis da toponimia. Botade  daquela un vistazo a este libro: Toponimia Hispánica. Origen y evolución de nuestros topónimos más importantes. Coordinado por X. Ll. García Arias. Un libro publicado en Valencia no 2011. Están moi ben estudadas nese libro os nomes das cidades e vilas máis habitadas de Galicia.
Ah!, antes de pechar, esquecíame outra marabilla desta disciplina: é un excelente nexo vertebrador. Vale para apreciar o que nos une, o que temos en común. Barcia e Barcelos no N.O. da península, Barcelona no N.E; Xallas no N.O., Sella no N., Jalón no N.E. aprox.; (Sená)briga no N.O., (Segó)briga no centro, (Laco)briga no S. ; Dunum(briga) no N.O., (Viro)dunum [actual Verdún] no N.E.; Viana (do Bolo) no N.O, Viana en Navarra. Etc.
 (Mª Rosario Soto, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')

Ningún comentario:

Publicar un comentario